17 julio 2009

La última de F-009 : impondrá la medalla de oro de Galicia a sus 4 antecesores

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a concesión da Medalla de Ouro de Galicia aos catro ex presidentes da Xunta en recoñecemento da súa achega “á construción e consolidación da nosa autonomía”. Así o declarou o titular do Goberno galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que acordou distinguir coa máxima distinción do Executivo autonómico a Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne e Emilio Pérez Touriño.

“Son as cabezas visibles da Galicia democrática, da Galicia autonómica, da Galicia plural e da Galicia moderna”, resaltou Feijóo, quen engadiu que os catro merecen “tanto como o que máis” a distinción, que constitúe “un tributo de toda Galicia”.

Para o máximo mandatario galego, os ex presidentes da Xunta representan “o liderado dun éxito colectivo, que é ter consolidada a Autonomía despois de 27 anos”. Nese sentido, expresou “a estima e o agradecemento do Goberno de Galicia aos catro ex presidentes, que se debe testemuñar outorgando o máximo galardón que ten a nosa Comunidade Autónoma ás persoas que fixeron un enorme esforzo por consolidar a nosa autonomía política, a pluralidade e as liberdades en Galicia”.

Segundo dixo, os catro ex presidentes “prestixiaron e seguen a prestixiar o pobo de Galicia”, polo que, engadiu, “o pobo galego os vai prestixiar tamén coa maior distinción que ten a Autonomía: a medalla de ouro de Galicia para os catro ex presidentes da Xunta:, Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne e Emilio Pérez Touriño.

As infraestruturas galegas, un compromiso por escrito
Na súa comparecencia ante os medios, o titular da Xunta avanzou que o vindeiro martes ten previsto asinar, xunto co ministro de Fomento, José Blanco, o acordo institucional que concrete o investimento e os prazos das infraestruturas galegas. Será, sinalou Feijóo, “un acordo institucional para poñer luz e taquígrafos aos datos do AVE”.

“Imos pactar os compromisos e os pactos fanse por escrito”, asegurou o máximo mandatario autonómico, quen resaltou que se fará así “para non empezar a falar, senón para empezar a actuar, para non dicir o que non vai ser, senón concretar o que pode ser, e concretar o diñeiro que necesitamos para facer o tren de alta velocidade a Galicia: 4.700 millóns de euros é o comprometido para licitalo e adxudicalo entre xuño de ano 2009 e Nadal do ano 2010”.

O presidente da Xunta resaltou que esta mesma mañá o Goberno galego convocou aos voceiros dos grupos parlamentarios para darlles conta do convenio, e avanzou en que unha vez pechado o documento con Fomento, se dará a coñecer na súa “literalidade” aos grupos políticos e, posteriormente, “asinalo de forma solemne co ministro de Fomento”.

“Creo que empezamos unha nova etapa no que a infraestruturas se refire e nesta nova etapa vou facer todo o posible para manter informada puntualmente á sociedade galega”, afirmou nesa liña o titular da Xunta. Ademais, salientou que o acordo entre o Goberno galego e o Ministerio de Fomento prevé a celebración dunha comisión cuadrimestral de seguimento que “dará revista á situación das infraestruturas”.

Feijóo lembrou o seu compromiso de “ser o primeiro en felicitalo” cando o Goberno cumpre, e, nesa liña subliñou que “en materia de infraestruturas, o Executivo está a iniciar unha senda de compromiso, e espero e desexo que esa senda non se torza e que poidamos chegar ao 31 de decembro do ano 2010 co tren de alta velocidade licitado e con tempos certos de conexión das cidades entre si e de todas as cidades galegas coa meseta”.

Un novo hospital para Pontevedra nos prazos comprometidos
Alberto Núñez Feijóo deu conta tamén da decisión do Goberno galego de construción dun novo hospital na cidade de Pontevedra, como “a resposta máis axeitada para os retos que ten a área sanitaria de Pontevedra, especialmente a cidade desde o punto de vista do futuro a medio e a longo prazo”.

Para o titular do Executivo autonómico a construción dun novo hospital conleva “múltiples vantaxes sobre a proposta anterior de ampliar o Hospital de Montecelo”, porque sobre a nova infraestrutura “non existe limitación formal desde o punto de vista edificatorio”, mentres que a ampliación de Montecelo “conlevaba a destrución parcial do edificio actual, con todas as complexidades que iso ten para manter actividade sanitaria”.

Feijóo enmarcou o novo hospital de Pontevedra nunha aposta por “unha arquitectura hospitalaria de máis crecemento e de menor altura, máis superficie e menor altura”, coincidente co que actualmente se está a facer en Europa. Consonte dixo, esta opción permite “facer unha articulación máis coherente co territorio” e supera as dificultades de acceso ao Hospital de Montecelo, ao tempo que evita as dificultades de “derrubar casas e expropiar vivendas en terreos consolidados” que suporía ampliar o anterior Hospital .

