05 diciembre 2008

El presidente Touriño cree necesario retomar el espíritu de consenso de la Constitución Española

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, realizou hoxe un chamamento “a toda a sociedade galega, ás forzas políticas, aos axentes económicos e sociais, ao conxunto da cidadanía”, para retomar o espírito de consenso da Constitución e redobrar “o esforzo de entendemento, unidade e confianza que tan útil nos resultou no pasado para afrontar e vencer os momentos de dificultade”. Na conmemoración, esta mañá na Coruña, do 30 aniversario da Carta Magna, apuntou que “o gran éxito colectivo que supuxo a Constitución” e o seu desenvolvemento ao longo de tres décadas de “democracia plena, de autogoberno e de progreso en todos os ámbitos”, amosaron que “dispoñemos das enerxías e das capacidades necesarias para afrontar os desafíos máis complicados”.

“A Constitución ensinounos a confiar en nós mesmos e nas nosas capacidades colectivas”, dixo o presidente galego, e engadiu que “hoxe, cando atravesamos por un momento de forte crise económica, é bo lembrar que a confianza segue a ser un dos nosos maiores activos”. Así, insistiu en que toda a sociedade galega, mesmo as persoas que sofren con máis intensidade os efectos da crise económica teñen motivos para a esperanza, desde o convencemento de que “con confianza nas nosas forzas, con diálogo, convicción e solidariedade gañaremos esta batalla”.

O autogoberno como instrumento para saír fortalecidos da crise
O máximo mandatario autonómico salientou que foi a Constitución a que fixo posible a configuración do Estado das Autonomías e a que trouxo para Galicia “unha nova etapa histórica”, na que se converteu “por primeira vez na modernidade en suxeito político e institucional”. Segundo dixo, pese a nacer entre “serias dificultades”, a autonomía galega se consolidou ao longo destes 27 anos “como un marco político positivo e necesario que goza do consenso e da estima da cidadanía”.

“En situacións de crise como a actual, o autogoberno revélasenos como un instrumento positivo para a elaboración de políticas e a adopción de medidas tendentes a paliar os efectos concretos da crise e sentar as bases dunha recuperación da que Galicia sairá máis fortalecida”, aseverou Pérez Touriño.

Os piares dunha sociedade solidaria, xusta e cohesionada
No acto celebrado na sede da Delegación do Goberno en Galicia, o xefe do Executivo autonómico manifestou que a Constitución é a plasmación dun gran pacto político e tamén dun gran pacto social que ten como piares “a solidariedade e a xustiza”.

Así indicou que a inclusión na Carta Magna dunha “ampla batería de dereitos sociais” responde á vontade dos constituíntes de “asentar sobre sólidas bases políticas a construción dunha España máis xusta e máis solidaria. Dunha España socialmente cohesionada”. Esa é a orixe, sinalou, “dun marco legal do máis alto rango xurídico para os dereitos sociais, para o avance da igualdade e para a atención solidaria cos máis desfavorecidos”. Touriño destacou que a Constitución establece como obriga do Estado o mantemento dun sistema de Seguridade Social que garanta a protección dos desempregados, e dereitos básicos como a educación, a sanidade ou o sistema de pensións.

Ademais, o presidente galego resaltou que a Carga Magna “tamén cambiou por completo o sistema de relacións laborais en España”, outorgando un relevante papel aos sindicatos e organizacións empresariais e asentando “as condicións necesarias para que a concertación e o diálogo social deixase de ser un feito excepcional para converterse en norma”.

“O Estado de Dereito gañará a batalla” ao terrorismo
No seu discurso, o presidente da Xunta lamentou que este ano o aniversario da Constitución estea de novo marcado pola “conmoción e a tristura” do asasinato a mans de ETA do construtor vasco Ignacio Uría Mendizábal. Touriño asegurou que “todas esas accións miserables, toda a ruindade, a violencia e o sufrimento que os terroristas sexan aínda capaces de producir non van servir para alcanzar ningún obxectivo político”.

Nesa liña, o xefe do Executivo autonómico abondou en que “o terrorismo non tivo onte, non ten hoxe, nin terá no futuro ningunha posibilidade de gañar a súa guerra contra a democracia”, xa que está condenado “política e moralmente pola sociedade española e polo pobo ao que di defender e cuxo nome usurpa”.

Pérez Touriño manifestou a súa “confianza sen fendas” no traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado na loita contra o terrorismo, e o seu convencemento de que “a unidade dos cidadáns e de todas as forzas políticas e sociais é a mellor garantía de que lograremos poñer fin a esta lacra despiadada e inútil”. “O Estado de Dereito gañará sen dúbida esta batalla”, aseverou.