24 julio 2009

Como cada semana, en MORRAZO-TRIBUNA, el más completo resumen del Consello da Xunta

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 23 DE XULLO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

DECRETOS

CONSELLERÍA DE FACENDA

§ Decreto polo que se acorda a cesión ao Concello de Santiago de Compostela, dos terreos situados no lugar de Casas Novas e que conforman o parque urbano de Monte Pío

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

§ Decreto polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de acondicionamento de trazado da obra da autovía Curro-Baión, treito I, Curro-enlace de Costa

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

§ Decreto polo que se crea o Colexio de Educación Infantil e Primaria de Cervo, nº 1, no Concello de Cervo (Lugo)

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

§ Decreto para a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010

§ Decreto polo que se declara o 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia

ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

§ Acordo polo que se ratifica a resolución da directora xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, do 7 de xullo de 2009, na que se ordena a interposición do recurso contencioso-administrativo contra a Resolución conxunta do 16 de abril de 2009, da Subsecretaría Xeral de Enerxía e da Secretaría Xeral do Mar, pola que se aproba o estudo estratéxico ambiental do litoral español para a instalación de parques eólicos mariños, publicado no BOE do 8 de maio de 2009 mediante resolución do 30 de abril de 2009 da Subsecretaría do Ministerio de Presidencia

§ Acordo polo que se autoriza á Secretaría Xeral de Medios para asinar unha addenda ao convenio marco de colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para o desenvolvemento do Plan Nacional de Transición á TDT

§ Acordo polo que se autoriza a sinatura da addenda ao convenio de colaboración formalizado o 30 de xuño de 2009, entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, co obxecto de establecer un marco de actuación para realizar traballos relacionados coa información do territorio, dirixidos á elaboración dunha base de datos toponímica de Galicia, por un importe de catrocentos nove mil novecentos sesenta e catro euros (409.964 euros)

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

§ Acordo polo que se autoriza o gasto por una contía de vinte e dous millóns catrocentos sesenta e nove mil trescentos oitenta e oito euros con vinte céntimos (22.469.388,20 euros), correspondente á obra de acceso á plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves á autovía A-52

§ Acordo polo que se autoriza o gasto por unha contía de catro millóns catrocentos vinte e dous mil centro setenta e seis euros con vinte e oito céntimos (4.422.176,28 euros), correspondentes á obra de reforzo do firme e mellora de interseccións na LU-120, treito Vilalba-Cruzamento de Arneiro (LU-113)

§ Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos e os concellos de Boiro, Porto do Son e Gondomar, para a execución de determinadas obras previstas no Plan de actuación para a eliminación de vertidos nas rías galegas por importe de seis millóns de euros (6.000.000 euros)

§ Acordo polo que se autoriza a sinatura da addenda nº 1 ao convenio subscrito entre a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e o Concello de Vilagarcía de Arousa, para a execución das obras de rexeneración estética e funcional da fachada do auditorio de Vilagarcía, por importe de oitenta e cinco mil oitocentos catro euros con noventa e oito céntimos (875.804,98 euros)

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

§ Acordo polo que se autoriza o compromiso de gasto plurinaual que deriva da orde pola que se convocan as bolsas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementario, destinados ao alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos en 1º, 2º, 5º e 6º de educación primaria e en educación especial, no curso escolar 2009/2010

CONSELLERÍA DE SANIDADE

§ Acordo de autorización para a aceptación da cesión de dúas parcelas de 837,89 e 958,62 metros cadrados, feita a título gratuíto polo Concello de Santiago de Compostela a favor do Servizo Galego de Saúde, con destino á construción dun centro de saúde en Galeras

§ Acordo de autorización para a aceptación da cesión dunha parcela de 4.395 metros cadrados, feita a título gratuíto polo Concello de Nigrán (Pontevedra) a favor do Servizo Galego de Saúde, con destino á construción dun centro de saúde en Panxón

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

§ Acordo polo que se designan os representantes da Xunta de Galicia na Comisión de Cooperación entre o Consello da Capitalidade e o Concello de Santiago de Compostela coa finalidade de colaborar na xestión e desenvolvemento do Ano Santo 2010

§ Acordo polo que se autoriza a modificación cualitativa do Fondo de Compensación Interterritorial-2009, en materia de valorización de recursos culturais de interese turístico

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

§ Acordo polo que se autoriza á Consellería de Traballo e Benestar á sinatura dun convenio de colaboración coas centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UGT-Galicia), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (S.N. de CC.OO. de Galicia), Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), para o desenvolvemento de actividades formativas en materia de prevención de riscos laborais por un importe de seiscentos cincuenta mil cen euros (650.100 euros)

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

§ Acordo polo que se autoriza a Consellería do Medio Rural para a concesión dunha subvención á empresa Queserías Entrepinares, S.A. por un importe de seis millóns douscentos setenta e seis mil cento setenta e tres con sesenta e oito céntimos (6.276.173,68 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 49.04.741.A-770.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma

CONSELLERÍA DO MAR

§ Acordo polo que se autoriza un compromiso de gasto plurianual correspondente á Orde pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para formación de persoal especialista en temas de investigación mariña correspondentes ao Programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e se procede á súa convocatoria


INFORMES

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

§ Informe sobre a elaboración de libros verdes de apoio á redacción normativa na Comunidade Autónoma de Galicia

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

§ Informe sobre a necesidade dunha nova Lei de augas de Galicia

CONSELLERÍA DE SANIDADE

§ Informe sobre as actuacións que se van realizar en materia de racionalización do uso do alcohol

§ Informe sobre o uso racional do medicamento e o Plan de Redución do Gasto Farmacéutico

§ Informe sobre as actuacións de preparación para a pandemia da gripe A

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

§ Informe sobre o Plan Corrector dos Camiños de Santiago (primeira fase): Camiño Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Portugués


CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

§ Informe polo que se dá conta ao Consello da Xunta do borrador do proxecto de decreto polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do dereito á dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e a atención á dependencia, do procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e o funcionamento dos órganos técnicos competentes

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

§ Informe sobre o Plan estratéxico para o sector lácteo





A XUNTA CEDE AO CONCELLO DE SANTIAGO TERREOS EN MONTE PÍO PARA DESTINALOS A UN PARQUE PÚBLICO MUNICIPAL

§ A operación enmárcase nun convenio de colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Concello de Santiago para desenvolver actuacións urbanísticas nesta cidade
§ Os terreos en que se sitúa o parque público forman parte dun predio matriz no que está situado o complexo institucional Monte Pío

O Consello da Xunta acordou na súa reunión desta mañá a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio -dependente da Consellería de Facenda- a cesión ao Concello de Santiago, dos terreos situados no lugar de Casas Novas e que conforman o parque urbano de Monte Pío. Estes terreos forman parte dun predio matriz no que está situado o complexo institucional Monte Pío e destinaranse a un parque público municipal.

