29 julio 2009

Convocados los premios provinciales de Cultura bajo iniciativa de Deputación

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Deputación de Pontevedra, reunida hoxe en Xunta de Goberno, resolveu favorablemente aprobar as bases dos Premios Provinciais á Cultura. Con estes premios quérese seguir impulsando todas as manifestacións culturais mediante o recoñecemento do labor que están a desenvolver asociacións, fundacións, solistas, agrupacións musicais, concellos, mancomunidades ou agrupacións municipais da provincia, así como salientar o papel de Pontevedra como unha provincia comprometida co seu patrimonio cultural.
A contía total destinada a estes premios ascende a 24.000 euros que se repartirán en catro premios de 6.000 euros cada un en distintas modalidades: Premio ó proxecto cultural máis innovador ou vangardista, realizado por asociacións culturais e fundacións sen ánimo de lucro; Premio á traxectoria cultural, levada a cabo por un colectivo cultural da provincia de recoñecido prestixio ó longo da súa historia; Premio César Dios “Diosiño”, en recoñecemento ó labor levado a cabo por solistas ou agrupacións musicais en defensa da música popular; Premio á protección ou recuperación do patrimonio público arquitectónico, levado a cabo por concellos, mancomunidades ou agrupacións municipais.
Os documentos necesarios para cada premio deberán presentarse antes do 10 de outubro deste ano, e son, respectivamente, unha acreditación documental do proxecto ou iniciativa cultural, unha acreditación documental da traxectoria do colectivo, o Currículo Vitae e a acreditación dos méritos musicais da persoa ou agrupación en cuestión e unha acreditación documental e audiovisual da protección ou recuperación arquitectónica feita.
A adxudicación dos premios será determinada por un xurado multidisciplinar integrado polo presidente da Deputación e persoas procedentes de distintos ámbitos culturais.