05 diciembre 2008

Entra en servicio un edificio de usos múltiples para los marineros de A Guarda

A GUARDA (MORRAZO-tribuna).- A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, inaugurou hoxe o edificio de servizos múltiples construído no porto pesqueiro da Guarda para o uso dos profesionais do mar desta localidade, que funcionará como espazo auxiliar da lonxa. No acto de inauguración, a titular de Pesca estivo acompañada pola delegada territorial de Pesca en Pontevedra, Ángeles Montero López; polo Alcalde guardés, José Manuel Rodríguez Freitas; e o Patrón Maior da Confraría de Pescadores, Francisco Pérez Rodríguez.
O obxectivo desta obra, realizada pola Administración pesqueira galega, é mellorar os servizos existentes no porto pesqueiro cunha infraestrutura que se comunica coa lonxa e que alberga como usos principais os de zona de clasificación do percebe, instalacións frigoríficas e vestiarios. Nesta actuación, o departamento que dirixe Carmen Gallego investiu un total de 451.176,65 euros. Con esta infraestrutura a Consellería buscou que as novas instalacións se integrasen dentro da estética da zona onde coexisten diferentes tipoloxías construtivas.

Así, o edificio é un prisma desenvolvido nunha soa planta, cunha altura libre interior próxima aos 3,5 metros que permite traballar sen dificultades. A edificación ten unha lonxitude aproximada de 24 metros, unha anchura de 9,70 e unha altura de 4,65 metros. O edificio de usos múltiples conta cunha superficie útil total de 176,54 metros cadrados e acolle os vestiarios feminino e masculino, unha sala de caldeiras, unha sala de máquinas, un espazo para a fabricación de xeo, unha cámara de conservación de conxelados, unha cámara de fresco, un local para viveiros, unha sala de clasificación de percebe e un vestíbulo.
Esta actuación, levada a cabo no porto pesqueiro da Guarda, é froito do empeño do Goberno galego por mellorar as infraestruturas portuarias adscritas á nosa comunidade autónoma, co fin de que os profesionais do mar teñan unhas mellores e máis doadas condicións de traballo. Outras actuacións na Guarda A responsable de Pesca explicou no acto de inauguración de hoxe que, xunto co investimento realizado para a construción do edificio de usos múltiples, o seu departamento ten realizado outras actuacións a prol do sector pesqueiro da Guarda por importe total de 1.344.342,99 euros.
Entre estas accións destacan a nave de redes levantada para as redeiras e atadeiras da zona, que foi inaugurada por Carmen Gallego o pasado mes de outubro. Trátase dunha infraestrutura ubicada tamén no porto pesqueiro guardés, para a que a Consellería achegou máis de 500.000 euros. Así mesmo, sinalou que o seu departamento dotou aos profesionais do mar de dúas carretillas elevadoras (unha eléctrica de capacidade de 2.000 quilogramos e outra telescópica para movemento de pesos no porto) e concedeu ao pósito guardés axudas económicas para a pesca costeira artesanal (Pecosa), ao amparo da Orde de axudas co mesmo nome, así como para proxectos colectivos (asistencias técnicas e vixilancia), formación e para a posta en marcha de iniciativas de promoción sociocultural.