Esta cesión enmárcase nun convenio de colaboración entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Concello de Santiago para o desenvolvemento de actuacións urbanísticas nesta cidade. No devandito acordo, a comunidade comprométese á execución das obras de acondicionamento do parque urbano de Monte Pío e á súa posterior cesión a título gratuíto ao concello de Santiago de Compostela.

De acordo coa cesión, a parcela destinarase a parque público municipal, agás as vías que se atopan nela que se destinarán ao seu propio fin. No caso, de que non sexa dedicado ao uso previsto no acordo ou deixade de estalo con posterioridade, a parcela será revertida á comunidade.



A XUNTA comeza o proceso expropiaTORIO da autovía pontevedra-vilagarcía para licitar as obras no primeiro trimestre de 2010

§ O Consello da Xunta aprobou esta mañá o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción do treito enlace de Curro - enlace de Costa desta autovía

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou os trámites e procesos necesarios para proceder á construción da autovía Pontevedra-Vilagarcía (AG-47), co obxectivo de licitar a obra durante o primeiro trimestre de 2010. O Consello da Xunta, na súa reunión semanal, aprobou o decreto polo que declara de utilidade pública e dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola construción do primeiro dos treitos deste ramal, que discorrerá desde o enlace de Curro ata o enlace de Costa.

No enlace de Curro conectará coa autoestrada AP-9 e coa futura A-57 (Pontevedra-Vigo), unha infraestrutura que construirá o Ministerio de Fomento, así como coa Autovía do Salnés. Unha vez rematado este novo entramado viario de altas prestacións, Vilagarcía estará unida con Pontevedra e Vigo a través dunha autovía libre de peaxe alternativa á AP-9.

A autovía estará formada por dous tramos: o treito enlace de Curro-Enlace de Costa, de case 2 quilómetros; e o tramo enlace de Costa – Baión (variante de Vilagarcía), de 5 quilómetros.

Tramo Curro- Enlace Costa
O departamento que dirixe Agustín Hernández está a iniciar os traballos de expropiacións que afectarán 369 predios dos concellos de Meis e Portas, antes de proceder á licitación das obras no primeiro trimestre de 2010. Este treito da autovía Pontevedra-Vilagarcía terá unha lonxitude de case 2 quilómetros.

O departamento responsable das infraestruturas en Galicia disporá un orzamento de case 14 millóns de euros para a construción deste tramo.

Esta infraestrutura terá unha anchura de 26 metros, distribuídos en 4 carrís de 3,5 metros, unha mediana de 2 metros, dúas beiravías exteriores de 2,5 metros e dúas interiores de 1,5 metros e, por último, dúas bermas dun metro de ancho.

Tamén se deseñarán dúas glorietas, tres pasos inferiores e un superior e un viaduto. Os traballos rematarán coa instalación dos elementos de sinalización e de balizamento, así como a restauración paisaxística na zona afectada polas obras.

Tramitación pola vía de urxencia
A razón da tramitación pola vía de urxencia está xustificada pola posta en servizo, o pasado 16 de xullo, da variante de Vilagarcía. Ademais está a piques de comezar a obra do enlace de Curro que conectará a autoestrada AP-9, a autovía do Salnés (AG-41), a estrada Pontevedra- Vilagarcía (PO-531) e a futura A-57 Pontevedra - Vigo. Por outro lado, o Ministerio de Fomento está a executar as obras de acceso ao Porto de Vilagarcía de Arousa, que rematarán previsiblemente no vindeiro ano 2010.

Todas estas obras tamén terán como nexo de unión a autovía AG-47, unha infraestrutura moderna, segura e eficaz que se considera un proxecto determinante na efectividade da seguridade viaria da zona e que facilitará a conexión entre os municipios da comarca. En consecuencia, esta nova vía permitirá aos cidadáns residentes neste territorio un rápido enlace con outras vías de alta capacidade e coa costa.

Por outro lado, sucede que, mentres non se constrúe a autovía Pontevedra- Vilagarcía, a estrada PO-531, unha vía xa de por si saturada de tráfico que discorre basicamente por zona urbana, é a que canaliza todo o tráfico do resto das vías de alta capacidade.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para preservar a seguranza (tanto das persoas como dos automobilistas), e á necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para esta actuación.


O CONSELLO DA XUNTA APROBA A CREACIÓN DUN NOVO COLEXIO EN CERVO QUE AGRUPE A TODO O ALUMNADO DE SAN CIBRAO

§ Este novo centro de infantil e primaria supón a fusión dos centros Rivera Casás e Galdín, aproveitando as instalacións deste último

O Consello da Xunta aprobou hoxe a creación do CEIP de Cervo con capacidade para tres unidades de educación infantil e seis unidades de primaria. Este novo centro supón a fusión do Rivera Casás e o Galdín e aproveitará as instalacións, recentemente melloradas deste último.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tomou esta decisión despois de que varios informes de Inspección Educativa recomenden a integración nas instalacións do actual CEIP de Galdín. Este centro conta na actualidade con capacidade abonda para escolarizar todo o alumnado de San Cibrao -142 alumnos- e con todos os requisitos mínimos e legais incluídos os relacionados co acceso e circulación do alumnado con problemas físicos así como os servizos complementarios como transporte e comedor.

Ademais, todo o profesorado con destino definitivo nalgún dos dous centros tería posto de traballo da especialidade a que está adscrito na actualidade, coa excepción dunha profesora de música que posúe a especialidade de educación infantil, polo que podería ser adscrita a un posto vacante desta modalidade.

Esta reorganización educativa na localidade de San Cibrao obedece a criterios técnicos e permite un mellor aproveitamento dos recursos que redundan nun ensino de maior calidade e atención aos alumnos.

