27 julio 2009

Mais incorporacións á rede
do comercio rural galego

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, destinará ao longo do ano 2009 máis de 1,6 millóns de euros á adhesión de 18 novos establecementos na Rede de Comercio Rural Galego. En concreto, un total de sete establecementos estarán situados na provincia da Coruña, cinco en Lugo, catro en Pontevedra e dous en Ourense. Con estas novas incorporacións, a rede contará a finais de ano con 33 establecementos adheridos, co obxectivo prioritario de dotar de maiores e mellores servizos as zonas rurais,

O proxectos subvencionados están situados nos seguintes núcleos rurais: Burres (Arzúa), San Mamede (Carnota), San Claudio (Ortigueira), Capela (Toques), Cruces (Padrón), Carres (Cesuras), Ponte do Porto (Camariñas), Vilavella (Triacastela), Reigosa (A Pastoriza), Cota (Friol), A Veiga (Sarria), Xermar (Cospeito), Santa Xusta (Moraña), Gres (Vilar de Cruces), Medas (O Rosal), Fontenla (Ponteareas), Campo da Veiga (A Bola) e A Portela (Vilamartín de Valdeorras). Se algún destes renuncia á axuda, pasarían a entrar como proxectos subvencionados os seguintes incluídos na lista de reserva. En tódolos casos son tendas situadas en núcleos de poboación que non superan os 1.500 habitantes ou en concellos de menos de 5.000 habitantes.

En total, na actualidade a provincia da Coruña conta con 17 establecementos, Lugo con 9, Pontevedra con 8 e Ourense con 3. Toda a información relativa aos establecementos adheridos á Rede de Comercio Rural Galego dende o ano 2007 está dispoñible na páxina web www.comercioruralgalego.eu.


Garantía de calidade
A Rede de Comercio Rural Galego ten como obxectivo favorecer unha correcta dotación de servizos para a poboación rural coa posta en marcha de actividades en común dirixidas a conseguir a súa viabilidade económica e mellorar as súas expectativas de futuro. Así, a través do modelo definido como “tendas multiservizo”, adáptase a oferta de produtos e servizos ás novas formas de consumo no rural, mellorando a calidade de atención ao consumidor, apoiando a innovación e a xestión moderna e atraendo a novos clientes cara a este ámbito. A maiores, todos os establecementos forman parte da Rede coa marca “Comercio Rural Galego” logo de superar unha exhaustiva auditoría para garantir uns estándares mínimos e en consecuencia, a fiabilidade e a calidade.

Ademais dos requisitos de adhesión que deben cumprir e manter os propietarios de todas as tendas, nas mesmas tamén se ofrecen uns produtos e servizos mínimos como produtos frescos locais; de denominación de orixe; con indicación e denominación xeográfica protexida; ecolóxicos rexistrados no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA); de primeira necesidade; droguería e bazar e produtos de artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En canto aos servizos mínimos aos que poderán recorrer os consumidores están o pago con tarxeta, taberna-bar, internet e punto información turística.