PÉREZ BOUZA DENUNCIA QUE SENADORAS GALEGAS DO PP PRESIONARON PARA QUE O SEU GRUPO RETIRARA O SEU APOIO A UNHA MOCIÓN QUE SOLICITABA QUE OS EXAMES DE MIR TAMÉN SE PUIDERAN REALIZAR EN GALEGO
O senador do BNG advirte de que “o cambio de postura evidencia o nova política do PP en Galiza contra a lingua galega”
MADRID (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, denuncia que unha senadora galega do PP presionara hoxe ao seu grupo no Senado até conseguir que retirara o seu apoio a unha moción que solicitaba que os exames de Médico Interino Residente e doutras profesións sanitarias, ademais de en castelán tamén se puideran realizar en galego.
A Comisión de Sanidade e Consumo da Cámara Alta debatía esta mañá unha moción conxunto do Grupo Parlamentario Catalán de CiU e da Entesa Catalana de Progrés, pola que se instaba ao Goberno a que “os exames da convocatoria do ao 2010 para optar a prazas dos distintos centros sanitarios para a súa docencia de residentes, se poidan realizar no idioma cooficial da súa respectiva Comunidade Autónoma”.
“En menos de media hora o PP pasou de apoiar a moción a rexeitala”
A iniciativa foi apoiada pola BNG, “dado que se trata dun dereito fundamental recollido na Constitución: o uso das linguas cooficiais perante a Administración Pública”.
Neste sentido, e tal como recolle a acta da Comisión, no primeiro turno de intervención a portavoz do PP, María Begoña Contreras Olmedo, senadora por Burgos, expresou o posicionamento do seu grupo á favor da moción e, consecuentemente, o voto a favor.
Sen embargo, uns minutos máis tarde, cando se procedeu a votar a moción, o PP xa mudara de parecer, sendo nese momento cando tomou a palabra a senadora do PP por Pontevedra, Dolores Pan, quen, de xeito sorpresivo, tratou de xustificar o cambio de postura do grupo: abstención e rexeitamento da iniciativa xa que, ao seu xuízo, “incrementaría o gasto e a burocracia”.
“O cambio só sé entende pola nova política do PP de Galiza contra o galego”
Xosé Manuel Pérez Bouza considera que resulta “curioso, que este comportamento do Partido Popular se de precisamente nunha comisión, a de Sanidade e Consumo, na que o PP conta ate con tres senadores/as galegos” e que ademáis sexa unha senadora galega a que trate de xustificar o cambio radical de postura, feito que a xuizo do senador do BNG, so se pode explicar polas “presións que lle impón a nova política lingüística do PP de Galiza en contra do idioma galego e da súa promoción social”.