27 julio 2009

La Xunta reitera a los profesores de las EOI´s : amiguiños, ¡hay que "pencar"...!

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere reafirmar que un dos obxectivos máis importantes para esta lexislatura é a mellora da competencia lingüística do noso alumnado. A isto responde o envío da circular 5/2009 nas Escolas Oficiais de Idiomas que foi respondida con varias inexactitudes por parte dalgúns dos seus directivos.

No que se refire á carga horaria do profesorado, debe quedar claro que en Galicia, o profesorado das EOI imparte ata o momento docencia directa a 3 grupos, o que supón 13,5 horas de clase semanal. Isto compleméntase, en teoría, con outros 3 períodos lectivos de formación voluntaria para os alumnos, pero na práctica a asistencia a estes períodos é extremadamente reducida ou incluso nula.

Deste xeito, a circular enviada dende a Dirección Xeral de Educación marca que o profesorado terá que impartir clase a 4 grupos, o que significará impartir 18 horas de docencia directa á semana. Non se aumenta o número de horas semanais, senón que se substitúen os períodos complementarios de baixo seguimento pola docencia a un cuarto grupo, optimizando os recursos educativos para dar cobertura a un maior número de alumnos. Isto non é unha novidade inventada pola actual Consellería de Educación xa que esta medida está vixente na meirande parte de comunidades como Cataluña, Valencia, Cantabria, Castela e León ou Madrid.

Ademais, a Consellería quere asegurar que non se reducirá o número de profesores, en boa medida por tratarse de persoal funcionario. Ben ao contrario, vaise aproveitar este caudal de profesores que ten demostrado sobradamente a súa valía e capacitación para mellorar a calidade de docencia de linguas estranxeiras en Galicia.

Así, poderanse destinar profesionais a impartir clases de apoio nas EOI para grupos de alumnos moi numerosos, reforzar o ensino de linguas estranxeiras nos institutos de ensino secundario, desenvolver cursos de formación do profesorado ou realizar cursos de CELGA.

Así mesmo, a Consellería considera que a resposta á circular por parte dos equipos directivos das EOI, dalgúns partidos políticos e organizacións sindicais foi desproporcionada. Igualmente, lamenta que o texto fose terxiversado co ánimo de confundir á cidadanía, xa que en ningún caso haberá restricións nas condicións laborais do profesorado. Ademais, a súa aplicación redundará nun maior beneficio para o alumnado que poderá elixir nunha oferta mellor adaptada ás súas necesidades horarias, sempre e cando existan espazos docentes dispoñibles.

A Consellería de Educación reafirma a súa vontade de proporcionar un mellor servizo, un compromiso para o cal sabe que conta con magníficos profesionais. A sociedade galega dificilmente poderá sentirse contraria a medidas que só redundan nunha mellora educativa ou entender a postura exposta por algúns directivos que, nalgún caso, non imparte ningunha hora de docencia a aqueles que din defender.