27 julio 2009

Deputación firma convenio con empresarios


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o seu homónimo da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Fernández Alvariño, asinaron hoxe un convenio, cuantificado en 48.650 euros, co doble obxecto de apoiar a internacionalización das Pymes da provincia nunha misión empresarial a Panamá e Colombia, e impartir un ciclo de xornadas sobre A xestión da empresa ante situación de crise económica. Oportunidades de negocio nas comarcas de Deza, Salnés e O Morrazo.

A CEP elaborou un Plan de Internacionalización no que plantexa a organización, en colaboración coa CEOE, dunha misión empresarial a Panamá e a Colombia. En Panamá, o macroproxecto de ampliación do Canal xera importantes oportunidades para sectores como o inmobiliario, a construción, o turismo, as telecomunicacións, a loxística e o transporte, a pesca ou o sector eléctrico.
O interés da misión empresarial a Colombia deriva de que este país mantén estreitas relacións coas principais zonas económicas mundiais, incluíndo Estados Unidos e a Unión Europea, así como coas principais Institucións Financeiras Multilaterais. Ademais, o país favorece e impulsa acordos comerciais con terceiros países e diversos procesos de integración rexional, e ofrece hoxe garantías de seguridade personal e xurídica.
A Deputación colaborará con este Plan de Internacionalización da CEP, e, concretamente coa misión a Panamá e Colombia, coa posibilidade de deseñar programas lixeiramente diferenciados. Ademais de implicarse directamente na organización da misión, comprométese a subvencionar parte dos custes de estudos de prospección de mercados, loxística e/ou gastos organizativos.
Respecto do ciclo formativo da CEP, o seu obxecto é coñecer os mecanismos legais que garantan a supervivencia e viabilidade das PYMES, así como a posibilidade de apertura de novos mercados.
As materias que nel se abordarán son: as oportunidades de Negocio para as Empresas da Área; os Mercados e sectores emerxentes; os EREs e as posibles recolocacións de traballadores; a xestión das débedas; as axudas financeiras e subvencións; e os procesos concursais.
Estas xornadas impartiranse nas comarcas do Salnés, Deza e Morrazo por tratarse das zonas cun desenvolvemento empresarial axustado ás necesidades formativas que se pretenden cubrir.