16 julio 2009

Polémica en torno a la situación de las Escuelas Oficiales de Idiomas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A portavoz do BNG na Comisión de
Educación do Parlamento Galego, Carme Adán, considera que a circular 5/2009
remitida o pasado 7 de xullo pola Consellaría de Educación e Ordenación
Universitaria ás Escolas Oficiais de Idiomas “é un novo ataque en toda regra ao
ensino público” polo que esixe a súa retirada.
A deputada nacionalista denuncia que a norma “é un novo ataque ao ensino
público xa que vai significar unha perda na calidade do ensino de linguas ao
reducir drásticamente o profesorado e ampliar a carga lectiva dos
profesionais”, denuncia a deputada do BNG.
Neste sentido, o BNG ven de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego
pola que insta á Xunta de Galiza a “potenciar a calidade das ensinanzas de
idiomas comezando pola retirada da circular 5/2009, da Dirección Xeral de
Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan as
instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización
académica nas escolas oficiais de idiomas para o curso 2009/2010”.
Non ten en conta á comunidade educativa e acaba coa diversificación
curricular
Carme Adán asegura que a circular remitida pola Consellaría de Educación “ten
graves erros tanto na forma como no fondo”. En concreto, critica que “se
emitise en pleno mes de xullo, cando non é un mes lectivo para o profesorado
e o alunado; non houbo información previa aos claustros e á comunidade
educativa, como se viña facendo, para que puideran facer achegas e
propostas, e a orde non pasou antes pola Mesa Sectorial de Educación para
que fose acordada dos sindicatos”.
“Ademais, en entrando no fondo da circular, a súa aplicación -advirte- supón
acabar coa diversificación curricular que existía nas Escolas Oficiais de Idiomas
de Galiza, e polo tanto diminuír a calidade no ensino público de linguas
estranxeiras”.
Por último, a deputada nacionalista subliña a contradicción notoria do contido
desta circular “coas constantes declaracións en prensa da Consellaria de
Educación sobre a importancia do multilingüismo e a necesidade de mellorar o
ensino de idiomas”.
A rede de escolas oficiais de idiomas de Galiza está formada por 11 escolas e
18 seccións delegadas, cun cadro de profesorado de aproximadamente 450
profesionais que ensinan a 31.000 alumnos e alumnas.