24 julio 2009

Celebración en Vigo del "Día de Galicia" con encendido canto de F-009

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, situou hoxe a Vigo como o berce do galeguismo urbano, humanista e cordial e sinalou que, hoxe, este “volve a ser o camiño”. O mandatario galego, quen presidiu esta tarde as celebracións do Día de Galicia na cidade olívica, asegurou que “o galeguismo político e cultural puido perecer no tránsito entre o rural e o urbano”, pero destacou que a Comunidade “tivo a fortuna de xerar axiña ideas que ollaban a tradición con respecto, sen deixar de teimar pola incorporación do noso país ás correntes europeas e universais”. “Hoxe, o noso país é unha rede de pobos e cidades nos que latexa, sen contradicción algunha, o espírito galego, español e europeo”, engadiu.

Así, Feijóo lembrou o relatorio de Alfonso Rodríguez Castelao no Vigo de 1930, no que o intelectual de Rianxo aportou unha visión universal da cultura galega, e destacou a acollida que as ideas “deste pai da conciencia galega” atoparon entre os vigueses. “A presentación que facía Castelao do galeguismo como recuperación do vencello europeísta e universal atopaba terreo axeitado en Vigo; nun Vigo emprendedor e cosmopolita, afeito a combinar nas súas empresas e industrias o sentimento galego de orixe rural cos aires modernos que traían ao seu porto pensamentos, homes e mercadorías”, destacou.

O presidente da Xunta salientou que este galeguismo “que se burlaba das fronteiras” foi capaz de unir a todos os galegos e remarcou que esta capacidade de establecer vencellos procedía “da súa cordialidade”. “Pensemos por un momento nos persoeiros que quedaron ancorados na nosa memoria colectiva. Rosalía, Castelao, Cunqueiro, Piñeiro, Fernández del Riego... Hai moitos, desde logo, pero abonda con eles para demostrar que o común denominador é o humanismo”, explicou o xefe do Executivo, quen sinalou que fixéronse entender “porque ven a Galicia como a unha princesa durminte que necesita do bico, e non do berro, para espertar e reinar”.

Así, o mandatario galego remarcou que ese galeguismo humanista ten, nos tempos que corren, “unha tarefa de importancia semellante á que fixo posible a incorporación dos grandes valores galegos a un mundo urbano que semellaba alleo”. “Hoxe, coma onte, a pregunta é se a personalidade cultural e política de Galicia poderá superar esta nova revolución. Hoxe, coma onte, a resposta é que si”, destacou.

O presidente galego asegurou que “a principal razón” desta resposta afirmativa é “que aquí existe un pobo que se sabe herdeiro dunha visión única do mundo, que se plasma en creacións de todo tipo e se estende por todos os continentes”. “Ese pobo é libre. Conta coa ferramenta democrática, e non está agretado por conflitos irresolubles. Forma parte da España dona de si que atopou na súa diversidade un novo pulo. Ese pobo xa está na Europa que tanto anceiaba Castelao no seu discurso do 25 de xullo de 1930”, engadiu. “Transcorrido xa este primeiro treito do século XXI, podemos afirmar que o gran soño de Galicia triunfou. Se milagre é a transición democrática española, milagrosa é tamén a transición autonómica galega”, concluíu o presidente galego.