27 julio 2009

Por fin: se acabarán las inundaciones en Valga

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, a presidenta de Augas de Galicia, Ethel Vázquez, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre as tres administracións para a execución das obras que se levarán a cabo coa finalidade de dar unha solución aos problemas de inundacións no concello de Valga, por mor do desbordamento do cauce do río Soutiño.

Tal e como se recolle no texto do convenio rubricado hoxe, o importe desta mellora hidráulica elévase a 215.369 euros. O departamento que dirixe Agustín Hernández financiará o 100% desta obra.

Con esta actuación preténdese conseguir un incremento da capacidade hidráulica do río ao seu paso por este concello pontevedrés, debido a escasa cabida que presenta na actualidade. Desta obras derivaranse beneficios directos tanto para o medio rural como para os habitantes da zona.

As obrigas do Concello de Valga consisten en aprobar o proxecto e sometelo a información pública durante un período de 20 días; poñer a disposición, libre de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a execución das obras, e aportar os correspondentes permisos e autorizacións necesarias para levalas a cabo, así como as taxas, licenzas ou impostos; e por último, renunciar á retención de calquera tipo de taxa, canon ou imposto de carácter local con motivo das obras.

Por outro lado, a Administración comprométese a asumir as obrigas económicas derivadas deste convenio; contratar as obras –mediante o oportuno expediente- de acordo co proxecto e controlar, dirixir, executar e coordinar as actuacións necesarias para a execución do proxecto.

Razóns de oportunidade
A Xunta de Galicia ten a obriga non só de garantir e asegurar a satisfacción do interese público, senón que esta satisfacción debe perseguir a obtención dunhas condicións de equilibrio no territorio na Comunidade.

Para acadar estes obxectivos no Concello de Valga, resulta necesario solucionar os problemas no río Soutiño como consecuencia das avenidas que se producen en momentos de elevada pluviosidade. Estas obras darán servizo aos máis de 6.000 habitantes do municipio.