17 julio 2009

El Bloque dice que esta Xunta pasa de la Memoria Histórica...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A portavoz do BNG na Comisión de
Cultura do Parlamento Galego, Ana Pontón, denuncia que “o Goberno do PP
está a dar marcha atrás no proceso de recuperación da memoria histórica
iniciado polo Goberno Bipartito”.
Ana Pontón lembra que durante a lexislatura pasada a Xunta de Galiza, a
través da Consellaría de Cultura e Deporte, “desenvolveu unha intensa liña de
actuación destinada a recoñecer, homenaxear e divulgar ás persoas
respresaliadas polo golpe militar do 36 e a posterior ditadura franquista”.
“Inaugurábase así- subliña- unha nova etapa en Galiza que rompía co silencio
e esquecemento que os gobernos anteriores tiveran sobre este asunto”.
O Goberno do PP está a dar marcha atrás na recuperación da Memoria
Histórica
Sen embargo, a deputada do BNG denuncia que “o Goberno do PP está a dar
marcha atrás nestas iniciativas que perseguían, desde unha perspectiva
democrática, recuperar e dignificar un período histórico que estivo oculto e
manipulado demasiado tempo”.
En concreto, advirte da supresión da Homenaxe Nacional que se viña facendo
cada ano ás vítimas do golpe de estado e posterior represión; a non
convocatoria do Consello da Memoria, un órgano colaborador cos programas de
recuperación da memoria e interlocutor co mundo asociativ; ou o parón que
impuxo a Xunta de Galiza á colaboración coas asociacións de recuperación da
memoria histórica.
Ana Pontón asegura que “a austeridade non debe converterse nunha escusa
neste tema, porque a dignidade das persoas que defenderon a legalidade
democrática e a restauración da súa memoria non ten prezo, nin pode
cuantificarse en termos económicos”.
Actitude cínica do PP coas vítimas da represión
Ademais, a parlamentaria nacionalista critica “o cinismo e dupla moral do PP,
xa que, despois de aprobar en outubro do pasado ano no Parlamento Galego
unha inciativa de condea do franquismo, agora non só vemos como da marcha
atrás nas iniciativas de recoñecemento das vítimas da represión, senón que
mesmo deputados como Carlos Negreira, se opoñen á aplicación da Lei da
Memoria Histórica no concello da Coruña”.
Iniciativa do BNG no Parlamento Galego
Ante esta situación, Ana Pontón ven de presentar unha iniciativa no
Parlamento Galego pola que insta á Xunta de Galiza a manter a illa de San
Simón como un espazo adicado á recuperación da memoria histórica e como sé
do Centro de Recuperación da Memoria Histórica de Galiza, e a que se continúe
a realizar a homenaxe nacional con carácter anual ás vítimas da represión
franquista.
A iniciativa do BNG tamén lle demanda á Xunta que manteña as liñas de apoio
e colaboración destinadas a profundar na investigación sobre o golpe militar e
a represión franquista na Galiza, promovendo a divulgación dos resultados das
mesmas no conxunto da sociedade galega.
Por último, demándaselle ao Goberno galego que convoque o Consello da
Memoria a fin se consensuar co tecido asociativo os programas de recuperación
da memoria histórica que desenvolva a Xunta de Galiza.
SAÚDOS: Gabinete