23 julio 2009

Ilusiones depositadas en la nueva Ley de Aguas de Galicia que ensalza Feijóo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a nova Lei de Augas de Galicia, cuxo anteproxecto foi presentado no Consello da Xunta de hoxe, terá como obxectivos fomentar o consumo responsable de auga ao ligar as tarifas ao consumo, e acadar o saneamento integral das rías e dos concellos máis poboados da Comunidade no ano 2015. O titular do Goberno galego explicou que esta norma suporá a adaptación de Galicia á directiva marco da UE, e destacou que incluirá unha administración hidráulica máis pequena e austera. “Isto significa aplicar tamén o Plan de austeridade á administración hidráulica, ao pasar de dous organismos a un”, asegurou Feijóo, “eliminaremos a Empresa Pública Augas de Galicia e o Organismo Autónoma da Auga, e crearemos un único ente que se chamará Axencia Augas de Galicia e que aglutinará toda a administración hidráulica”.

O mandatario galego remarcou que esta Lei suporá fomentar, por primeira vez en Galicia, o consumo responsable de auga xa que os galegos pagarán en función de que consuman e se substituirá o canon fixo actual por unha tributación progresiva segundo o consumo. “Imos plantexar unha tarifa social no que quede minorado o canon para aqueles cidadáns que non sobrepasen un determinado consumo; temos que incentivar realmente o uso racional da auga, xa que ata o de agora se cobraba o canon completo fose cal fose o consumo”, explicou.

Feijóo asegurou que o seu Goberno buscará a implicación dos concellos na aprobación e desenvolvemento deste proxecto, “un lei comprometida para os primeiros 100 días de Goberno e que hoxe podemos confirmar”. “Buscaremos a implicación dos concellos no mantemento das depuradoras, pero a Comunidade non pode mirar para outro lado cando se fan depuradoras e non se poñen en marcha”, advertiu. O mandatario galego asegurou, ademais, que o saneamento “real” e integral das rías é unha prioridade para o seu Goberno e destacou a autorización de actuacións de saneamento no Consello da Xunta de hoxe por valor de 6 millóns de euros, intervencións que se desenvolverán nos concellos de Boiro, Porto do Son e Gondomar.

“Faremos un convenio marco para o tratamento de augas residuais”, engadiu Feijóo, quen amosou a súa vontade de que estas actuacións desemboquen na transferencia a Galicia da xestión da conca Miño- Sil, “unha vez preparada a administración hidráulica e adaptada a Comunidade á directiva europea”

6 millóns para valorizar os camiños de Santiago
Na súa comparecencia á saída do Consello da Xunta, o presidente galego destacou as medidas adoptadas para o fomento do Xacobeo 2010 e, especialmente, a aprobación da primeira fase do Plan corrector dos camiños de Santiago. O mandatario galego explicou que este programa suporá un investimento de 6 millóns de euros na limpeza, sinalización e mantemento de tres camiños e os seus albergues: o Camiño Francés, o Portugués, e o de Fisterra- Muxía.

“Pensamos que o Camiño segue sendo a principal carta de presentación do Xacobeo 2010, e por iso 6 millóns de euros os vamos dedicar ao mantemento e a revalorización do Camiño de Santiago. 6 millóns que imos investir a través de convenios con 113 concellos e dos que, loxicamente, máis da metade irá ao Camiño Francés”, explicou.

O presidente galego explicou tamén outras decisións do Consello referidas ao Xacobeo como a declaración do ano 2010 como o Ano do Libro e da Lectura en Galicia, e o nomeamento de representantes do Goberno galego na Comisión de Cooperación entre o Consello da Capitalidade e o Concello de Santiago. “Aprobamos o decreto da imaxe corporativa do Xacobeo 2010, para que todos os departamentos da Xunta aproveiten o logo do Ano Santo. Imos fomentar tamén que se faga en todos os concellos, en todas as institucións”, explicou Feijóo, quen asegurou que a Xunta aproveitará un logotipo “que ten creada unha imaxe de marca de Galicia, que ten vivido xa dous anos santos, un logotipo coñecido e aceptado como o símbolo do Xacobeo e ben posicionado dentro do mercado das marcas e do turismo “