24 noviembre 2008

O PP de Redondela denuncia
o estado do 'scalextric'


REDONDELA (MORRAZO-tribuna).- O edil popular Cándido Vilaboa asegura que as gomas das xuntas de dilatación están gastadas ou son inexistentes nesta estructura . O Partido Popular de Redondela denuncia o estado de deterioro no que se atopan as xuntas das dilatacións da ponte da estrada N-550 Pontevedra-Tui ó seu paso polo municipio, coñecida popularmente co nome de 'scalextric'. O concelleiro do PP responsable da parroquia de Redondela, Cándido Vilaboa, é quen deu a voz de alarma sobor deste problema alertado polas intensas vibracións que se rexistran na ponte cando camións e outros vehículos pesados circulan sobre ela.
Segundo Vilaboa, "esta situación está a xerar serios problemas nas vivendas próximas coma ruídos e gretas no interior, tanto de casas como de edificios". Ademais, o edil popular argumenta que "debaixo da ponte realízase o mercado e habería postos do mesmo que sufrirían o impacto no suposto caso de que se producise un derrubamento da infraestructura".
Deste xeito, o edil popular Cándido Vilaboa insta ó alcalde, Xaime Rei, a que lle solicite ó ministerio de Fomento "que se faga un estudio da situación actual da estructura da ponte xa que é evidente que na actualidade as gomas das xuntas de dilatación están gastadas ou son inexistentes" e tamén pide "un estudio da situación actual das vivendas colindantes e da contaminación acústica da zona". Vilaboa insistiu, para rematar, no impacto que esta infraestructura está a ter sobor do centro de Redondela "xa que as gretas nas casas e os ruídos que lle impiden o descanso ós veciños son un feito", declarou o concelleiro.