O CONSELLO DA XUNTA APROBA O DECRETO PARA A UTILIZACIÓN DA IMAXE CORPORATIVA DO XACOBEO 2010

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto que normaliza e delimita o uso da identidade corporativa do Xacobeo 2010 para a súa correcta aplicación e o respecto á normativa existente no desenvolvemento e promoción do Ano Santo.

O Xacobeo 2010 constitúe a mellor oportunidade para promocionar a nosa Comunidade máis aló das nosas fronteiras, reforzando a dimensión internacional do Camiño de Santiago para posicionar definitivamente a Galicia como un foco de interese mundial. Deste xeito, a imaxe corporativa do Xacobeo 2010 cobra importancia como cúmulo e reflexo de todas as actuacións que se van desenvolver durante a celebración do Ano Santo. Así mesmo, é o primeiro contacto que os cidadáns, institucións e entidades teñen con este evento a través da súa comunicación visual.

Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, fundacións do sector público autonómico e sociedades públicas autonómicas utilizarán como elementos adicionais os símbolos do Xacobeo 2010 en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas. As normas básicas para a correcta utilización dos elementos gráficos representativos do Xacobeo 2010 están recollidos nun manual propiedade exclusiva da Xunta de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

As solicitudes para a utilización por parte doutras persoas ou entidades dos símbolos representativos do Xacobeo 2010 deben dirixirse á S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que será competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas da imaxe corporativa do Xacobeo 2010 en todas as súas manifestacións de comunicación pública.

O CONSELLO DA XUNTA DECLARA O 2010 COMO ANO DO LIBRO E DA LECTURA DE GALICIA

§ O obxectivo da declaración é o de mobilizar todas as organizacións galegas, o sector do libro, os representantes editoriais e demais axentes implicados a favor do fomento da lectura
§ A Consellería de Cultura e Turismo vinculará os plans de actuación e as medidas de promoción do libro coa celebración do Ano Xacobeo

O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración do 2010 como Ano do Libro e da Lectura de Galicia coa finalidade de incardinar os programas de actuación e as medidas de promoción do libro e fomento da lectura dentro do próximo Ano Xacobeo. Con esta iniciativa a Consellería de Cultura e Turismo pretende involucrar todas as organizacións galegas, o sector do libro, os representantes editoriais e demais axentes implicados para traballar conxuntamente nesta iniciativa.

A finalidade deste proxecto é impulsar o Ano do Libro e da Lectura de Galicia a través da celebración do Xacobeo 2010. Para iso, as institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a pór de relevo esta manifestación contribuíndo ao recoñecemento do libro como instrumento para a promoción e a divulgación da cultura e da lingua de Galicia. Así mesmo, invítase a todos os galegos a participar nos distintos actos que se celebren na promoción do libro e da lectura.

A Consellería de Cultura e Turismo aposta por utilizar unha ferramenta tan importante como é a Lei do libro e da lectura e de Galicia (Lei 17/2006, do 27 de decembro) e traballar nas obrigas que esta lei recolle. Entre elas, confíanselle á Administración as tarefas de planificación, información e coordinación arredor do libro e da lectura co fin de favorecer a sociedade galega. Ademais, tamén se recoñece o carácter estratéxico e prioritario do sector do libro como instrumento para a expresión do dereito á creación, á promoción e á divulgación da cultura, da historia e da lingua de Galicia. Para iso, elaboraranse e aprobaranse plans e programas de ecuación de promoción do libro e de fomento da lectura, medidas que a Consellería entende que é axeitado incardinar no próximo Ano Xubilar 2010 para ensamblar ambas as realidades.

O valor cultural do libro
Galicia está indisolublemente asociada a Europa a través das correntes culturais, do pensamento e do espírito. Estas manifestacións exprésanse e materialízanse a través da palabra escrita, a través do códice ou do libro, que, desde a alta Idade Media, ofrece a cada obra un polo de atención para o debate, a construción intelectual e a democratización vagarosa do coñecemento e da intelixencia colectiva.

Debido a isto, a Consellería de Cultura e Turismo considera unha simbiose moi frutífera a do Ano Santo Xacobeo, que se celebrará en 2010, e o enxalzamento do libro e da lectura en Galicia. Deste xeito, o Ano Santo verase apoiado pola creación literaria galega e pola incorporación á nosa lingua dos textos fundamentais da área cultural en que nos inserimos, tanto do presente coma do pasado. O libro, a nosa expresión, o noso xeito de ver e comprender a realidade e a súa transformación debe engadirlle unha perspectiva enriquecedora ao Xacobeo; na celebración máis importante da nosa comunidade producirase un intercambio cultural de creadores de dentro e de fóra, transformada e fortalecida pola sensibilidade de agora e coa herdanza milenaria de Compostela e da Vía Stellarum.

Por estes motivos, considérase fundamental para a cultura galega aproveitar a próxima celebración xacobea para plasmar esa unión, fácil de detectar na realidade, mais non recoñecida formalmente no seu auténtico valor.


A XUNTA INTERPÓN UN RECURSO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO CONTRA O ESTUDO DO GOBERNO CENTRAL PARA INSTALAR PARQUES EÓLICOS MARIÑOS

O Consello da Xunta acordou hoxe interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra unha resolución do Goberno central que aproba o estudo enerxético ambiental do litoral español para a instalación de parques eólicos mariños, publicado no Boletín Oficial del Estado do 8 de maio de 2009.

A resolución do Executivo central, conxunta da Subsecretaría Xeral de Enerxía e da Secretaría Xeral do Mar, ditouse en cumprimento dun decreto de 2007 que establece o procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de autorización de xeración eléctrica no mar territorial e que prevía a elaboración dun estudo estratéxico ambiental para determinar as zonas marítimo-terrestres que reúnen condicións favorables para a instalación de parques eólicos mariños.

O Consello da Xunta xa tiña aprobado en setembro e novembro de 2007 acordos de requirimento de incompetencia e conflito de competencias contra o citado decreto, por entender que vulnera as competencias que o Estatuto de autonomía de Galicia e a Constitución española lle atribúen á comunidade galega en materia de procedemento administrativo para a tramitación das solicitudes de xeración eléctrica no mar territorial.


