07 abril 2009

El Gobierno echa otra mano a las concesionarias de Autopistas para que sigan diciendo ¡ancha es Castilla...!

“Cando un voo ou un tren chegan cun atraso considerable os clientes teñen o dereito a reclamar a devolución dunha parte do importe, non hai ningún motivo para que nas autoestradas non sexa igual”
EN RESPOSTA AO BNG O GOBERNO OPONSE A QUE AS CONCESIONARIAS TEÑAN QUE DEVOLVER PARTE DA PEAXE AOS USUARIOS CANDO HAI OBRAS QUE RALENTIZAN O TRÁFICO NAS AUTOESTRADAS
Fomento responde a Xosé Manuel Pérez Bouza que “en España existe sempre un itinerario alternativo ás autoestradas de peaxe”, unha afirmación que para o senador do BNG “non se corresponde coa realidade, especialmente en Galiza, onde a alternativa á AP-9 é case inexistente”

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- En resposta a unha iniciativa do senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, o Goberno rexeita de plano que as concesionarias das autopistas teñan que devolver parte da peaxe aos usuarios cando hai obras na calzada que ralentizan de forma evidente o tránsito.

Xosé Manuel Pérez Bouza presentaba unha iniciativa na que lle solicitaba ao Goberno español que seguise o exemplo de Portugal, cuxo Goberno aprobou o 24 de xullo do pasado ano unha norma que permite aos usuarios solicitar que se lles devolva a parte da peaxe correspondente ao tramo en obras cando estas ralentizan de forma evidente o tránsito.

Neste sentido, o senador do BNG demandaba que o Goberno español tomase tamén partido polos usuarios “porque os clientes das autoestradas do Estado Español non teñen ningún dereito a devolución nestes casos nos que a concesionaria lles presta un servizo claramente inferior ao que pagaron”.

O Goberno asegura que “en España sempre existe un itinerario alternativo á autoestrada de peaxe”

Sen embargo, na súa resposta o Goberno rexeita que esta medida se poida aplicar no Estado español porque “no contrato subscrito entre a Administración Xeral do Estado e as concesionarias non se contemplan reduccións de peaxe pola realización de obras na autoestrada, necesarias para manter o nivel de servizo na mesma”.

Xustifícase ademais en que “no Estado español sempre existe un itinerario alternativo ás autoestradas de peaxe”. “En consecuencia –engade-, o usuario, ante as obras nunha autopista, sempre ten a alternativa de elixir o outro itinerario para realizar o mesmo percorrido, xa que a sociedade concesionaria das obras debe anunciar a existencia das obras antes do tramo afectado”.

Para deixar claro o seu posicionamento en contra da demanda do BNG, Fomento conclúe a súa resposta subliñando que “o Goberno non ten previsto establecer medidas para que as sociedades concesionarias devolvan parte da peaxe pola existencia de obras na vía”.

“O BNG non está de acordo porque en Galiza non hai alternativas á AP-9 e as obras son necesarias, pero tamén unha obriga das concesionarias”

Xosé Manuel Pérez Bouza considera que a resposta “está totalmente afastada da realidade e demostra que Fomento toma claramente partido polas concesionarias e non polos usuarios”.

O senador do BNG lembra que “en Galiza a alternativa á AP9 é practicamente inexistente xa que a alternativa é a N-550, unha estrada conxestionada de tránsito e que na súa maior parte discorre por tramos urbanos, o que ralentiza aínda máis a circulación”.

“Se cando un tren ou un voo chega tarde os usuarios teñen dereito a devolucións, nas estradas de peaxe tamén”

Por último considera que rexeitar a reducción na peaxe aducindo que as obra son necesarias “non é un argumento que se sosteña”. “As obras de mantemento da autopista son unha obriga das concesionarias, nin máis nin menos, e os clientes teñen dereito a que o servizo que se lles presta –unha vía de comunicación que chegar en menos tempo a outro punto- se corresponda co que se ofrece”. Subliña ademais que as empresas concesionarias “obteñen cada ano centos de millóns de euros de beneficios grazas a unhas autopistas que, na súa maior parte foron construídas con fondos públicos e logo privatizadas”.

“Cando un voo ou un tren chegan cun atraso considerable os clientes teñen o dereito a reclamar a devolución dunha parte do importe, non hai ningún motivo para que nas autoestradas non sexa igual”, conclúe o senador do BNG.