29 julio 2009

Otra declaración de intenciones más : la Xunta dice que vigilará a las Federaciones Deportivas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, regulará as auditorías ás federacións deportivas galegas e aprobará unhas normas de bo goberno das federacións. Deste xeito, e como actuacións prioritarias, a Secretaría Xeral para o Deporte ten iniciado xa a tramitación da resolución pola que se regulan as auditorías ás federacións deportivas galegas e da resolución pola que se aproban as Normas de bo goberno das federacións, que serán obxecto de publicación posterior no Diario Oficial de Galicia.

A primeira das resolucións que aprobará o Goberno galego obrigará ás federacións deportivas a presentar as súas contas anuais auditadas. Xunto a esta auditoría, terán que presentar, ademais, unha carta de recomendacións do auditor que estableza as medidas que se estimen necesarias para corrixir ou paliar as deficiencias que, no seu caso, sexan detectadas.

A segunda resolución, de aprobación das Normas de bo goberno das federacións, non ten carácter obrigatorio, senón que se trata de recomendacións. Porén, o seu grao de cumprimento constituirá un importante baremo á hora de concretar o importe da subvención que concede a administración deportiva galega. Estas normas inciden no control e na xestión económica das federacións, con independencia da procedencia -pública ou privada- dos fondos, así como na transparencia do seu funcionamento interno.

Sistema de anticipios de ata o 50%
Ademais destas medidas de carácter normativo, a Secretaría Xeral para o Deporte establecerá un sistema de anticipos no pago das subvencións ás federacións, sen necesidade de prestación de garantía, que permitirá un maior e mellor control das xustificacións presentadas.

Este sistema de anticipo, será aprobado polo Consello da Xunta mañá e permitirá que no ano 2009 un 50 por cento no primeiro pago -no momento da sinatura do convenio-, e outro 50 por cento nun segundo abono, unha vez xustificado o primeiro. No ano 2010, serán tres os anticipos: un do 50 por cento, e outros dous de 25 por cento cada un.

Servizo de control de subvencións
Outra das iniciativas que vai pór en marcha a Secretaría Xeral para o Deporte é a dotación dun servizo de control de subvencións. Trátase dun servizo indispensable para o correcto control das subvencións e as súas xustificacións. Mentres non se pon en marcha este servizo, a Secretaría Xeral para o Deporte cubrirá esta necesidade a través da súa externalización.

O Goberno galego apostará, ademais, pola profesionalización das entidades deportivas. A Secretaría Xeral para o Deporte afondará neste cometido, consciente de que na actualidade moitas delas adoecen de ferramentas técnicas e humanas capacitadas para realizar axeitadamente os requirimentos xurdidos de procedementos como o relativo ás subvencións.