A XUNTA E O MINISTERIO DE INDUSTRIA, TURISMO E COMERCIO ACHEGARÁN PRETO DE 9 MILLÓNS DE EUROS AO CONVENIO MARCO DE COLABORACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DO PLAN NACIONAL DE TRANSICIÓN DA TDT

§ Este plan permitirá a plena implantación en Galicia da Televisión Dixital Terrestre en abril de 2010

O Consello da Xunta de Galicia autorizou hoxe a sinatura dunha addenda ao Convenio Marco de colaboración co Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para o desenvolvemento do Plan Nacional de Transición á TDT.

Segundo esta addenda incorpóranse dous novos anexos ao Convenio Marco de colaboración para o desenvolvemento do Plan Nacional de Transición á TDT subscrito entre o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a Comunidade Autónoma de Galicia: anexo nº3 e anexo nº4.

O anexo nº3 do Convenio Marco establece un orzamento para esta iniciativa de 8.783.100,00€. O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio transferirá á Comunidade Autónoma de Galicia os fondos de cofinanciamento correspondentes, 4.519.550,00€; e pola súa banda a Comunidade Autónoma financiará este convenio con 4.263.550,00€.

Así mesmo, no modelo de colaboración aprobado e asociado ao Plan Nacional de Transición á TDT, todos os fondos a transferir á Comunidade foron vinculados á actuación no ámbito da cobertura, directamente asociadas ao obxectivo deste Convenio Marco de igualar a cobertura dixital á analóxica preexistente.

Por outra banda, no anexo nº4 inclúese a lista das coberturas que con carácter de extensión debe asegurar a Comunidade no marco deste anexo, agrupadas por municipio, entidade de poboación e tipo de emisión. Estas extensións de cobertura permitirán dar cumprimento ao obxectivo de igualar en tecnoloxía dixital a cobertura analóxica preexistente e a plena implantación en Galicia da TDT en abril de 2010.


A XUNTA INVISTE MÁIS DE 520.000 EUROS NA ELABORACIÓN DUNHA BASE DE DATOS TOPONÍMICA PARA GALICIA

§ Asínase a addenda a un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia formalizado o pasado 30 de xuño de 2009
§ Esta achega económica será por parte de todas consellerías da Xunta de Galicia e as secretarías xerais de Presidencia, Medios e Emigración

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia -formalizado o pasado 30 de xuño de 2009- co obxecto de establecer un marco de actuación para realizar traballos relacionados coa información do territorio dirixidos á elaboración dunha base de datos toponímica de Galicia. O importe total para este fin é de 520.000 euros, que se achegarán desde todas as consellerías da Xunta de Galicia e as secretarías xerais de Presidencia, Medios e Emigración. O convenio entrará en vigor no momento da súa sinatura e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2009.

Proxecto Toponimia de Galicia
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ten, entre outras, as competencias en materia de toponimia e adscrita a Comisión de Toponimia. Cumprindo co mandato da Lei de normalización lingüística, púxose en marcha, co asesoramento da devandita comisión, o proceso de fixación dos nomes oficiais que levou á edición do Nomenclátor de Galicia. Como continuación deste proceso de recuperación toponímico, iniciouse un proceso global -coa denominación Toponimia de Galicia-, para o que se incluíu dotación económica desde o ano 2002.

Para levar a cabo este tipo de accións a Consellería ten necesidade de contar coa colaboración da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, que dispón dun elemento como é a cartografía que permite a localización exacta e localización, non só dos principais núcleos de poboación senón tamén dos lugares, aldeas e parroquias que conforman a estrutura xeográfica de Galicia.

Este labor realízase a través do Sistema de Información Territorial (SITGA), que é o departamento de cartografía da Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal (SODECO) e que dispón dos medios tecnolóxicos máis avanzados e da cartografía de que non dispón ningunha entidade pública ou privada de Galicia, coa excepción dos departamentos cartográficos da Defensa. Por esta razón faise necesario e conveniente continuar coa liña de traballo iniciada no ano 2002 mediante a subscrición dun convenio de colaboración que se integra nas tarefas e nos obxectivos que persegue o proxecto global a que se fixo referencia.

O obxecto desta addenda é recoller os novos traballos de campo e de gabinete realizados no marco do citado proxecto. Así, no tocante aos traballos de campo, prevese que durante o ano 2009 se poidan recoller arredor de 35.000 topónimos e detállanse as seguintes actuacións: finalización do traballo de campo no concello da Veiga, activo na actualidade; recolleita de toponimia en Entrimo, Lobios e Muíños; así como a finalización dos traballos en Coristanco, Castrelo do Val, O Barco de Valdeorras, Pantón e A Baña.

Pola súa banda, os traballos de gabinete consistirán, entre outras actuacións, na preparación do material necesario para utilizar en campo, a revisión das bases de datos, a dixitalización dos topónimos incorporados ao Proxecto sobre ortografía aérea, elaboración de informes de cada concello na fase de preexposición e a actualización da información dos concellos que remitan novos datos facilitados polos informantes durante as exposicións públicas.



A XUNTA INVISTE máis de 25 MILLÓNS DE EUROS na construción dunha autovía de enlace entre A PLATAFORMA LOXÍSTIcA SALVATERRA - AS NEVES E A AUTOVÍA DAS RÍAS BAIXAS (a-52)

§ A previsión da Consellería de Medio Ambiente é adxudicar estas obras antes de que remate este ano
§ O Consello da Xunta autorizou o gasto para poder licitar esta actuación

O Consello da Xunta autorizou esta mañá á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas un gasto de máis de 22 millóns de euros para a construción dunha autovía de acceso desde a plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves á autovía da Rías Baixas (A-52). A este orzamento hai que engadir case 3 millóns de euros en concepto de expropiacións e case 400.000 euros para orzamentos de control patrimonial e ambiental. O orzamento que inviste a Xunta de Galicia para a realización destas obras elévase ata os 25,5 millóns de euros. A previsión do departamento que dirixe Agustín Hernández é adxudicar estas obras antes de que remate 2009.

Esta actuación forma parte dos proxectos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para mellorar as comunicacións viarias da Comunidade galega e, en consecuencia, facilitar as relacións comerciais e laborais das empresas e entidades localizadas nesta zona, e o seu acceso ás vías de alta capacidade de conexión coa Meseta e co norte de Portugal.

Os prazos
A Consellería de Medio Ambiente prevé que a adxudicación destas obras, que teñen un prazo de execución de 24 meses, se formalice antes de que remate o ano 2009. Despois de informar o Consello da Xunta, o paso seguinte é dar publicidade á licitación destas obras no Diario Oficial de Galicia (DOG), no Boletín Oficial del Estado (BOE) e no Diario Oficial de la Unión Europea.

