27 julio 2009

Por fin se reúne el Comité de Expertos del Camino de Santiago

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O vindeiro día 28 reúnese en Santiago o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Este Comité naceu en 1992 da necesidade de asesorar no campo científico e cultural á daquela Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de cara á celebración do Ano Santo Compostelán de 1993. Unha vez finalizado o Ano Xubilar, a Xunta de Galicia considerou oportuno dar continuidade, de xeito permanente e institucional, ao Comité cuxa composición inicial estaba formada polos máis coñecidos investigadores europeos de temática compostelá.

Estes investigadores tiñan coñecementos específicos sobre a cultura xacobea pero tamén un especial arraigo no mundo xacobeo. Moitos deles eran presidentes de Centros de Estudos Xacobeos ou de Asociacións Nacionais que se dedicaban á cuestión compostelá.

 Inicialmente o comité estaba formado por Vicente Almazán, profesor da Universidade de Wisconsin; Humberto Vaquero, profesor da Universidade de Porto, René de la Coste Messelière, de l’Institut de France; Manuel Díaz y Díaz, da Univesidade de Santiago de Compostela; Klaus Herbers, da Universidade de Erlangen; Robert Plotz, director do Museo Etnográfico de Kevelaer; Brian Tate, da Universidade de Norttingham e ex oficio, Manuel Silva Romero, director xeral de Promoción do Camiño de Santiago que actuaba de secretario. Na súa primeira reunión o Comité elixiu ao profesor Paolo Caucci von Saucken como presidente, cargo que ostenta na actualidade. Paolo Caucci von Saucken e presidente da Confraternita di San Jacopo di Compostella en Perugia e dirixe nesa cidade italiana o Centro de Estudos Xacobeos.

 Novos membros do Comité de Expertos

Despois de catro anos sen terse reunido na súa totalidade, o Comité Internacional de Expertos volverá a xuntarse o vindeiro día 28 de xullo nas dependencias da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, actuando neste caso como secretario o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos Cidras. Tras o pasamento dos profesores René de la Coste Messelière, Vicente Almazán e Manuel Díaz y Díaz, o comité viu modificada a súa composición. Incorpóranse agora tras o seu nomeamento por parte do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, o profesor Manuel Castiñeiras González, do MNAC-Museu Nacional d’Art de Catalunya; o profesor Fernando López Alsina, da Universidade de Santiago de Compostela; e mais a directora de Recherches, Adeline Rucquoi.

Na orde do día da reunión abordaranse temas como a formalización do comité, a posta en marcha do Centro de Estudos Xacobeos e da revista  Ad Limina, a programación do Ano Santo Compostelano e as exposicións e congresos que se prevén celebrar, entre outros asuntos.