16 julio 2009

Ana Miranda dice que llevará a Europa el problema lácteo en cuanto le sea posible

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz do BNG perante o Parlamento europeu, Ana Miranda, compareceu hoxe en rolda de imprensa na Sede Nacional para dar conta da súa actividade nos primeiros compases da nova lexislatura na Eurocámara.

Miranda informou de que a súa primeira iniciativa será instar á Comisión Europea a que conceda axudas directas ao sector lácteo galego. “É preciso estabelecer un novo statu quo para o sector lácteo galego en Europa. É preciso que se reduzan as cotas dos Estados excedentarios e que se incremente a dos deficitarios, o español entre eles”, alegou. O BNG reclamará asemade que se estabeleza un “un prezo de referencia en orixe”.

A que será eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego apartir de finais de 2011 explicou que, froito do acordo interno da coaligación Europa dos Pobos, vai ter xa capacidade de rexistar iniciativas nas comisións de Agricultura, Pesca, Transporte, Política Rexional, Peticións, Cultura, Economía, Comisión especial sobre a crise económica, Mulleres, Medio Ambiente e a Delegación interparlamentar sobre Mercosul.

Salientou que o BNG estará integrado nun dos grupos parlamentares, o Verdes-Alianza Libre Europea, que incrementou a súa presenza no Parlamento europeu nas pasadas eleccións do 7 de Xuño, ao pasar de 44 a 55 escanos.

“Vou ser a voz e o voto de Galiza en Europa. Imos ter escano durante case ano e medio, pero desde logo o traballo do BNG en Europa vaise prolongar durante os cinco anos da lexislatura”, declarou Ana Miranda, quen criticou ao Goberno galego por “embora ter unha delegación de Bruxelas”, non ter sido capaz “de presentar nen unha soa proposta perante a Comisión sobre a situación do sector lácteo”.

Denunciou asemade que nengún eurodeputado galego do PP “estivo o outro día cos gandeiros do noso país que se achegaron a Bruxelas para expresar a súa protesta pola actual política agraria da UE”. “Nós, desde logo, si que estivemos porque sempre estamos na defensa do País”, dixo.

Esta lexislatura que comeza é especialmente relevante porque nela se van submeter a revisión as políticas agraria e pesqueira común e se vai revisar tamén todo o pacote lexislativo sobre os fundos estruturais. “Felizmente para o país, Galiza, através do BNG, estará presente no debate”, concluíu.