O trazado
Esta nova infraestrutura terá unha lonxitude é de 4,5 quilómetros e a sección do tronco terá un ancho de 29 metros. Concretamente, contará con catro carrís de 3,5 metros cada un, separados por unha mediana de 3 metros, o raio mínimo será de 800 metros e a pendente máxima estará fixada nun 4%.Os usuarios poderán circular a unha velocidade media de 80 km/h.

Esta vía contará con tres enlaces, distribuídos da seguinte maneira: o enlace de Puzo, que conectará coa autovía A-52; o enlace de Vales, que conectará coa rede viaria local; e o enlace de PLISAN, que conectará coa plataforma loxística.

Ademais, proxéctanse un total de dez estruturas: un paso inferior, sete superiores e dous viadutos. Os viadutos servirán como paso sobre o rego de Lobeira (instalarase un por cada sentido) e terán unha lonxitude de 70 metros con 3 vans de luz.

Para proceder á materialización desta obra, moveranse 1.254.283 metros de terra, 576.803 metros cúbicos en escavacións e 677.480 nun terraplén. Estes traballos rematarán coa instalacións da sinalización e de balizamento.

Beneficiarios
Cómpre sinalar que a execución deste proxecto afectará 670 predios do Concello de Salvaterra de Miño, mentres que os concellos beneficiarios son Salvaterra de Miño, As Neves, O Porriño e Ponteareas. Así, o número de veciños beneficiarios ascende a máis de 50.000 persoas, aos cales haberá que engadir o número de persoas que empregarán esta vía para realizar o seu traballo nas zonas industriais a que esta vía dará servizo.




A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE INVESTIRÁ 4,5 MILLÓNS DE EUROS NO REFORZO DO FIRME E MELLORA DAS INTERSECCIÓNS NA ESTRADA LU-120, NO TREITO VILALBA-CRUZAMENTO DE ARNEIRO

§ As accións que se levarán a cabo teñen por obxectivo a rehabilitación estrutural do firme da estrada, que se atopa bastante deteriorado, e a mellora da seguridade viaria deste treito
§ As obras que se acometerán neste tramo beneficiarán os habitantes dos concellos lucenses de Vilalba e Cospeito, é dicir, máis de 20.600 persoas
§ Por motivos de seguridade viaria, adaptaranse á normativa vixente todos os sistemas de contención desta estrada
§ Estas actuacións terán un prazo de execución de doce meses

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá case 4,5 millóns de euros no reforzo do firme e mellora de varias interseccións na estrada LU-120, concretamente no treito que discorre entre Vilalba e o Cruzamento de Arneiro. Esta inversión levarase a cabo en dúas anualidades. Neste ano investiranse 300.000 euros, mentres que no exercicio 2010 se producirá a maior parte do investimento, con máis de 4,1 millóns de euros. Estas actuacións terán un prazo de execución de doce meses.

As accións que se levarán a cabo nestes puntos teñen por obxectivo a rehabilitación do firme, que se atopa bastante deteriorado na actualidade, e a mellora da seguridade viaria deste treito. A vía que se vai reparar sitúase entre o enlace coa N-634 nas proximidades da localidade lucense de Vilalba, no punto quilométrico 0+000, e o enlace de Arneiro coa LU-113, pq 14+270, e ten unha lonxitude duns 14,3 quilómetros. As características desta estrada son as dunha calzada única, con dobre sentido de circulación, con carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías de arredor de 1,5 metros.

Para facer as actuacións hoxe anunciadas, traballarase no saneamento do firme para a posterior execución dunha nova capa de rodadura. Tamén, se levará a cabo a desmontaxe das barreiras metálicas que existen na actualidade e a demolición das beirarrúas da travesía do Santo, que se reconstruirán, cara ao punto quilimétrico 11 da actuación.

Actuacións
Por motivos da mellora da seguridade viaria, sobre todo na protección dos motoristas, adaptarase a vía á normativa vixente en todos os sistemas de contención. Inclúese a retirada das barreiras metálicas existentes, posto que ao realizarse o reforzo da cota superior do firme quedará 12 cm por enriba da súa cota actual, polo que non se cumprirán os requisitos exixidos pola normativa en canto a alturas das barreiras. Así, substituiranse os peitróns metálicos existentes por outros adaptados á normativa.

Así mesmo, levarase a cabo o acondicionamento dos principais accesos á estrada, polo que se colocarán, onde sexa posible, pequenas cuñas de entrada e saída, co fin de facilitar a incorporación dos vehículos.

Redución da velocidade
Por outra banda, a zona da travesía do Santo verase mellorada coa finalidade de lograr unha redución da velocidade, que tende a ser moi alta dado o favorable trazado existente na rúa, xa que, a maior parte é unha longa recta onde os vehículos acadan velocidades bastante altas. Ademais, cambiaranse as beirarrúas existentes, xa que se atopan en moi mal estado.

Co fin e lograr unha axeitada mellora dos parámetros de seguridade viaria da estrada, substituiranse naqueles treitos onde sexa posible, as actuais gabias de terra profunda por gabias de seguridade.

Por último, realizaranse traballos para a mellora da sinalización horizontal e vertical e o balizamento e defensa da estrada. Ademais de establecer dúas zonas de aparcamento de 2,50 metros de ancho. Esta vía pertence á Rede Primaria Complementaria, dependente da Xunta de Galicia e beneficiará a máis de 20.600 persoas que viven nos concellos lucenses de Vilalba e Cospeito.

A XUNTA INVESTIRÁ 6 MILLÓNS DE EUROS EN DISTINTAS OBRAS HIDRÁULICAS NAS LOCALIDADES DE BOIRO, PORTO DO SON E GONDOMAR, INCLUÍDAS NO PLAN DE ACTUACIÓN PARA A ELIMINACIÓN DE VERTEDURAS NAS RÍAS GALEGAS

§ No concello de Boiro colocarase un novo interceptor na praia de Barraña; en Porto do Son poranse os colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais de Tarrío; e en Gondomar realizaranse distintas actuacións de saneamento na desembocadura do río Miñor
§ A Administración hidráulica de Galicia farase cargo da totalidade do financiamento

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá 6 millóns euros na construción de distintas infraestruturas nos concellos coruñeses de Boiro e Porto do Son e no pontevedrés de Gondomar, obras que se inclúen no Plan de actuación para a eliminación de verteduras nas rías galegas. O Consello da Xunta aprobou o proxecto polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre estes concellos e o departamento que dirixe Agustín Hernández, concretamente coa Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos.

