27 julio 2009

La Xunta sigue volcándose con el Camino Francés... el Portugués -lamentablemente- está lejos de ser potenciado

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel e a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, reuníronse hoxe cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés (Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzuá, O Pino e Santiago de Compostela) para informarlles das actuacións previstas para a súa posta en valor de cara ao Xacobeo 2010. O importe dos investimentos previstos no Plan Corrector e no Plan de Restauración e Pota en Valor dos Camiños de Santiago nos espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico ascenderá a un total de 4.350.000 de euros.

De forma pormenorizada, na primeira fase do Plan Corrector dos Camiños de Santiago, elaborado pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo adscrita á Secretaría Xeral para o Turismo, contémplase obras e reparacións no Camiño Francés por unha contía superior aos 3.400.000 euros. Doutra banda, o Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago nos espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico, deseñado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, contempla unha inversión de 2.900.000 euros. A Consellería de Cultura e Turismo aportará un total de 950.000 euros e traballa coa previsión de que o Ministerio de Fomento destine ata o 75 por cento do investimento (1.950.000 euros), a través do 1 por cento cultural.

Mediante este plans de intervención, a Consellería de Cultura e Turismo pretende recuperar e potenciar o Camiño como principal recurso cultural, turístico e de promoción do Xacobeo 2010. Trabállase para que o Camiño, como eixo da celebración xacobea, presente as mellores condiciones para o disfrute dos milleiros de visitantes e peregrinos que se achegarán a Galicia o vindeiro Ano Santo.

Plan Corrector dos Camiños de Santiago
A organización para este proxecto é dirixida dende a Secretaría Xeral para o Turismo e a Xerencia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo coa finalidade de corrixir os problemas e as deficiencias máis urxentes detectadas a partir de catro fontes de información: os servizos técnicos da Sociedade, a consultaría externa de apoio para o traballo de campo e a cartografía, os concellos e as asociacións de amigos do Camiño.

Como resultado desta recollida de información, deseñáronse unha serie de accións e intervencións sobre o trazado físico do Camiño Francés e sobre a súa sinalización. Está previsto colocar 200 elementos sinalizadores e, asemade, levaranse a cabo máis de 25 intervencións de mantemento e conservación como roza, arranxo do firme, colocación de pavimentos, creación de pasantes de auga ou plantación de árbores.

Para o Ano Santo do 2010 está prevista a entrada en funcionamento dun novo albergue no Camiño máis popular e transitado das oito rutas xacobeas. Será a Casa Grande de Lusío en Samos. Como novidade, en todos os albergues instalaranse paneis informativos para os peregrinos con información detallada sobre a senda, os elementos patrimoniais e paisaxísticos de interese do seguinte tramo da ruta.

De xeito paulatino, os responsables da Consellería de Cultura e Turismo irán informando aos alcaldes dos outros Camiños das intervencións previstas no Plan Corrector. A previsión é que este labor remate a principios de outubro.

Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago
O Plan de Restauración e Posta en Valor dos Camiños de Santiago contempla un investimento de 2.900.000 euros co obxectivo de rehabilitar e acondicionar os espazos públicos, carballeiras e patrimonio etnográfico do seu entorno de cara a súa posta en valor no Xacobeo 2010. A tal efecto, a Xunta de Galicia investirá un total de 950.000 euros, repartidos nos seguintes apartados: 500.000 euros destinados á posta en valor dos espazos públicos, 150.000 euros para as carballeiras e 300.000 euros para a aprobación dunha liña de axudas aos particulares co obxectivo de conservar o patrimonio etnográfico.

A Consellería de Cultura e Turismo avanzou xa nas negociacións co Ministerio de Fomento para que, a través do 1 por cento cultural, a súa aportación chegue a un total 1.950.000 euros. Desta cantidade, 1.500.000 euros estarían destinados aos espazos públicos e 450.000 euros ás carballeiras.

Con este programa de actuacións previstas para o período 2009-2010 nos tramos do Camiño Francés que precisen unha meirande urxencia, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural incidirá directamente e de xeito inmediato sobre a configuración dos propios camiños de peregrinación, dos lugares de reunión e de uso que se estruturan ao seu redor e dos elementos esenciais que os bordean, limitan e lles dan forma. O criterio básico de todas as intervencións será o de ofrecer unha imaxe uniforme e impecable que reflicta a singularidade dunha paisaxe e dunhas construcións propias de Galicia, unha imaxe iconográfica e un sinal de identidade tanto para os habitantes dos núcleos rurais como para os peregrinos e visitantes que se achegan a nosa comunidade.

Actuacións prioritarias
O programa de intervencións nos espazos públicos propón a recuperación sustentable e a posta en valor dos lugares de uso comunitario (prazas, fontes, lavadoiros, ...) que serven de punto de encontro para a celebración de reunións, festas ou actividades comúns nos núcleos rurais. Son espazos de intercambio de cultura e coñecementos que fomentan as actividades sociais e que son sinais de identidade propios e singulares da nosa paisaxe cultural. Intervirase a prol da integridade e da unidade do territorio e da paisaxe e, do mesmo xeito, corrixiranse erros ou impactos producidos por actuacións sen control ou por un desenvolvemento pouco reflexionado. En concreto, para o Camiño Francés establécese un período de dous anos de actuacións prioritarias para un total de 12 actuacións en espazos públicos dos concellos das provincias de Lugo e A Coruña polos que descorre o Camiño.

Asemade, contémplase a restauración das carballeiras dos Camiños de Santiago para a súa rehabilitación como espazo de relación comunal netamente galego, escenario de actividades culturais, relixiosas ou lúdicas ademais das estritamente agrarias. O obxectivo é o de concienciar sobre o valor desde patrimonio e reparar as agresións e transformacións sufridas cunha actuación urxente a dous anos vista e actualizacións periódicas posteriores para a súa completa execución. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural seleccionará na primeira fase de actuación 12 intervencións nas carballeiras do Camiño que teñan un especial significado para a comunidade e que necesiten unha recuperación inmediata.

Para preservar a integridade e conservación do patrimonio etnográfico construído á beira dos Camiños de Santiago, a Consellería de Cultura e Turismo desenvolverá unha orde de axudas dirixidas aos propietarios particulares daqueles elementos senlleiros (hórreos, cruceiros, petos de ánimas, muíños, lavadoiros, ...) que son característicos da cultura e de modos de vida tradicionais.

A Consellería de Cultura e Turismo abrirá ata o 15 de agosto o prazo para que os Concellos do Camiño Francés podan facer as súas apartacións e valoracións sobre o Plan de Intervencións. A previsión é que a execución do programa teña sucesivas actualizacións periódicas ata o seu desenvolvemento en todos os Camiños de Santiago.