29 julio 2009

Feijóo se escaquea y es un demagogo, cree el BNG tras los 100 días de gobierno

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, compareceu esta mañá na Sede Nacional para, en rolda de imprensa, facer unha avaliación dos primeiros 100 días de Goberno Feijóo.

“Galiza atravesa unha dupla crise -económica e política- e o PP non ten solución nen para unha nen para a outra”, resumiu o líder nacionalista, para quen Alberto Núñez Feijóo “é un mestre do escaqueo político”. Explicou esta última frase así: “O seu é un goberno que non asume responsabilidades. Cando Feijóo estaba na oposición, a culpa de todo o que pasaba en Galiza era do Goberno da Xunta. Agora que el é o presidente, a culpa de todo é dos demais, como se o Goberno galego non tivese competencias nen capacidade de tomar medidas en positivo”.

“É un mestre do escaqueo político e onde digo digo digo diego”, acrecentou, “para xustificar agora que non fai nada do que prometeu durante a campaña electoral, sacou da manga supostos buratos financieros que lle serven de coartada da súa inutilidade”.

O uso masivo da propaganda é outra das características do Goberno Feijóo. “Venden austeridade e duplican estruturas administrativas cos superdelegados”, exemplificou. “Venden un goberno supostamente tecnocrático e de perfil técnico, pero en realidade conforman un Executivo que si fai política, a política da dereita española pura e dura”.

É tamén un goberno “cínico”. “Atacan a lingua galega, pero ao tempo homenaxean a Castelao, nunha mostra de até que punto son hipócritas”, dixo.

Feijóo “non dá a talla” como gobernante porque “nen acredita no autogoberno nen exerce realmente como presidente de Galiza”.

“No tema do financiamento autonómico, é incapaz de presentar propostas alternativas fronte a un modelo deseñado polo Goberno central que é mao para Galiza. Logo por enriba o voto galego no Consello de Política Fiscal e Financeira non o decide el, senón Rajoy”, pormenorizou na súa análise. “Na cuestión das infraestruturas, asina un Pacto Fraude con Blanco logo de asumir na totalidade, sen pór o mínimo reparo, nen contrapropor nada, a oferta do Goberno español”, engadiu.

Non está a dar tampouco a talla agora que o Goberno do Estado atenta contra as competencias das comunidades autónomas en materia de caixas e abre a billa para que as galegas podan ser absorbidas por entidades foráneas.

“Este asunto é moi esclarecedor sobre o tipo de gobernante que é Feijóo. Rajoy xa se ten pronunciado sobre o asunto (dixo que era favorábel a que as caixas galegas fosen absorbidas por caixas de fóra). El, en troca, non ten dito nada, salvo dicir que se pronunciará alá por Setembro, talvez en Outubro, cando se vexa ben en que situación están as caixas ou en función do que diga o Banco de España”, indicou o líder nacionalista. “Pero o que non sabemos a día de hoxe é cal é a posición política do señor Feixóo neste asunto de vital importancia para o País”, o cal demostra que “en efecto, estamos ante un mestre do escaqueo político” e un “gobernante irresponsábel”.

“Sobre este asunto parecería que todos teñen responsabilidades: as propias caixas, o Banco de España, Rajoy...Todos menos o propio Feijóo”, valoriza o portavoz nacional.

100 DÍAS DE DEMAGOXIA

Foron 100 días de demagoxia. “Non se pode un limitar a tentar vender os Audis que mercara Fraga ou a facer enquisiñas cociñadas convenientemente para xustificar un novo ataque contra a lingua galega”, dixo e advertiu que “seguramente os resultados das enquisiñas os farán públicos en pleno mes de Agosto”, un mes de menor intensidade informativa.

“Por certo, e xa que estamos ante un Goberno que fai un uso demagóxico da austeridade, gostaría de saber que custo lle vai ter ás arcas da Administración galega o conxunto da operación das enquisiñas e por que razón se ten privatizado o procesamento dos seus resultados”, aseverou Guillerme Vázquez. “Talvez sexa para cociñalos mellor”, aventurou.