Os traballos que se van realizar son de diferente índole. Así, no concello de Boiro colocarase un novo interceptor na praia de Barraña; en Porto do Son poranse os colectores xerais e a estación depuradora de augas residuais de Tarrío; mentres que no pontevedrés concello de Gondomar se realizarán distintas actuacións de saneamento na desembocadura do río Miñor.

Praia de Barraña en Boiro
As obras na localidade coruñesa de Boiro céntranse nun punto ao sur do núcleo urbano, onde se sitúa a praia de Barraña, na que un colector interceptor recolle todos os secundarios que baixan a través de varias avenidas.

A rede do núcleo de Boiro é unitaria polo que, en canto chove, o interceptor soborda directamente á area da praia. Ademais, a rede non conta con ningún elemento de laminación e, de forma sistemática, cando chove forte, os seus bombeos alivian e algúns pozos vense desbordados.

Coas obras agora anunciadas lograrase o control das augas pluviais e, así, eliminaranse as verteduras á praia de Barraña e, como consecuencia, á ría de Arousa. O proxecto inclúe a continuación da renovación do interceptor, instalando un colector de poliéster reforzado con fibra de vidro en lugar do actual de fibrocemento, desde o pozo número 9 ata o novo tanque de Chouza. Tamén se construirá un tanque de tormentas para a retención dos importantes caudais xerados na rede en tempo de choivas na zona do peirao. O investimento previsto ascende a 3 millóns de euros.

Porto do Son
Actualmente a zona de Tarrío, no concello de Porto do Son, carece das infraestruturas básicas de recollida e tratamento para das augas residuais, que son conducidas directamente cara ao mar. Por tanto, a actuación consiste en instalar os colectores de saneamento necesarios, e construír unha EDAR que depure as augas residuais urbanas.

A rede nesta localidade coruñesa componse dun total de 11 colectores. En conxunto, constitúen a rede xeral de saneamento das parroquias de Baroña e Queiruga, no centro-costa do termo municipal de Porto do Son. Esta rede compleméntase coas 4 estacións de bombeo previstas, que se corresponden cos catro tramos en impulsión.

A EDAR que contará cunha liña de auga con pretratamento e tratamento biolóxico de aireación prolongada con eliminación de nutrintes; unha liña de lodos con espesamento por gravidade e deshidratación; e unha instalación de desinfección da auga depurada, por raios ultravioleta. O investimento total previsto será de 1,9 millóns de euros.

Desembocadura do río Miñor en Gondomar
A problemática da rede de colectores no concello de Gondomar céntrase no exceso de augas pluviais e de infiltración na rede; e a filtración de alivios por tapas e pozos, debido á entrada en carga, polo exceso de caudal e pola pouca pendente que teñen moitos tramos de colector.

Todo insto provoca que a EDAR, que ten un funcionamento correcto, non poida asumir todo o caudal que lle chega en tempo de chuvia, polo que ten que aliviar parte del. Por todo isto, as solucións que se están a estudar pasan por afastar os colectores dos leitos fluviais e conseguir máis cota e pendente nas conducións por gravidade, o que require da construción dalgún bombeo, así como outras actuacións puntuais na rede de colectores. O obxectivo e minimizar os alivios, tanto na rede de colectores coma na EDAR, para o que está previsto investir 1,1 millóns de euros.

Tres anualidades
A Administración hidráulica de Galicia, consciente dos problemas de saneamento e depuración detectados nas rías galegas, e máis en concreto nas zonas sinaladas, cre necesaria a execución dun plan de actuación co fin de minimizar e controlar as verteduras ao dominio público e solucionar os problemas de contaminación microbiolóxica, tanto desde o punto de vista da normativa de moluscos como da de augas de baño, para así reducir os niveis de contaminación aos parámetros marcados pola normativa vixente.

Estes acordos significan un importante beneficio tanto para os habitantes destas zonas como para o medio natural, polo que a Administración hidráulica de Galicia pretende executar, a través da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, estas actuacións. Para iso, os concellos comprométense á posta á disposición dos terreos e dos permisos necesarios, libres de cargas e gravames, así como a asumir a conservación e o mantemento das obras unha vez executadas e recibidas pola Administración hidráulica.

Estes convenios son consecuencia do compromiso de que o ambiente ten prioridade absoluta no deseño de todas as políticas, accións e actividades que se leven a cabo desde o departamento que dirixe Agustín Hernández. Por esta razón, estase a pór en marcha, de maneira inmediata, un plan de choque nas rías galegas que dea resposta rápida ás necesidades máis urxentes e sirva, ademais, para reactivación da economía e a creación de emprego.



MEDIO AMBIENTE REALIZARÁ UNHA ACHEGA ECONÓMICA DE 875.000 EUROS PARA A REXENERACIÓN ESTÉTICA E FUNCIONAL DA FACHADA DO AUDITORIO DE VILAGARCÍA DE AROUSA

§ O Consello da Xunta autorizou unha addenda ao convenio entre a Consellería e o concello arousán
§ O proxecto, xa redactado, pretende garantir a seguridade e durabilidade do edificio

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dunha addenda ao convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Vilagarcía de Arousa para realizar a rexeneración estética e funcional da fachada do auditorio arousán. Cómpre salientar que coa sinatura desta addenda, se efectúa unha redistribución económica así como un incremento na contía que financia o obxecto do convenio.

Neste momento, xa se atopa redactado o proxecto técnico para a execución das obras e, os prazos que se prevén para a súa realización unidos aos necesarios derivados dos procedementos de licitación e adxudicación dos contratos, obrigan a unha prolongación das actuacións ata o ano 2010. A Xunta de Galicia achegará un total de 875.804 euros, distribuídos entre 2009 e 2010.

Un dos obxectivos desta actuación é garantir a seguridade e durabilidade do edificio, substituíndo as actuais lousas con varias anomalías por unhas novas adecuadas ás condicións ambientais que debe soportar. A parte máis afectada da construción é a fachada orientada cara ao mar, que necesita o arranxo de pezas de pedra que sufriron desprendementos neste ano.

