29 noviembre 2008

TRABALLO DESTINARÁ O PRÓXIMO ANO PRETO DE 20 MILLÓNS DE EUROS A PROGRAMAS DE ECONOMÍA SOCIAL E AUTOEMPREGO

LUGO (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Traballo investirá o ano que vén preto de 20 millóns de euros en iniciativas de economía social e autoemprego para beneficiar a máis de 3.000 mulleres galegas. No período 2005/2008 destinouse a este tipo de programas unha cantidade superior aos 60 millóns de euros e beneficiáronse un total de 13.741 mulleres.
O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, repasou hoxe estas cifras na inauguración do I Encontro Mulleres emprendedoras do medio rural galego. Esta xornada, organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) e o Concello de Lugo, aborda cuestións relativas ao turismo rural, a alimentación, a artesanía, a innovación ou o aproveitamento de escolas rurais e as novas tecnoloxías. No acto participaron tamén o alcalde de Lugo, José López Orozco; o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García; a presidenta de Fademur España, Teresa López; e a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Méndez.
Na súa intervención, Ricardo Varela lembrou que as políticas para o medio rural apelan cada vez máis ás mulleres como suxeitos emprendedores. Un dos grandes obxectivos, neste sentido, é manter a poboación feminina e xuvenil como clave para un novo modelo de desenvolvemento.
O conselleiro de Traballo asegurou que, na procura deste obxectivo, o papel das administracións é fundamental e se configura como unha condición imprescindible para sustentabilidade social do medio. Dende este punto de vista, o apoio o emprendemento é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego, xa que a promoción da iniciativa emprendedora contribúe á creación de microempresas que funcionan, ademais, como instrumentos de corrección das discapacidades do territorio mediante a xeración de emprego.
Así, Ricardo Varela explicou que no programa de promoción do emprego autónomo as mulleres representan case o 50% e que en 2008 se destinaron 16 millóns de euros a apoiar ás traballadoras autónomas. Asemade, este ano tamén se activou o programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) para propiciar o asentamento de novos proxectos empresariais, con especial incidencia no medio rural.