08 diciembre 2008

Vivendas comunitarias como proxecto para optimizar recursos : Quintana aposta polas iniciativas conxuntas que xeren economías de alcancee

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- .- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, salientou hoxe a importancia que teñen as vivendas comunitarias para mozos e maiores como un proxecto co que optimizar recursos e emprender iniciativas conxuntas que xeren economías de alcance, coas que así facer fronte ao actual contexto de crise económica. Para Quintana é preciso crear na actualidade proxectos que integren nunha mesma solución respostas a múltiples demandas.

O vicepresidente do Goberno galego fixo estas declaracións hoxe en Allariz, no decurso da presentación do inicio de obras dun edificio interxeracional que se creará neste municipio. No acto tamén participou a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, e o alcalde de Allariz, Francisco García. Alí, Quintana amosou a súa satisfacción por poder presentar na vila un proxecto destas características e afirmou que isto é posible porque Allariz “ten feitos os deberes” en materia de planeamento urbanístico, e ten reservado o espazo e os terreos para cedelos para este tipo de dotacións.Segundo explicou Anxo Quintana, este tipo de vivendas comunitarias nacen froito da unión de forzas entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería de Vivenda e procuran un dobre obxectivo: por unha banda melloran o benestar e a calidade de vida das persoas maiores, evitando o seu illamento e favorecendo a permanencia en contornos normalizados; e por outro lado, resolven as dificultades de acceso a unha primeira vivenda por parte da xuventude. Para Quintana estes proxectos nacen porque agora é o momento para a política social, para atender ás necesidades dos colectivos que máis axuda e protección precisan, e lembrou a responsabilidade que ten o Goberno galego de poñer en marcha iniciativas deste tipo que beneficien a mozos e persoas maiores.
Novo concepto de vivendas
O edificio interxeracional que se comezará a construír en Allariz supón un novo concepto de vivenda pioneiro no país e no Estado. Trátase dunha nova fórmula de vivenda protexida en réxime de alugueiro destinada ás persoas maiores e aos mozos e mozas, ao tempo que dispón na planta baixa dun centro de día con 30 prazas, infraestrutura coa que se amplía o catálogo de recursos do Sistema Galego de Benestar. A través deste novo formato residencial a vivenda deixa de ser un recurso individualizado para converterse nun instrumento que constrúe rede social, ao tempo que se sitúa a Galiza como líder do Estado na aposta pola innovación nas políticas de vivenda social, xunto con outras iniciativas en materia de vivenda promovidas desde o Goberno galego.

Tal como detallou Anxo Quintana, con este proxecto xurdido da suma de esforzos entre a Vicepresidencia e a Consellería de Vivenda, quérese satisfacer as distintas necesidades que hai na actualidade, e que se reflicten en datos como que o 11 por cento dos fogares galegos vive un maior solo, mentres que, por outra banda, case o 75 por cento dos mozos de entre 18 e 29 anos viven ou se ven obrigados a vivir cos seus pais. Ademais, os xóvenes que deciden emanciparse gastan ata un 72 por cento do seu salario no pago dunha hipoteca. Para Quintana estas son realidades sociais de Galiza ás que o Goberno está obrigado a darlle solución.

O novo edificio, que estará rematado a finais de febreiro de 2010, conta con baixo e tres andares e disporá de 32 apartamentos de unha e dúas habitacións que serán alugados a mozos e maiores a prezos asequibles. Trátase dun edificio vangardista e accesible para as persoas con mobilidade reducida, e foi deseñado con diferentes solucións na procura do aforro enerxético. No inmoble habilitaranse ademais zonas comúns para facilitar a sociabilidade e as relacións sociais entre os residentes. Na construción deste edificio, que ocupa máis de 1.400 metros cadrados de superficie, investiranse un total de 2,6 millóns de euros.

Proxecto global
Esta actuación que se está a levar a cabo en Allariz forma parte dun proxecto máis amplo que ten presenza en diferentes puntos do país. Así, están en marcha proxectos destas características en 8 concellos de toda Galiza, cun orzamento global de 20,6 millóns de euros, e que suporán a construción de 210 vivendas interxeracionais e un total de 240 prazas en centros de día. Nestes momentos xa están en execución os proxectos de Ferrol, As Pontes e Vilagarcía, aos que agora se suma Allariz. As restantes actuacións, localizadas en Mondoñedo, Lugo, O Barco de Valdeorras e Teo, atópanse en fase de tramitación.

Políticas de maiores
Ao fío desta presentación, o vicepresidente da Xunta explicou que o proxecto presentado hoxe en Allariz forma tamén parte dunha política global de atención ás persoas maiores do país. Así lembrou que o obxectivo básico desta política é facer que a xente maior poida vivir no seu ámbito familiar o maior tempo posible, para o que se puxeron en marcha servizos e programas destinados á autonomía persoal e ao apoio aos coidados no contorno familiar. 

Nesta liña, Quintana referiuse á posta en marcha do transporte adaptado, o 065 social, que a finais de ano chegará a todos os concellos galegos; falou do programa Xantar na Casa, do que xa se benefician na actualidade 32 concellos da provincia de Ourense e que no 2009 chegará a toda a provincia; e salientou tamén a libranza do coidador, unha paga que inclúe tamén a alta na Seguridade Social para as persoas que coiden aos maiores na súa casa, dignificando así o labor do coidador. Ademais, lembrou que nos últimos anos multiplicouse por 3 o orzamento destinado ao programa de Axuda no Fogar.

Nembargantes, o vicepresidente Quintana recoñeceu a necesidade de crear prazas residenciais para aquelas persoas que poidan necesitar este tipo de servizos, e explicou que tamén nestes tres anos de lexislatura se traballou na creación de novas residencias, incrementando así en 2.000 as prazas públicas dispoñibles en Galiza.