29 julio 2009

La última de Educación (Xunta)

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación destina 81.980 euros aos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros de ensino privado das catro provincias galegas. Esta partida, coa que Política Lingüística contribúe a financiar proxectos para fomentar o uso do galego, está destinada a un total de 109 colexios da comunidade galega, que se distribúen por provincias en 20 centros situados en Ourense, 43 en Pontevedra, 32 con sede na Coruña e 14 localizados no territorio lucense.

Política Lingüística destinou para o curso escolar 2008-2009 un total de 28.475 euros para os ENDL da Coruña; a partida destinada para os de Lugo ascende a 10.235, mentres que as axudas aos centros de ensino privados de Ourense e Pontevedra suman un total de 14.430 e 28.840 euros, respectivamente. Respecto das axudas aos centros de ensino públicos da comunidade galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística destinou neste ano 2009 un total dun millón de euros.

O papel dos ENDL

Os ENDL, formados por profesorado, representantes dos alumnos e persoal non docente, comezaron a funcionar nos centros de ensino galegos no curso 1990-1991. A súa creación responde ao obxectivo da Lei de normalización lingüística de 1983 de conseguir que os alumnos e alumnas adquiran unha boa competencia nas dúas linguas oficiais de Galicia. Na actualidade, a súa misión central é fomentar o uso do galego nos centros educativos e ter un papel fundamental no deseño, na posta en marcha e na revisión dos programas de planificación lingüística nos centros educativos.

Así mesmo, outra das tarefas que deben desempeñar, dentro das súas posibilidades, é a de conectar a acción dinamizadora levada a cabo no centro de ensino coas actividades de fomento do uso do galego realizadas no contorno social, nun intento de sumar sinerxías para dar pulo á lingua e á cultura galegas.

Para difundir e axudar a facer máis visible as experiencias dinamizadoras levadas a cabo polos ENDL, Política Lingüística puxo en marcha o pasado mes de xuño un espazo na rede, onde ademais poden compartir recursos, ferramentas e información.