A vixencia deste convenio esténdese ata o 31 de decembro de 2010, que se mantén ata a entrega das obras ao Concello de Vilagarcía de Arousa.


O CONSELLO DA XUNTA COMPROMETE 6,9 MILLÓNS DE EUROS PARA O NOVO SISTEMA DE AXUDAS Á COMPRA DE LIBROS DE TEXTO

§ Este programa comezará implantándose no próximo curso en 1º, 2º, 5º e 6º de primaria e en educación especial

O Consello da Xunta comprometeu hoxe o orzamento para o programa de axudas á compra de libros de texto que substituirá progresivamente ao de préstamo vixente. Concretamente, serán 6.946.296 euros para un sistema que dotará as familias de bolsas en función da súa renda permitindo que a Administración se centre naquelas máis desfavorecidas.

Tal e como se anunciou hai algunhas semanas, o novo programa establece tres niveis de renda. O primeiro, para aquelas familias con ingresos inferiores a 5.400 euros por persoa no fogar, recibirán 180 euros por cada fillo, suficientes para cubrir a totalidade dos libros de texto. O segundo tramo será para as familias con ingresos entre os 5.400 e os 9.000 euros per cápita, que recibirán 104 euros por neno. No caso das familias monoparentais, o primeiro tramo sobe ata os 6.000 euros por persoa.

Para os alumnos de educación especial, a Consellería de Educación garante 250 euros, sexa cal sexa o nivel de renda. Ademais, o programa atenderá de forma especial ás familias con membros afectados por minusvalidez igual ou superior ao 33%.

O novo sistema introducirase paulatinamente, comezando nunha primeira fase en 1º, 2º, 5º e 6º de primaria, ademais de en educación especial. No resto dos cursos, irá substituíndo progresivamente o de préstamo ata quedar completamente implantado a partir de 2012-13.

As solicitudes poderanse recoller nos centros, nas delegacións territoriais ou na páxina web www.edu.xunta.es e o prazo para a súa presentación será dun mes a partir do 1 de setembro. Así mesmo, estas solicitudes terán que presentarse nas secretarías dos centros educativos, que deberán proporcionar asesoramento ás familias que o requiran.

Desde a Consellería de Educación deféndese que este modelo é máis xusto e solidario que o anterior de préstamo universal, garantindo que as rendas máis baixas e necesitadas serán as máis beneficiadas. Ademais, será reinvestido noutros servizos educativos deficitarios como o transporte ou os comedores escolares.

O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE CONSTRUIRÁ CENTROS DE SAÚDE EN PANXÓN (NIGRÁN) E GALERAS (SANTIAGO)

O Servizo Galego de Saúde construirá un centro de saúde en Panxón, no concello pontevedrés de Nigrán, logo de que o Consello da Xunta reunido no día de hoxe aprobase un proxecto de acordo de autorización para a aceptación da cesión dunha parcela, feita a título gratuíto polo Concello de Nigrán.

A parcela, de 4.395 metros cadrados, está inscrita no Rexistro da Propiedade número 6 de Vigo, no tomo 2.679, libro 376, folio 121, predio 27.344.

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde construirá un centro de saúde no santiagués barrio de Galeras, xa que o Consello aprobou tamén un proxecto de acordo de autorización para a aceptación da cesión de dúas parcelas, feita a título gratuíto polo Concello de Santiago.

A parcela 1, de 837,89 metros cadrados, está inscrita no Rexistro da Propiedade número 2 de Santiago, no tomo 1.397, libro 439, folio 178, predio 37.589.

A parcela 2, de 958,68 metros cadrados, está inscrita no mesmo rexistro, no tomo 1.397, libro 439, folio 176, predio 37.587.




O CONSELLO DA XUNTA designa os representantes da Xunta de Galicia na Comisión de Cooperación entre o Consello da Capitalidade e o Concello de Santiago


O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de acordo polo que se designan os representantes da Xunta de Galicia na Comisión de Cooperación entre o Consello da Capitalidade e o Concello de Santiago de Compostela coa finalidade de colaborar na xestión e desenvolvemento do Ano Santo 2010. O vindeiro Xacobeo require unha minuciosa coordinación entre as diferentes administracións para a consecución do éxito na organización deste evento. A preparación deste acontecemento abrangue asuntos tan esenciais como a xestión de servizos públicos, saúde, limpeza, infraestruturas relacionadas ou a seguridade dos actos.

A Xunta de Galicia designou o 28 de agosto de 2008 os seus representantes: un representante, con rango de director xeral, das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Economía e Facenda, e Innovación e Industria. Despois da modificación da estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia (Decreto 83/2009, do 21 de abril), e dada a proximidade da celebración destes eventos decídese ampliar o número de persoas que forman parte desta comisión e designar aos novos representantes. A representación da Xunta na devandita comisión queda da seguinte maneira:

- Un representante da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (con rango de director xeral).
- Un representante da Consellería de Facenda (con rango de director xeral).
- Un representante da Consellería de Sanidade ou do SERGAS (con rango de director xeral).
- A secretaria xeral para o Turismo.
- O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.




O CONSELLO DA XUNTA autoriza a modificación cualitativa do Fondo de Compensación Interterritorial 2009 para a restauración da muralla de lugo

O Consello da Xunta acordou hoxe autorizar a modificación cualitativa do Fondo de Compensación Interterritorial 2009 en materia de valorización de recursos culturais de interese turístico para a realización das obras previstas de restauración da Muralla de Lugo.

O 18 de maio de 2009 o director xeral de Belas Artes e Bens Culturais ditou resolución de concesión dunha subvención, a favor da Xunta de Galicia, para a restauración da Muralla de Lugo por importe de 180.000 euros. Porén, unha vez redactado o proxecto básico e de execución da obra a contía total do investimento ascende a 208.166,49 euros.

Por este motivo faise necesario tramitar a correspondente modificación orzamentaria e facer un reaxuste dos proxectos de investimento, mediante unha modificación cualitativa do Fondo de Compensación Interterritorial 2009, en materia de valorización de recursos culturais de interese galego.



TRABALLO DESTINA MÁIS DE 650.000 EUROS Á PATRONAL E SINDICATOS PARA FOMENTAR A PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

§ A consellería colabora no financiamento de actividades formativas de seguridade e saúde laboral, que serán impartidas por UGT, CC.OO., CIG e a CEG

A Consellería de Traballo e Benestar destina máis de 650.000 euros ao financiamento de actividades formativas no eido da prevención de riscos laborais, que serán impartidas polos sindicatos e a patronal galegas.