O presidente galego sinalou que a situación elixida para o novo hospital é Monte Carrasco debido a que “a maioría dos pacientes que ían ao Hospital de Montecelo pasaban por diante de Monte Carrasco”, e porque “os accesos a Montecelo en pendente eran francamente difíciles”. “Este é un hospital que está ao lado dos núcleos fundamentais de ferrocarril e de autoestradas que ten Pontevedra neste momento”, salientou.

Remarcou tamén o presidente da Xunta as diferenzas entre a “a vida útil dun hospital modificado ou dun novo hospital”, ademais de que a nova construción “non interfire para nada na actividade ordinaria asistencial”. “Todas estas razóns nos levan a propor unha nova instalación hospitalaria na cidade de Pontevedra, cun compromiso: non tardaremos un día máis en facer un novo hospital que os prazos previstos para ampliar o hospital existente”. Así, remarcou o compromiso de empezar o hospital en 2011 e de rematalo en 2014.

“Cumprimos ese requisito, de apostar polo futuro da asistencia sanitaria na área de Pontevedra e de facelo nos prazos previstos para a ampliación do hospital por anteriores equipos sanitarios”, subliñou o titular da Xunta. Feijóo confiou en que esta aposta sexa “un éxito de todos”, da Deputación de Pontevedra, que colabora nos accesos, do Concello de Pontevedra, que colabora no solar, e da propia administración sanitaria “que vai ter un edificio novo e unha infraestrutura nova para poñer a disposición nos próximos 30 anos de todos os cidadáns e de toda a área sanitaria”.

Informe sobre o modelo policial
O presidente da Xunta destacou, ademais, que o Consello foi informado hoxe sobre a situación na que se atopa a policía autonómica galega, que está, como sinalou Núñez Feijóo, “un 30% por debaixo dos efectivos mínimos que necesitamos” para as funcións asignadas a este corpo: furtivismo, menores, violencia de xénero, incendios, xogo e urbanismo. Feijóo explicou que actualmente hai 390 efectivos dos cales un 60 “non teñen destino fixo en Galicia senón que se atopan en situación de comisión de servizos”. Por iso insistiu no obxectivo de chegar aos 500 efectivos, mediante unha negociación entre a Consellería de Presidencia e o Ministerio de Interior da que agarda “algún acordo ou algún escenario de acordo”. Máis, porén, advertiu de que desde Galicia “non renunciamos a ter unha policía autonómica propia”.

Consenso, seguridade xurídica e profesionalización na nova Lei de Pesca
Alberto Núñez Feijóo anunciou tamén a remodelación da Lei de Pesca, cumprindo co compromiso de facelo nos cen primeiros días de Goberno. A lei, que o presidente espera ver aprobada polo Parlamento antes de finalizar este ano, introduce 83 modificacións con respecto ao texto aprobado polo bipartito. Feijóo salientou que, se ben a Lei do Goberno anterior “rachou o consenso coas confrarías”, este novo proxecto “busca o consenso co sector”, tanto coas confrarías como co Consello Galego da Pesca. De feito, o presidente da Xunta avanzou que a nova lei vai “fortalecer o papel das confrarías como interlocutor das administracións pesqueiras”. Os outros eixos da remodelación legal son a introdución de seguridade xurídica nas bateas e a profesionalización do sector.

Con respecto ao primeiro, o presidente asegurou que a Xunta quere “regular de forma máis razoable a concesión de bateas” co obxectivo, dixo, de dar “seguridade xurídica ás miles de familias que teñen actualmente bateas en explotación nas rías galegas”. Sobre a profesionalización, Núñez Feijóo remarcou a recuperación da figura do “permex” ou permiso de explotación, título imprescindible para habilitar calquera tipo de actividade extractiva. “Non pode ser calquera un profesional do sector do marisqueo ou do da pesca”, aseverou o presidente da Xunta ao respecto.

Violencia de xénero
Na rolda de prensa desta mañá, o presidente da Xunta tamén quixo testemuñar a “máxima repulsa do goberno de Galicia” respecto ao último caso de violencia de xénero. Núñez Feijóo declarou que, ante casos como o da muller asasinada na Coruña presuntamente pola súa parella, “evidentemente non hai outra manifestación máis que rexeitar este tipo de comportamentos que teñen que ir erradicándose do funcionamento da nosa sociedade”. Feijóo afirmou, ademais, que o Goberno de Galicia se suma ás distintas concentracións previstas en diversos puntos da xeografía galega.