26 noviembre 2008

O PPdeG INSTA A PSOE E BNG A RECTIFICAR E PEDIR PERDÓN POR MISTURAR LINGUA E VIOLENCIA DE XÉNERO

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- A visecretaria xeral do PPdeG e voceira de Igualdade, Susana López Abella, instou hoxe a PSOE e a BNG a efectuar unha rectificación pública e pedir perdón ao conxunto da sociedade por ter misturado lingua e violencia de xénero nunha campaña financiada con fondos públicos baixo o lema “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua”.
Os populares galegos reclaman, ademais, que as administracións que financiaron a campaña –Concello da Coruña e Deputación Provincial, coa colaboración da Universidade herculina- suspendan a iniciativa inmediatamente e devolvan os cartos gastados ata o de agora no desenvolvemento da medida.
FALTA DE ESCRÚPULOS
Para Susana López Abella, pretender misturar lengua e violencia de xénero revela a absoluta falta de escrúpulos dos seus promotores que non só revelan un preocupante descoñecemento de cada unha desas realidades, senón que insultan directamente ás vitimas desa lacra social.
Equiparar a violencia de xénero coa situación da lingua galega equivale a banalizar unha realidade dramática, que custa vidas humanas –tres mulleres levan falecido en Galicia no que vai de ano a mans das súas parellas- e provoca situacións dramáticas que atentan contra a dignidade das vítimas e das súas familias.
A xuízo da deputada popular, campañas como a impulsada polo Concello da Coruña e pola Deputación Provincial contribúen a desacreditar ao conxunto da clase política, que, deste xeito, revela unha preocupante incapacidade para dar resposta ás necesidades e inquedanzas dos cidadáns que os teñen elidido.
CHAMAMENTO A TOURIÑO E A QUINTANA
López Abella apela á responsabilidade do presidente da Xunta e do vicepresidente da Igualdade para que poñen orde nos seus respectivos partidos políticos e desautoricen públicamente aos artífices desa desafortunada campaña. “De non facelo, tanto Touriño como Quintana estarían dando por boa a equiparación entre lingua e violencia de xénero, que o conxunto da sociedade cuestiona abertamente”, agrega.