VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-Os galegos embarcados, reclusos, enfermos e destinados en misións internacionais poderán votar por correo, segundo recolle a lexislación electoral. Con esta medida garántese que todas as persoas que se atopan nalgunha destas situacións excepcionais poidan exercer o seu lexítimo dereito ao sufraxio e elixir aos seus representantes no Parlamento de Galicia na vindeira cita electoral do 1 de marzo. Para todos estes casos a data límite para solicitar o voto é o 19 de febreiro.
O primeiro destes votos está destinado ao persoal embarcado en buques da armada ou que, por pertencer a unidades militares terrestres ou aéreas, se atope destacado fóra de España, tanto en situacións vinculadas coa defensa nacional como participando ou cooperando coas forzas dos países aliados e de organizacións internacionais en tarefas de asistencia humanitaria ou mantemento da paz internacional. Neste sentido, hai que lembrar que actualmente hai soldados españois e galegos traballando nestas actividades en países como Bosnia, Kosovo, Afganistán, Líbano, Chad e o Congo.
Neste tipo de participación electoral o comandante do buque ou o xefe da unidade debe remitir a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio ao director xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, que tramitará as correspondentes solicitudes do certificado de inscrición no censo electoral. Cada solicitante fará constar o seu nome e apelidos; número do DNI; provincia, municipio e data de nacemento; municipio de residencia no que está incluído no censo electoral e o enderezo do seu domicilio.
A delegación provincial da oficina do censo electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do interesado, remitirá a documentación electoral á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, para que, polo procedemento máis urxente posible, a faga chegar aos destinatarios.
Envío do voto
Unha vez recibida a documentación e emitidos os votos, estes son postos a cargo do comandante do buque ou xefe da unidade, que os custodiará ata a recollida polo encargado do seu transporte a territorio nacional.
A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa fará chegar os votos recibidos á Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, S.A. antes do terceiro día previo á realización das eleccións, para que esta os remita con carácter urxente á mesa electoral correspondente. Os servizos de radiotelegrafía dos buques ou das unidades terán a consideración de dependencias delegadas do servizo de Correos. Os comandantes dos buques ou xefes de unidade, así como os comandantes dos avións e o director xeral de Persoal do Ministerio de Defensa terán a consideración de funcionarios encargados da recepción das solicitudes.
Mariña Mercante
Doutra banda, existe outro tipo de votación excepcional por correo para os membros da Mariña Mercante, das flotas pesqueiras de altura abandeirados en España e do persoal que permaneza embarcado dende a convocatoria de eleccións ata a súa celebración e que durante este tempo arribe a porto, previamente coñecido, dentro do territorio nacional.
Nesta modalidade o elector debe solicitar o certificado de inscrición no censo electoral e a documentación para exercer o dereito de sufraxio á delegación provincial da oficina do censo electoral onde está inscrito, ben sexa a través de radiotelegrafía, correo electrónico ou fax. Na solicitude debe constar o seu nome e apelidos; o número de DNI; a data de nacemento; o municipio de residencia no que está incluído no censo electoral; o buque no que se atopa embarcado e os porto ou portos nos que teña previsto arribar, con indicación das datas concretas en que se produza.
No caso de que se poida recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase á delegación provincial do censo electoral o porto, armador consignatario ou buque onde o elector quere recibila. O voto remitirase por correo certificado e urxente, dende calquera dos portos no que o buque atraque, á mesa electoral na que lle corresponda votar.
Electorado en penitenciarías
A terceira destas modalidades de voto postal abrangue aos internos en penitenciarías que non foran privados do dereito de sufraxio, para os que se farán sesións informativas de explicación e aclaración aos interesados.
Nesta modalidade a dirección de cada centro penal solicita a Correos que un funcionario deste servizo se desprace nunha data determinada ao centro cos impresos de solicitude de inscrición no censo necesarios para que, alí mesmo, se cumprimenten por os internos. Se algún dos reclusos carecera de DNI, basta co documento de identidade interior que teñen todos os internos sempre que apareza a súa fotografía.
A oficina do censo electoral debe remitir á penitenciaría sobres e papeletas suficientes que deberán ser entregadas persoalmente por o funcionario de Correos aos electores e tras a súa votación enviados á mesa electoral que corresponda.
Enfermos e impedidos
Por último, as persoas que por enfermidade ou incapacidade non poden solicitar persoalmente o voto por correo deberán acreditarse mediante un certificado médico oficial e gratuíto para que o poida facer no seu nome outra persoa, debidamente autorizada notarial ou consularmente mediante documento que se estenderá de forma individual. Comprobada a circunstancia pola xunta electoral competente tramitarase a solicitude, sempre e cando se aporte o pertinente certificado médico acreditativo.
Para obter máis información, ademais do teléfono gratuíto de información ao elector (900 878 765), pódese consultar a páxina web das Eleccións ao Parlamento de Galicia (www.eleccions09.xunta.es) dentro do apartado “Métodos de votación”.