29 julio 2009

Habrá otro control para los funcionarios del organismo provincial

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Deputación de Pontevedra, reunida hoxe en Xunta de Goberno, resolveu favorablemente aprobar o expediente para a contratación dun sistema corporativo de control horario e dun portal web para os seus funcionarios. Con esta medida de modernización e adaptación ás novas tecnoloxías a Deputación quere mellorar o sistema de control horario interno que na actualidade se está empregando no Pazo Provincial e expandilo ó resto dos seus edificios; de outra banda preténdese facilitar información e acceso a trámites ós traballadores a través dun “portal do empregado”.

Para acometer esta importante reforma tense pensado contratar a unha empresa externa que contará cun presuposto máximo de 140.000 euros para a execución do proxecto e para formación do persoal da Deputación sobre o uso da aplicación nos distintos niveles.

O sistema de control horario empregará terminais biométricos de control que se instalarán en tódolos centros (incluídos os organismos autónomos) e serven para identificar a cada traballador mediante pegada dactilar; este sistema tamén contará coa súa propia web de control horario, un planificador informático de quendas de traballo e informes de todo tipo para o control do cumprimento horario e da produtividade dos funcionarios.

Tarxeta persoal con chip

Por outra banda daráselle a cada traballador un tarxeta de identificación tipo híbrido cun chip para poder validarse de forma dixital nos ordenadores sen necesidade de contrasinal algún. Deste xeito os empregados públicos estarán identificados constantemente de cara ó cidadán.

En canto ó portal do funcionario, permitirá ós seus usuarios a posibilidade de acceder ó portal mediante a Intranet ou dende a súa casa a través de Internet convencional para solicitar permisos por vacacións, asuntos propios, asistencia ó médico, etc.; obter a aprobación ou denegación de ditos permisos; consultar as vacacións xa desfrutadas, días de ausencia, traballados, horas extras realizadas…; ver a nómina actual e do histórico; e xustificar as ausencias mediante escaneado dos xustificantes físicos.