23 julio 2009

El Bloque pide a la Xunta que apruebe la Ley de Comercio Interior

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz do BNG na Comisión de Industria e Comercio do Parlamento Galego, Henrique Viéitez, presentou esta mañá en rolda de prensa unha iniciativa pola que insta ao Goberno de Feijóo a que aprobe e envíe ao Parlamento Galego, como moi tardar no mes de setembro, un anteproxecto de Lei de Comercio Interior de Galiza.
Vieítez subliñou que “esta lei é unha das grandes necesidades do sector comercial galego neste momento” xa que a actual data de 1988 e “é necesario máis que nunca defender ao noso pequeno e mediano comercio pola importante función social e urbana que desempeña”.
Nete sentido, animou ao Goberno de Feijóo a que aproveite o anteproxecto de Lei de Comercio Interior de Galiza elaborado pola anterior Consellaría de Innnovación e Industria, “un proxecto que tiña o consenso de todo o sector, que xa pasara o trámite do Consello Económico e Social e que só quedaba pendente do visto bó do Consello da Xunta”.
“Se o Goberno de Feijóo continúa dando evasivas podemos ter que pagar unha multa á Unión Europea”
O deputado do BNG advertiu de que se antes do 29 de decembro a Xunta de Galiza non traspón a Directiva de Liberalización dos Servizos Comerciais, tamén coñecida como Directiva Bolkestein, á lexislación galega a través dunha nova Lei de Comercio “poderíamos enfrontarnos a sancións da Unión Europea”.
Neste sentido, instou ao Goberno galego a que “traballe durante o verán para presentarnos un anteproxecto no mes de setembro”. “Se nos primeiros plenos non o fai, o BNG levará ao Parlamento Galego a súa propia proposta de anteproxecto de Lei de Comercio Interior de Galiza, que será a elaborada pola anterior Consellaría de Innovación e Industria”.
Galiza, a sexta Comunidade en número de comercios
Como proba da importancia do sector no noso país, o deputado do BNG lembrou que a finais de 2008 existían en Galiza 42.743 locais comerciais, “o que representa o 6,7% do total do Estado e sitúanos como a quinta comunidade en número de establecementos comerciais”.
Ademais, salientou que o sector do comercio “representa entre o 11 e o 13% do PIB galego e da emprego a 111.766 traballadores e traballadoras”.