17 julio 2009

¡¡La Xunta dice que sus tribunales serán imparciales...!!

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).A Dirección Xeral da Función Pública, dependente da Consellería de Facenda, garante os criterios de imparcialidade e profesionalidade na selección da composición dos tribunais para os procesos selectivos.

O Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP), aprobado pola Lei 7/2007, do 12 de abril, dispón no seu artigo 60, respecto dos órganos de selección, que serán colexiados e que o persoal de elección ou de designación política, os funcionarios interinos e o persoal eventual non poderá formar parte dos órganos de selección. Ademais, establece que a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, non podendo ostentarse esta en representación ou por conta de ninguén.

Así mesmo, as instrucións ditadas polo Ministerio de Administraciones Públicas para a aplicación do EBEP no eido da Administración Xeral do Estado, reproducen o disposto nos parágrafos 2º e 3º do artigo 60 do Estatuto Básico do Empregado Público.

As directrices establecidas por este Estatuto refírense á profesionalidade, imparcialidade e independencia dos membros dos tribunais de selección, o que leva consigo unhas limitacións á liberdade de elección destes membros. Polo tanto, para o EBEP os membros dos órganos de selección, deben ter, por un lado, unha cualificada ligazón entre os seus coñecementos e os que se axuízan no proceso selectivo e, por outro, estes coñecementos deben ser o único elemento reitor da súa función de tribunal selectivo. Trátase de evitar que puidera chegar a influír no seu criterio técnico unha dependencia externa.

O informe da Comisión de Expertos designada para a elaboración do EBEP de abril de 2005 sinalou que a composición dos órganos de selección debe quedar por completo á marxe de toda influencia ou interferencia partidaria, gremial ou corporativa. Debe, pois, asegurarse ao máximo a independencia da súa actuación.

Refírese o informe á determinación da composición de certos órganos de selección mediante a designación dos seus membros, por ou en representación de grupos políticos ou sindicais ou, en menor medida, doutras asociacións ou organizacións. Indica que estas prácticas non só carecen de toda xustificación obxectiva, senón que resultan absolutamente discordantes cas regras consolidadas dende hai tempo nos países democráticos do noso contorno. En consecuencia, o Estatuto Básico do Empregado Público debería ser rigoroso neste punto, debendo recalcarse o carácter exclusivamente técnico que debe ter a composición daqueles órganos.

Neste sentido, pronúnciase tamén o informe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia do 30 de setembro de 2008.

En consecuencia, e seguindo o disposto na normativa estatal básica, na doutrina e no informe xurídico sinalado, así como na práctica existente nas distintas Administracións Públicas ao respecto, garántese que á hora de determinar a composición dos órganos de selección esta se axuste a estritos criterios de imparcialidade e profesionalidade dos seus membros. Exclúese en todo caso, de formar parte deles, o persoal de elección ou designación política, abranguido o persoal eventual, representantes dos sindicatos, órganos unitarios de representación do persoal ou asociacións que exerzan funcións representativas dos empregados públicos, persoas que interviñesen na preparación dos candidatos e todas aquelas afectadas por algunha causa de abstención e recusación.