27 julio 2009

Vigo : o Festiclown principia este luns

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Festiclown 2009, que se desenvolverá en Vigo entre os días 27 de xullo e o 1 de agosto, inundará as rúas, prazas e teatros de Vigo de espectáculo, festa, formación e grandísimos profesionais do mundo do clown.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación da extensa programación, máis de 150 actuacións en diferentes espazos da cidade (Praza da Constitución, Príncipe, Zona peonil do Calvario, Montero Ríos, Centro Cultural Caixanova...), coa que se pretende dar cabida a todos os públicos, grandes e pequenos. O concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López Carreira, manifestou a súa satisfacción porque o Festiclown veña a Vigo para quedarse: “Conseguímolo. Despois da edición ponte do ano pasado, conseguimos que o Festival Internacional de Clown de Galicia viñera para Vigo e para instalarse na nosa cidade. O Festiclown encherá de cor as nosas rúas, cos e coas mellores clowns do mundo e Vigo convertirase no epicentro do clown”.

A programación do Festiclown xira en torno a diferentes programas: O formaclown, que é unha acción formativa que se desenvolverá no Conservatorio do Castro e nas aulas do Centro Cultural Caixanova. Son 8 cursos de formación nos que están inscritas máis de 200 persoas.
O segundo programa é o Maraclown, que consiste na celebración de actuacións na rúa durante todo o día, de forma que o mundo do clown, o mundo da risa, chegará a todas e todos os vigueses.

O terceiro eixo de actuación é a Mostra Internacional, que nesta edición conta a súa vez con tres vertentes: A sección oficial (formada unicamente por mulleres), Isto non é Walt Disney (para os máis pequenos) e o festiclown&amig@s (onde actuarán aqueles artistas que apoiaron o Festiclown dende os seus inicios).

E por último, as Clownvocatorias, con moi bos espectáculos todos os días na Praza da Constitución a partir das 20:30 horas, e o proxecto solidario, que este ano se adicará a Palestina. Segundo explicou Manuel Vicente, membro da organización, o Festiclown adicará o diñeiro recadado á realización dun Festival de Pallasos/as en Palestina, coa intención de apoiar mediante a cultura a toda a poboación palestina.

Ademais de dar cabida aos mellores representantes internacionais do mundo do clown (Leo Bassi, Philippe Gaulier, Jango Edwards, Claudia Contin, entre outros), o Festiclown 09 tamén acollerá aos representantes do clown e do teatro galego e vigués.



Toda a programación do Festiclown: www.festiclown.org