17 febrero 2009

Quintana reclama para Galiza "seleccións deportivas e competir institucionalmente"

QUINTANA RECLAMA QUE O NOVO ESTATUTO RECOÑEZA O DEREITO “A TERMOS SELECCIÓNS DEPORTIVAS E COMPETIR INSTITUCIONALMENTE, COMO PAÍS QUE SOMOS”
-O candidato nacionalista avoga por unha lei galega de mecenazgo e resalta a necesidade de “blindar a práctica deportiva das turbulencias da situación económica”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta mañá no Pavillón de Bouzas nun acto no que expuxo algunhas das principais propostas programáticas do nacionalismo galego en materia de deporte e destacou de xeito especial a necesidade de que o Novo Estatuto recolla “o dereito a termos seleccións deportivas e a competir institucionalmente, como país que somos”.

O líder nacionalista estivo acompañado neste acto por preto de 100 persoas que representaban a diferentes federacións e entidades do mundo do deporte en todas as súas disciplinas, para alén de nomes significativos do mundo do deporte como Pablo Cimadevila, Iván Pozo, Eva Castro, Álvaro Pino, Ezequiel Mosquera, Iván Raña, Javier Mate, Jorge Otero ou Julia Vaquero.

O primeiro obxectivo que se fixou o portavoz nacional neste contexto de crise económica foi “blindar a práctica deportiva das turbulencias da situación económica porque é un elemento fundamental para afrontar a situación con moral e capacidade para afrontar os problemas”.

O número un do BNG apostou por “traballar para seguir a consolidar unha nova cultura do deporte que deixe de identificalo coas subvencións”. Nese sentido quixo resaltar a importancia de “marcarnos obxectivos comúns e crear un fluxo económico do goberno cara as entidades asociativas” e, nese sentido apostou por crear “novos marcos legais a través dunha nova lei galega de deporte que ordene o exercicio profesional ao redor da práctica deportiva”.

Destacou entre as propostas nacionalistas a creación dun “Consello Galego do Deporte como órgano de participación, rector, que teña o seu ámbito institucional para marcarnos obxectivos e comprometernos a cumprilos” e, nesa liña, indicou que “non debe ser unha política fixada polo goberno. Debemos marcala conxuntamente nun órgano e cada un nos comprometamos a cumprila”.

De aí, a importancia de crear unha colaboración institucional estábel porque “non pode ser que o goberno vaia por un lado e os concellos por outro. Temos que institucionalizar a colaboración”.

Avogou por fixar un “Plan galego de infraestruturas e un ente consorciado no que os concellos e a Xunta poidan planificar dun xeito estábel, infraestruturas que non compitan”.

Mecenazgo

Anxo Quintana destacou a importancia de crear “novas fórmulas de financiamento para que as empresas poidan sumarse ao mecenazgo e vexan na práctica deportiva un atractivo que lles proporcionen beneficios fiscais. Por iso queremos unha lei galega de mecenazgo deportivo e termos as competencias no Novo Estatuto”.

Apostou tamén por constiruír un “cluster galego do deporte para axudar a construír emprego, industria e riqueza. Pode construírse industria, emprego, riqueza” e lembrou que para o BNG o deporte “é un instrumento para xerar benestar para os cidadáns, pero tamén debe ser un instrumento para que Galiza sexa coñecida no mundo como un país con cultura diferenciada e de aí que reclamemos que no Novo Estatuto quede reflexado o dereito a ter seleccións deportivas e competir institucionalmente e mostrarnos no mundo como país que somos, un país orgulloso de si mesmo”.

O apoio ao deporte paralímpico e a creación dun plan galego de deporte tradicional foron outros dos obxectivos destacados polo número 1 do BNG.

Traballo feito

Na súa intervención inicial, Quintana quixo reivindicar “o camiño marcado nesta lexislatura e indicou que antes había accións para o deporte e deportistas, pero non estaba fixado cara onde se quería ir” nestes tres anos e medio púxose en marcha unha auténtica política deportiva.

Destacou como “estrea de ouro” a celebración do primeiro encontro da selección galega como “símbolo dunha nova época, un novo tempo” e destacou os tres aspectos máis destacábei do labor destes anos: o traballo para estruturar o sector, o entendemento da práctica deportiva como instrumento para xerar benestar e a consideración do deporte como sinal de identidade do noso pobo”.

O cartel nacionalista destacou tamén o labor desenvolvido en materia de investimentos de xeito que se crearon liñas de axuda que chegaron a acadar 17,8 ME, o que supuxo un aumento do 60% respecto de orzamentos para 2005. Estes investimentos. O incremento anual destes investimentos moveuse entre o 3 e 6%.

Salientou tamén un incremento no investimento en infraestruturas que tivo un aumento superior ao 50% en 2008, con respecto ao 2005 e destacou tamén o incremento no apoio económico ao deporte escolar e universitario até acadar un aumento do 75%.

A incorporación da muller á práctica deportiva, ou o esforzo institucional para que o deporte chegase ás persoas con caquera tipo de discapacidade, foron outros dos eidos nos que máis se traballou nestes tres anos e medio.