27 noviembre 2008

UN MILLAR DE ESCOLARES VIAXARÁN Á ESTACIÓN DE ESQUÍ DE SAN ISIDRO A TRAVÉS DO PROGRAMA “SEMANA BRANCA” PROMOVIDO POLA DEPUTACIÓN

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o expediente para a contratación da xestión, organización e prestación dunha viaxe á Estación de San Isidro para os estudantes da provincia de Pontevedra, no marco do programa Semana Branca. O custe da mesma ascenderá a 95.000 euros.
O programa, que busca achegar o esquí ós centros da ESO (1º, 2º E 3º) fomentando o traballo en equipo e a convivencia entre os rapaces a través dun deporte practicado no medio natural, inclúe os traslados dende os colexios ata a Estación e viceversa en autocares, seguro de esquí e de viaxe, un cursiño de esquí dun total de dez horas de duración impartido polos monitores da Escola Española de Esquí durante dúas horas cada día, acreditación con diploma ó remate do mesmo, aluguer do material deportivo e monitores de tempo de lecer durante as 24 horas.
Tamén aloxamento en réxime de pensión completa e visitas a León, ó Torreón e ó Parque de Puebla de Lillo, actividades para as horas que non se practiquen clases de esquí, isto é: trineos, xogos de animación, construción de iglús, de bonecos de neve, obradoiros de manualidades, sesións de cine, charlas sobre esquí, etc. Asemade, contemplarase unha serie de actividades alternativas no caso de que as condicións meteorolóxicas impidan o desenvolvemento normal da actividade.
Para o financiamento da actividade, a Deputación asumirá unha cantidade de 95 euros por persoa; os Concellos adheridos 35 euros por persoa; e os beneficiarios achegarán unha cantidade máxima de 165 euros. Está previsto que viaxen á neve un total de 1.000 escolares.