23 julio 2009

Guillerme afirma que Feijóono tiene soluciones para la doble crisis que sufre Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Galiza atravesa un “momento difícil” porque sofre “unha dupla crise, económica e política, e o Goberno Feijóo non ten solucións nen para unha nen para outra”.

Nestes termos pronunciouse este serán na Coruña o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, durante o acto que a formación nacionalista celebrou nos Xardíns de Méndez Núñez, frente ao Monumento de Curros Enríquez, dentro da campaña Día da Patria Galega 09. Tamén tomaron a palabra neste acto os responsábeis comarcais do BNG e Galiza Nova, Silvia Seixas e Dani Carballada, respectivamente.

“Galiza sofre unha crise económica, produto da quebra do modelo neoliberal, pero produto tamén de que os sectores produtivos estratéxicos do País están a un paso do límite. E sofre tamén unha crise política pola evidente perda de peso do noso País no conxunto do Estado”. O mao, valora o portavoz nacional, é que “o PP non ten solución nen para a crise económica nen para a crise política”.

Guillerme Vázquez tildou Feijóo de “político irresponsábel”. “Todos parecen que teñen responsabilidade na crise, menos el. O caso paradigmático é o do sector lácteo. Aí solidarízase coas tractoradas, mais é incapaz de pór unha soa medida sobre a mesa para mellorar a situación dos gandeiros. Ten competencias, pero non as exerce. E, por non facer, nen sequer é quen de demandar a Bruxelas e Madrid que muden as políticas contrarias aos nosos intereses”, asevera o líder nacionalista.

Sobre os conflitos sociais -negociación de convenio do metal, distintos Eres...-, o portavoz nacional acusou ao presidente da Xunta de “aliñarse descaradamente” coa Patronal frente aos traballadores.

SEGUNDA DIVISIÓN REXIONAL OU LIGA DAS NACIÓNS

O líder do BNG abordou máis polo miúdo o debate sobre o status do País no Estado.

A este respecto, dixo que a sociedade galega terá que optar “entre continuar na Segunda División rexional”, na que se atopa agora despois de non ter aprobado un Novo Estatuto e logo do debate do financiamento autonómico, ou “retornar á Liga das Nacións”.

“Galiza xa non figura neste momento entre as nacións do Estado, senón que se viu relegada ao pelotón das rexións. Non é que xa non esteamos á par de Catalunya e Euskadi, é que estamos xa un chanzo por debaixo de Valencia, Madrid e Andalucía”, avaliou Guillerme Vázquez, quen responsabilizou desta situación ao PP de Feijóo, quen vetou na pasada lexislatura “o Estatuto de Primeira que Galiza necesita”.

“A sociedade galega terá que optar e estou certo de que o fará na dirección de demandar o status que lle corresponde no Estado”, dixo Guillerme Vázquez.

Non dispor dun Novo Estatuto custoulle aos galegos e ás galegas na negociación do financiamento “centos de millóns de euros” ante a compracencia dos partidos estatais que operan en Galiza. “O PSOE actuou en Galiza como altofalante do Goberno, o PP non tivo nengún perfil e limitouse a seguir as directrices de Rajoy. Abstívose no Consello de Política Fiscal e Financiera, pero en realidade están de acordo no modelo. Non discuten nen que as porcentaxes de cesión dos tributos estatais sexan as mesmas para todos nen que non exista garantía de suficiencia dinámica. Só discuten por 30 milloncejos máis ou menos”, alegou.
Guillerme Vázquez fíxolle ver aos simpatizantes nacionalistas congregados nos Xardíns de Méndez Núñez que “claro que é importante o rango político que un País teña”. “Non é o mesmo definirte como nación que non facelo. O rango político significa competencias, as competencias significan financiación e a financiación significa benestar. É así de sinxelo. Así o entende todo o mundo. O Goberno andaluz, e daí o de denominarse 'realidade nacional', ou o Goberno catalán. Así o entende todo o mundo menos o Goberno Feijóo”.

OFRENDA FLORAL A CURROS ENRÍQUEZ

Ao termo das intervencións, o portavoz nacional e os responsábeis comarcais do BNG e Galiza Nova realizaron unha ofrenda floral ao grande poeta cívico do XIX galego, Manuel Curros Enríquez.