29 julio 2009

29-J : epístola de Feijóo a los funcionarios

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, animou, hoxe, a buscar, entre todos, unha Administración Pública democrática, responsable e profesionalizada. ‘Unha Administración –dixo- incompatible co lucro e o negocio persoal, incompatible co partidismo impropio dunha Administración que ten que ser plural; consciente da importancia das decisións de cómo investimos doce mil millóns que os galegos nos poñen a nosa disposición en cada un dos presupostos xerais anuais; e na que a competencia sexa a palanca fundamental no acceso a postos de responsabilidade’.

Feijóo, que clausurou, este mediodía, as xornadas da Escola Galega da Administración Pública (EGAP) sobre políticas públicas en tempos de crise, avogou por unha Administración Pública sensible ás necesidades e as demandas dos cidadáns; aberta ao cambio e atenta ás innovacións tecnolóxicas; ‘por iso, -subliñou- a administración sen papeis, a administración a través de internet, a administración sen o desprazamento das persoas senón a través das tecnoloxías da información será un reto durante esta lexislatura’.

Neste sentido, o mandatario galego mostrouse convencido de que os empregados públicos están preparados para afrontar estes retos e subliñou a necesidade de converter aos funcionarios públicos en palanca de mellora da situación de recesión económica na que se atopa a sociedade galega. ‘Os 90.000 empregados públicos somos unha palanca potente para axudar á sociedade galega a saír desta tormenta económica’, afirmou.

Austeridade, eficacia e fomento da economía
Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que austeridade, eficacia e fomento da economía de Galicia, lemas deste encontro, son precisamente tres dos elementos máis característicos do Executivo galego para sacar con éxito unha das súas prioridades: loitar para frear a sangría do paro e traballar para saír fortalecidos da recesión económica, ‘e dicir, traballar arreo polas prioridades dos cidadáns’.

Así mesmo, subliñou que neste momento de graves dificultades económicas non é posible outro goberno que, sen deixar de ser eficiente e eficaz, sexa un goberno austero. ‘Non é posible –afirmou- gobernar sen o principio máximo de austeridade de ver cómo se inviste cada euro público, de facer un esforzo por conter o gasto improdutivo e buscar a máxima posibilidade de incrementar os gastos e os investimentos produtivos’.

Nesta busca da austeridade, o presidente do Executivo autonómico lembrou a reorganización das estruturas orgánicas da Administración, ‘levadas a cabo desde o primeiro día por este Goberno’ e un plan que, só nos orzamentos do que resta de ano supuxo a substitución de 144 millóns de euros de gasto estéril por investimentos produtivos e sociais.

‘Reducimos un 25 por cento o número de consellerías, diminuímos un 26 por cento o número de asesores e baixamos de 79 a 68 o número de secretarías e direccións xerais e fixemos unha profunda remodelación da estrutura periférica da Xunta, pasando de 52 delegados provinciais a 5 delegados territoriais’.

Con esta política de austeridade, o Goberno galego conseguiu, só no que se refire aos altos cargos diminuír en 42 millóns de euros a nómina de altos cargos da Xunta durante esta lexislatura.