17 julio 2009

Polémica de los profesores de las Escuelas de Idiomas : Xunta exige que den 18 horas de clases semanales

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Educación, José Luis Mira comunicoulle hoxe aos directores das once Escolas Oficiais de Idiomas de Galicia (EOI) que os profesores dos devanditos centros deberán impartir, no vindeiro curso, 18 horas de clases “como fan os demais ensinantes de secundaria conforme ao que se establece na Orde do 1 de setembro de 1987 pola que se adecúa a xornada de traballo dos funcionarios docentes”. Ademais, os afectados, que viñan traballando 13,5 horas á semana, terán que completar a súa xornada laboral ata 23 horas lectivas de permanencia obrigatoria nas EOI, dedicándolle unha hora a titoría dos alumnos, dúas ao departamento de idiomas e outras dúas a asignar polo director de cada centro para apoio de alumnos, atención de biblioteca, etc.

En palabras de José Luis Mira, “non se xustifican clases de 50 minutos, en lugar de 60; non se xustifica que o profesorado teña que impartir só a tres grupos durante 13,5 horas á semana; e non se xustifica que en algunhas Escolas Oficiais de Idiomas, os seus cinco cargos directivos non impartan ningunha hora de clase”. De feito, nas Comunidades Autónomas de Cataluña, Madrid, Cantabria ou Castela-León, os profesores das Escolas de Idiomas imparten 18 horas e, coas complementarias algunha delas chega ás 25 horas, co que supera a Galicia.

Nunha circular da Dirección Xeral de Educación precísase tamén que os citados profesores –que non teñen que facer gardas-, poderán impartir ensinanzas dirixidas á formación de profesorado de outros corpos, a colectivos profesionais diversos e ao público en xeral. Ademais están capacitados para impartir cursos de linguaxe administrativa e de lingua galega (CELGA).

Segundo o director xeral José Luis Mira “o obxectivo da administración educativa é potenciar o ensino de idiomas en Galicia, sobre todo no ámbito da expresión oral, no que as EOI veñen desempeñando unha importante misión. Se como consecuencia de que o profesorado teña que impartir 18 horas semanais, quedaran profesores sen horario, serán destinados a atender a demanda de formación nas EOI con carencias ou a reforzar o ensino de idiomas nos institutos de educación secundaria”.

Tras lembrarlle aos directores das EOI que o goberno anterior “autorizou nesas Escolas horarios que os cidadáns non conseguen entender facilmente”, Mira Lema explicoulles que “os profesores non son o problema, son a solución. A aplicación desta normativa permitirá contar cun número de profesores que contribuirán a mellorar as competencias en linguas estranxeiras que tanto precisan nenos e adultos do noso país”. Con isto desméntense as informacións dalgunhas organizacións sindicais que falaban de despedimentos pola aplicación real da normativa horaria á que está obrigada este profesorado.

Finalmente fíxolles partícipes do compromiso do Goberno de Núñez Feijoo de “atender as necesidades de educación e formación dos cidadáns, coa obriga de facelo mediante unha xestión eficiente a pesar dos escasos recursos existentes debido á crise que padecemos”. Neste sentido fixo un chamamento aos sindicatos para que, de modo responsable, acheguen o esforzo que lles corresponde en lugar de defender privilexios que a sociedade non aproba.

José Luis Mira comunicou tamén aos directores dos centros cos que se entrevistou, a súa disposición de contar con eles para elaborar un novo regulamento de funcionamento das EOI de cara o vindeiro curso académico.

Compre sinalar, polo demais, que dende o curso 2004-05, Escolas de Idiomas tan importantes como as de A Coruña, Ferrol ou Pontevedra baixaron a matrícula de alumnos de 4.793 a 3.816 a primeira das citadas, de 2.078 a 1.621 a segunda, e de 2.991 a 1.829 a terceira. A pesar diso o número de profesores aumentou considerablemente ata situarse nos 478 actuais. As 11 Escolas contan con 18 seccións e 27.754 alumnos oficiais e libres, que teñen a posibilidade de estudar ata 11 idiomas.