24 julio 2009

Camino abierto para la construcción de la autovía Pontevedra-Vilagarcía

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou os trámites e procesos necesarios para proceder á construción da autovía Pontevedra-Vilagarcía (AG-47), co obxectivo de licitar a obra durante o primeiro trimestre de 2010. O Consello da Xunta, na súa reunión semanal, aprobou o decreto polo que declara de utilidade pública e dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción do primeiro dos treitos deste ramal, que discorrerá desde o enlace de Curro ata o enlace de Costa.

No enlace de Curro conectará coa autoestrada AP-9 e coa futura A-57 (Pontevedra-Vigo), unha infraestrutura que construirá o Ministerio de Fomento, así como coa Autovía do Salnés. Unha vez rematado este novo entramado viario de altas prestacións, Vilagarcía estará unida con Pontevedra e Vigo a través dunha autovía libre de peaxe alternativa á AP-9.

A autovía estará formada por dous tramos: o treito enlace de Curro-Enlace de Costa, de case 2 quilómetros; e o tramo enlace de Costa – Baión (variante de Vilagarcía), de 5 quilómetros.

Tramo Curro- Enlace Costa
O departamento que dirixe Agustín Hernández está a iniciar os traballos de expropiacións que afectarán 369 predios dos concellos de Meis e Portas, antes de proceder á licitación das obras no primeiro trimestre de 2010. Este treito da autovía Pontevedra-Vilagarcía terá unha lonxitude de case 2 quilómetros.

O departamento responsable das infraestruturas en Galicia disporá un orzamento de case 14 millóns de euros para a construción deste tramo.

Esta infraestrutura terá unha anchura de 26 metros, distribuídos en 4 carrís de 3,5 metros, unha mediana de 2 metros, dúas beiravías exteriores de 2,5 metros e dúas interiores de 1,5 metros e, por último, dúas bermas dun metro de ancho.

Tamén se deseñarán dúas glorietas, tres pasos inferiores e un superior e un viaduto. Os traballos rematarán coa instalación dos elementos de sinalización e de balizamento, así como a restauración paisaxística na zona afectada polas obras.

Tramitación pola vía de urxencia
A razón da tramitación pola vía de urxencia está xustificada pola posta en servizo, o pasado 16 de xullo, da variante de Vilagarcía. Ademais está a piques de comezar a obra do enlace de Curro que conectará a autoestrada AP-9, a autovía do Salnés (AG-41), a estrada Pontevedra- Vilagarcía (PO-531) e a futura A-57 Pontevedra - Vigo. Por outro lado, o Ministerio de Fomento está a executar as obras de acceso ao Porto de Vilagarcía de Arousa, que rematarán previsiblemente no vindeiro ano 2010.

Todas estas obras tamén terán como nexo de unión a autovía AG-47, unha infraestrutura moderna, segura e eficaz que se considera un proxecto determinante na efectividade da seguridade viaria da zona e que facilitará a conexión entre os municipios da comarca. En consecuencia, esta nova vía permitirá aos cidadáns residentes neste territorio un rápido enlace con outras vías de alta capacidade e coa costa.

Por outro lado, sucede que, mentres non se constrúe a autovía Pontevedra- Vilagarcía, a estrada PO-531, unha vía xa de por si saturada de tráfico que discorre basicamente por zona urbana, é a que canaliza todo o tráfico do resto das vías de alta capacidade.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para preservar a seguranza (tanto das persoas como dos automobilistas), e á necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para esta actuación.