25 noviembre 2008

PPdeG denuncia que o paso do tempo está desinflando as expectativas suscitadas pola Lei de protección integral contra a violencia de xénero

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Violencia de Xénero, o PPdeG, recorda a longa nómina de carencias que se rexistran en Galicia para loitar axeitadamente contra esta lacra social que, no que vai de ano, xa custou a vida a tres mulleres na Comunidade Autónoma.
Susana López Abella, vicesecretaria xeral do PPdeG e voceira de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular, apunta, como exemplos destas carencias, que a Xunta e o Goberno central continúan sen facer efectivos os xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades de Lugo, Ourense e Ferrol, reclamados por un mandato unánime da Cámara autonómica; e que os comprometidos para Santiago de Compostela e para Pontevedra continúan sen entrar en funcionamento.
Con todo, non é esta a única carencia, xa que o déficit denunciado polo PPdeG se extende ao insuficiente número de policías dedicados a tarefas de prevención e loita contra a violencia de xénero, ao tempo que o protocolo deseñado para valorar o grao de risco ao que se ven sometidas as hipotéticas vítimas resulta pouco efectivo.
ESPECTATIVAS QUE SE ESFUMAN
Neste escenario, o PPdeG conclúe que as espectativas espertadas coa entrada en vigor da lei integral contra a violencia de xénero se están a esfumar a medida que avanza o tempo, como acreditan informes do propio Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, o informe anual do Defensor del Pueblo ou Amnistía Internacional.
“Malia os discursos grandiolocuentes os actos coloristas organizados estes días, o certo é que as mulleres non están máis protexidas nin se senten mellor atendidas polas Administracións Públicas que nos anos anteriores”, conclúe López Abella.
O PPdeG insiste na necesidade de mudar os estereotipos sexistas que subsisten na sociedade e reclama campañas de sensibilización encamiñadas a fomentar o rexeitamento de todo tipo de violencia entre todos os colectivos, ademais de reforzar os medios materiais e humanos necesarios para ofrecer unha resposta inmediata e acaída a cada tipo de caso.
INVISIBILIDADE DA MULLER RURAL
Reclaman tamén os populares galegos a elaboración e posta en marcha dun plan integral de loita contra a violencia de xénero en Galicia, que atenda especialmente á situación das mulleres rurais, as grandes esquecidas cando se abordan este tipo de problemas.