26 noviembre 2008

QUINTANA CHAMA AO CONXUNTO DA CIDADANÍA GALEGA A IMPLICARSE NA CONSTRUCIÓN DO PROXECTO DE PAÍS QUE SUPÓN O BANCO DE TERRAS

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, chamou hoxe á implicación de toda a cidadanía galega na construción do proxecto de país que representa o Banco de Terras de Galiza (Bantegal). Quintana presentou esta mañá en Compostela, xunto co conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, e o humorista gráfico Xaquín Marín, a obra Sorrisos e boa colleita, na que 41 creadores galegos reflexionan en viñetas sobre o agro galego e apoian o proxecto do Banco de Terras. A obra forma parte das iniciativas deseñadas por Medio Rural para dar a coñecer o Bantegal.
Durante a súa intervención, o vicepresidente sinalou ao humor gráfico galego como un dos exemplos máis sintomáticos da arte entendida como compromiso. “A historia do humorismo gráfico é a historia do noso país”, dixo, e engadiu que “sempre fomos capaces de facer da arte, da literatura, do deseño, da ilustración, un espello do que somos como nación”. Neste senso, lembrou a Castelao, Cunqueiro, Risco, Lamas Carvajal, Fernández Flórez e Valle Inclán, entre outros, “unha carteira de talentos que teñen boa continuidade hoxe na nova xeración de creadores galegos que coroan a nosa cultura”.
Quintana indicou que o libro presentado hoxe entronca con esa tradición artística e considerouno como “unha auténtica homenaxe dos artistas galegos ao noso agro”. Ademais, afirmou que mesturar humor e política “é unha boa idea e ademais tremendamente necesaria”, porque o humor traslada con contundencia os conceptos.
Balance do Bantegal
O Banco de Terras de Galicia, en palabras do vicepresidente “é sen dúbida un dos maiores proxectos que este Gobernos puxo en marcha, un proxecto nacional que aspira a converterse na gran estrutura mobilizadora das superficies agrarias, e por extensión, da capacidade produtiva do medio rural galego”. Cando cumpre o seu primeiro ano de vida, Quintana quixo poñer de relevo o seu “satisfactorio balanzo de xestión, con resultados visibles que confirman a súa necesidade”. Nestes momentos, o Banco contabiliza 7.012 fincas inscritas, das que máis de 830 están cedidas ou en trámite de cesión para o seu aproveitamento agrario, moi por riba do horizonte de 500 cedidas para finais de 2008 que se estimaban hai un ano.
Campaña informativa
Malia estas boas cifras, o vicepresidente dixo que se trata da construción dun proxecto de país no que non se pode baixar a garda, e sinalou a importancia de facer visible e recoñecible a iniciativa entre os galegos e as galegas. Con este fin, a Consellería do Medio Rural leva posto en marcha un portal sobre o Bantegal e despregou unha intensa campaña de divulgación, no marco da que se levan realizado 306 actividades informativas en 224 concellos. Nos próximos meses, organizaranse ademais máis actividades formativas na rede de oficinas comarcais agrarias de Galiza, e desenvolverase unha campaña itinerante a través dun autobús que percorrerá máis de 30 comarcas galegas.
Quintana afirmou que “é preciso facer valer ao Bantegal como o instrumento de garantías que é, comunicar o potencial que ofrece para transformar o abandono de terras nunha aposta xeradora de riqueza e emprego, e facer pedagoxía de país”. O vicepresidente quixo trasladar aos propietarios unha mensaxe de confianza acerca das oportunidades que abre. O Banco de Terras propón unha metodoloxía de traballo que, sen tocar a propiedade, permite multiplicar e atraer beneficios para quen se suma a esta iniciativa, dimensionar as explotacións agrarias e traducir novos retornos sociais e ambientais. Neste senso, fixo un chamamento aos propietarios de predios rurais para que se sumen a esta iniciativa “sobre todo nun momento de crise económica como o actual, no que poden ter unha renda suplementaria a base de colocar o seu capital no banco preciso, un banco público, o Banco de Terras”. É, segundo Quintana, unha ferramenta con avais reforzados: “Hoxe, máis que nunca, non hai banco máis garantista que este”, remachou. O vicepresidente sinalou que é o momento de que o capital dos Galegos rente, e explicou que esta posibilidade abre ademais a porta a un uso das superficies agrarias que vai crear emprego e riqueza. “Ese é o novo modelo económico que nós queremos, un modelo económico baseado na economía produtiva e afastado das turbulencias especulativas dos mercados que vemos todos os días nos xornais”.
Anxo Quintana rematou a súa intervención agradecendo a colaboración dos creadores que participaron na obra presentada hoxe e o seu compromiso co país. “Fronte aos que identifican o rural como batalla perdida e como escenario improdutivo, nós cremos nas súas posibilidades e facemos unha lectura en positivo”.