23 julio 2009

Sobre a posta en marcha do Mecanismo de Prevención da Tortura

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Coordenadora para a Prevención da Tortura (CPT) fixo público un manifesto en que dá conta da situación das negociacións con o Governo sobre a posta en marcha do Mecanismo de Prevención da Tortura (MNPT). O prazo para a implementación deste mecanismo rematou o pasado dia 22 de Xullo, unha vez vencida a prórroga que solicitara o governo español.

No seu manifesto, a CPT alerta tamén da opacidade que rodea a designación de candidaturas para ocupar os lugares que corresponden ao Reino de España en diferentes organismos internacionais, apesar de as organizacións de DD.HH. teren reclamado insistentemente transparéncia e a participación da sociedade civil no proceso. A atitude do governo español contrasta con a doutros governos europeus que aplican políticas participativas e transparentes para a designación de candidaturas.


SOBRE O PROCESO DE CRIACIÓN
DO MECANISMOS PARA A
PREVENCIÓN DA TORTURA
(MNPT) NO ESTADO ESPAÑOL

A Coordenadora para a Prevención da Tortura, composta por 45 asociacións do Estado
español dedicadas à promoción e defensa dos Direitos Humanos, naceu en 2004 para
luitar pola prevención da tortura e os maus tratos.
A Coordenadora forma parte da sociedade civil e nela traballa, facendo‐se portavoz
das suas denúncias e propostas no relativo à cuestión da tortura.
Porque a Tortura subsiste no Estado español, como provan os relatórios anuais da
própria Coordenadora e outras ONGs, os documentos dos diferentes relatores da ONU,
do Comité para a Prevención da Tortura (CPT) ou do Comité Contra a Tortura (CAT), asi
como as condenas de Tribunais españóis e do Tribunal Europeu de DD.HH.
Como a prevención e erradicación da tortura é responsabilidade do Estado, esiximoslle
que actue responsavelmente, cumprindo asi con o mandato constitucional e con os
Tratados internacionais subscritos e ratificados polo próprio Estado, especialmente a
Convención contra a Tortura e o Protocolo Facultativo (PF).
Respeito a este último, queremos lembrar que o 22 de Xullo rematou a prórroga que o
Estado español solicitara à ONU para a posta en marcha do Mecanismo Nacional para
a Prevención da Tortura (MNPT) que deve aplicaá‐lo. Apesar diso, non só non se
desenvolveu a lexislación correspondente, senón que o único que se sabe despois da
comparecéncia da Vicepresidenta do Governo, Mª Tª Fernández de la Vega, perante a
Comisión Constitucional do Parlamento o pasado 16 de Xuño é que está previsto que
"ese mecanismos que nos comprometemos a pór en marcha se integre na instituición
do Defensor del Pueblo, xa que esta instituición ten legalmente atribuídas as funcións
que prevé para este novo mecanismo nacional o Protocolo Facultativo à Convención
contra a Tortura. Adianto‐lles que o mecanismo contará con un consello asesor en que
estará representada a sociedade civil".
Unha decisión que se toma en contra dos critérios expresados por vários
representantes da sociedade civil, entre eles a nosa Coordenadora. Estes
representantes esixen que o MNPT sexa un órgao de nova criación, independente de
todos os poderes do Estado e con capacidade para fiscalizar a actuación de calquer
instituición de custódia e /ou tutela xudicial (requisitos que a Defensoría del Pueblo
non cumpre).
Ainda mais, a forma e fondo do MNPT foi discutida entre membros da Administación,
personalidades académicas e representantes da sociedade civil através de un grupo de
contacto que leva sen reunir‐se desde Decembro de 2007 e en que as propostas da
sociedade civil foron sistematicamente ignoradas, cando non manipuladas, pola
Administración.
Asi, por exemplo, cando desde a nosa Coordenadora se solicitou, várias veces, reabrir a
negociación para acordar as liñas básicas do futuro MNPT, o Ministério de Xustiza
contestou que o proceso de consultas será reaberto "unha vez elaborado o proxecto
de lei", escatimando deste xeito a negociación real e impondo a sua vontade de forma
unilateral.
Por outras palabras, a demora e a imposición son os vimes con os que se elabora o
MNPT.
Designación de candidaturas para os organismos internacionais
Por outra parte, tanto o PF como a Convención basean o seu traballo en organismos
para a prevención e erradicación da tortura cuxos membros son designados polos
Estados signatários.
Proximamente, o Estado español deve renovar 3 membros en vários destes
organismos:
1. No Subcomité da ONU deve substituir D. Leopoldo Torres, que demitiu na metade
do seu mandato o 18/02/09, despois de ter sido designado contra a opinión desta
Coordenadora;
2. no Comité da ONU deve propor outro candidato ao finalizar o mandato de D.
Fernando Mariño; e finalmente
