27 julio 2009

O BNG quere investigar a enquisa do Galego

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-s deputados do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán e Bieito Lobeira, veñen de presentar unha iniciativa na que lle demandan á Xunta de Galiza que informe da metodoloxía que está a empregar a Consellaría de Educación no reconto da consulta sobre o galego do ensino, un proceso que para os deputados nacionalistas “a día de hoxe, converteuse nun bochornoso espectáculo mediático”.

Bieito Lobeira e Carme Adán consideran “totalmente inxustificábel” os atrasos da Consellaría de Educación para comunicar os resultados da enquisa sobre o uso do galego non ensino e amosa o seu temor de que “a demora se deba a que a Consellaría está a cociñar os datos para que dean o resultado que queren”.

Lembran que a propia Consellaría anunciou como data límite para comunicar os resultados o 3 de xullo polo que lle esixe a Educación que explique os verdadeiros motivos desta demora. Asegura que “a enquisa non tiña ningún sentido dende o principio e moito nos tememos que acabe seguindo o camiño do fraude”.

Neste sentido, os parlamentarios do BNG consideran “deplorábel” que “non haxa observadores externos no reconto” e denuncia que a enquisa “carece do máis mínimo rigor científico”.

“Os datos de participación deberían terse coñecido dende o principio”

Engaden que a Consellaría de Educación “debería ter previsto os medios humanos e técnicos para facer o reconto” dunha enquisa cuxos resultados deberían terse coñecido o pasado 3 de xullo, segundo o prazo que estableceu o propio conselleiro.

Por último, os deputados do BNG consideran “inxustificábel que non se dean datos de participación por cada centro escolar, cando isto deberíase saber dende o principio”.

Carme Adán e Bieito Lobeira anuncian que o BNG solicitará a comparecencia do conselleiro no Parlamento Galego para que explique “o xeito totalmente oscurantista e sen garantías de reconto dos resultados dunha enquisa fraudulenta de principio a fin”.