27 julio 2009

Móstrate remata cun éxito de público, con catrocentas persoas de media

Ponteareas (MORRAZO-TRIBUNA).- A VIII Mostra de Teatro Afeccionado do Condado baixou o telón o pasado sábado, coa intervención da compañía de Chantada, Faro Miño, que puxo en escea a obra "Protección Solar". Previamente, a compañía Codia e Miolo de Moaña, desenvolveu unha actividade para os máis pequenos.

Esta edición da Mostra, a pesar de que o tempo non acompañou en exceso, tivo unha media de catrocentos espectadores en todas as súas funcións para adultos. A organización móstrase moi satisfeita co resultado e, tamén, ao observar que cada vez son máis as persoas de fóra do Concello de Salvaterra que se acercan a ver o mellor do teatro afeccionado galego.

Así, a Asociación Cultural Solpor, agradece a asistencia a esta edición da Mostra e traballa xa na que será a IX edición, no 2010, ao tempo que agradece a axuda de todos aqueles que fixeron posible o desenvolvemento desta actividade, tanto persoas a título individual, como ás diferentes Administracións e empresas privadas que colaboran no evento.