3. deve designar unha terceira persoa para o Comité Europeu, en substituición de D.
Emilio Ginés, cuxo mandato remata o 12/12/09.
Os membros destes Organismos han de ser persoas expertas, con recoñecida
competéncia na matéria, posuidoras de unha manifesta integridade moral,
independéncia e imparcialidade no desempeño da sua función.
Obviamente, da calidade dos seus membros dependen tanto o prestíxio e autoridade
do organismo, como a sua eficárcia.
Ora ben, a calidade dos integrantes só se pode garantir con un adecuado proceso de
selección, presidido polos princípios ‐elementares nunha sociedade democrática‐ de
publicidade, transparéncia, igualdade de oportunidades e acreditación dos critérios
antes mencionados. Un proceso que exclua o segredo e a ocultación e que non se
basee en critérios de selección que respondan a finalidades partidistas, recompensa de
favores, prebendas, nepotismo, etc.
No entanto, a experiéncia desta Coordenadora nas negociacións relativas ao MNPT fainos
ser pesimistas no que di respeito aos critérios de selección que o governo aplicará
na designación de candidatos.
Con o fin de evitar un novo fracaso da sociedade civil, a Coordenadora, xunto con
outras organizacións, dirixiu‐se aos Departamentos competentes do Governo central
(Vicepresidéncia e Ministério de Asuntos Estranxeiros), para lles lembrar e esixir que os
procesos selectivos se realicen en base aos seguintes critérios:
1º. Convocatórias públicas de candidaturas: abertas, en condicións de igualdade e
facendo‐se fincapé na paridade entre homes e mulleres.ç
2º. Consultas sobre a ideoneidade dos candidatos: non só con organismos e entidades
públicas, senón tamén con Asociacións e ONGs que desempeñen un papel activo e
contrastado na luita contra a tortura.
3º. Entrevistas de un grupo de expertos con as persoas "preseleccionadas", a fin de
avaliar a cualificación destas, asi como a sua motivación, disponibilidade e aptitudes
linguísticas.
4º. Utilización de un formulário normalizado de currículo vital, destinado a
proporcionar a información pertinente sobre os candidatos tanto às autoridades do
estado como às de organismos internacionais encarregadas de fechar o proceso de
selección.
A Coordenadora preocupada por estes procesos de selección e das garantias que
deven acompañá‐los, dirixiu‐se repetidamente, por escrito, aos organismos
pertinentes. Como contestación, só recebeu siléncios e respostas evasivas que
remeten a unha futura lexislación ainda non elaborada.
Tamén ten coñecimento a Coordenadora de conversas "confidenciais" e/ou
"informais" mantidas polo governo con alguns posíveis candidatos.
Tal obscurantismo obriga‐nos a solicitar formalmente ao Governo que informe acerca
da totalidade do procedimento de selección de candidatos que o Reino de España há
de propor para os Comités e Subcomité antes referidos; e que o faga publicamente,
precisando previsións, lugar de publicación e comparecéncia e prazos, respeitando os
princípios de procedimento e critérios de selección esixidos.
Ante todo o descrito, a Coordenadora só pode concluir con unha valoración
nitidamente crítica do lavor do Governo no exercício das suas responsabilidades a
respeito destes asuntos.
Denunciamos esta estratéxia que combina a dilación e a imposición a partes iguais. A
demora nos procesos fai‐nos temer que o Governo está preparando designacións "de
urxéncia" dos candidatos aos diferentes organismos internacionais e da Defensoría del
Pueblo como MNPT, sen o procedimento devido, o que serian actos de unilateralidade
a autoritarismo inaceitáveis.
A sociedade civil e, en concreto as Asociacións de DD.HH. e ONGs, temos direito a
propor as formas dos procesos e a participar neles. A falta de seriedade que até agora
nos foi dado constatar leva‐nos a suspeitar que o Governo pon en prática un simulacro
de abertura à sociedade civil, ou unha "abertura selectiva". Un modo cínico de facer
política, indesexável e prexudicial para os fins pretendidos.
A auséncia de publicidade e garantias nestes procesos, obrigan‐nos a denunciar
importantes e transcendentais responsabilidades do Governo, que poñen en perigo a
consecución dos difíceis e esixentes obxectivos do MNPT e dos Comités e Subcomités
internacionais, en detrimento da eficaz prevención e erradicación da Tortura,
obxectivo último de todos estes procesos.
Todo isto desacredita a política de Direitos Humanos do Governo e confirma a prática
da tortura e tratos desumanos no noso Estado, certificando a sua impunidade.
En definitiva, a corrupción dos procesos conleva a corrupción dos resultados,
impedindo a prevención e erradicación da tortura, apesar de que ese deveria ser o
obxectivo do Governo, igual que é o noso.
Madrid, 22 de Xullo de 2009.‐