O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración neste sentido, polo que se repartirá o investimento total, a partes iguais, entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e o conxunto das tres forzas sindicais maioritarias (UGT, CC.OO. e CIG).

Deste xeito, cada un dos sindicatos recibirá algo máis de 100.000 euros, e a patronal, ao redor de 325.000.

Entre as actividades que poderán ser subvencionadas, cóntanse a realización de cursos de nivel básico de 30 a 50 horas, cursos de nivel superior de 600 horas ou xornadas técnicas e seminarios, cunha duración mínima de 6 a 5 horas.

As organizacións beneficiarias deberanse ocupar de todas as funcións necesarias para a realización destas actividades, como a publicidade, difusión, organización e relación cos relatores e docentes dos cursos.

Así, o principal obxectivo destas accións é a formación dos delegados de prevención e membros dos comités de seguridade e saúde, así como doutros empresarios e traballadores que asuman a organización preventiva nos seus centros de traballo.

Estes cursos facilitarán aos participantes a capacitación precisa para desenvolver as funcións atribuídas pola Lei de prevención de riscos laborais, así como proporcionar os coñecementos para interpretar a lexislación, cos seus deberes, obrigas e responsabilidades. As actividades tamén fomentan a cultura da prevención na xestión empresarial e facilitan ferramentas para xestionar e controlar os riscos laborais.


O CONSELLO AUTORIZA UNHA SUBVENCIÓN A QUESERÍAS ENTREPINARES PARA A SÚA NOVA FÁBRICA DE VILALBA

§ A empresa agroalimentaria investirá un total de 25 millóns de euros, dos que Medio Rural achega algo máis de 6 en tres anualidades
§ A nova planta procesará 60 millóns de litros de leite anuais para a elaboración de 7.000 toneladas de queixo

O Consello da Xunta acordou na súa xuntanza desta mañá autorizar a concesión dunha subvención á empresa Queserías Entrepinares S.A. por un importe de máis de seis millóns de euros (6.276.174 euros), que se farán efectivos ao longo das anualidades de 2009, 2010 e 2011.

Así, durante o ano 2009, o investimento total na nova planta da empresa en Vilalba será de 6.276.000 euros, dos que a Consellería do Medio Rural achega 1.569.000. No ano 2010, o investimento total será de 13.807.000 euros, dos que a Xunta achega 3.452.000. E, finalmente, ao longo do 2011 investiranse 5.021.000 euros, dos que o departamento que dirixe Samuel Juárez achega 1.255.000.

É dicir, no que atinxe concretamente á subvención concedida pola Administración galega, este ano achegarase o 25 por cento da cantidade total concedida á empresa, o 55 por cento en 2010, e o 20 por cento na terceira anualidade correspondente a 2011. Ao longo dos tres anos, a Xunta achega cada ano o 25% (a cuarta parte) do investimento total na nova planta.

Leite galego con valor engadido
Este tipo de proxectos son os que a Xunta desexa promover, como parte esencial dunha política que busca incrementar a competitividade do sector lácteo, con produtos de maior valor engadido e con menor risco de substitución que o leite líquido de longa duración, como é o caso dos propios queixos, os leites chamados ‘funcionais’, os derivados lácteos, as sobremesas ou os leites fermentados.

Queserías Entrepinares, empresa con sede en Valladolid e que conta con outro centro de produción na localidade madrileña de Fuenlabrada, márcase como obxectivo procesar, nesta nova planta na capital da Terra Chá, un volume duns 60 millóns de leite de vaca ao ano, e elaborar arredor de 7.000 toneladas de queixo de barra e queixo de untar.

Esta empresa agroalimentaria naceu en 1984 e centra a súa actividade na fabricación de queixos. Actualmente factura máis de 100 millóns de euros ao ano, e os seus dous centros de produción transforman diariamente máis de un millón de litros de leite e dan traballo a 263 traballadores. Dispón ademais dunha planta de tratamento de soro lácteo en Castrogonzalo, na provincia de Zamora.

A XUNTA APROBA A CONCESIÓN DE DÚAS BOLSAS DESTINADAS A FOMENTAR A INVESTIGACIÓN MARIÑA

§ A Consellería do Mar destinará 64.720 euros para a realización de dúas teses de doutoramento en temas de investigación mariña
§ O obxectivo destas axudas é fomentar a investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia

O Consello da Xunta autorizou hoxe o compromiso plurianual para a concesión de dúas bolsas de investigación mariña que foron convocadas pola Consellería do Mar a través do artigo 1º da Lei 12/1993 de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia. Para esta acción, Mar achegará un total de 64.720 euros distribuídos ao longo de 2009, 2010 e 2011.

O obxectivo destas dúas bolsas é a realización de dúas teses de doutoramento en temas de investigación mariña coa finalidade de dar resposta á demanda de formación de investigadores neste campo. A convocatoria destas axudas son unha proba da Consellería do seu compromiso de fomentar a investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia.

As dúas axudas enmárcanse no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento –capítulo II do artigo 1º da Lei 12/1993- integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas horizontais figura o Programa de recursos humanos (RHS) que ten, entre outros obxectivos, o de incrementar os recursos humanos dedicados a actividades de I+D+i, tanto en número como en especialización nas áreas de maior interese. Dentro dos programas sectoriais, o Programa de medio mariño (MMA) persegue a utilización óptima dos recursos mariños renovables, incluíndo as bases técnicas da xestión, da ordenación e do estudo dos procesos biolóxicos e ambientais con repercusión sobre os recursos, que exixen cada vez máis forte presenza de persoal con altos niveis de formación e experiencia.

A EGAP ELABORARÁ LIBROS VERDES PARA FACILITAR A REDACCIÓN NORMATIVA AOS DISTINTOS DEPARTAMENTOS DA XUNTA

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) encargarase da elaboración de libros azuis, verdes e brancos para axudar aos distintos departamentos da Xunta de Galicia na redacción de normas, o que facilitará o traballo do Executivo e redundará nunha maior calidade dos textos lexislativos da comunidade autónoma.

Na actualidade, Galicia non conta cun organismo encargado de forma unitaria e centralizada de levar a cabo as tarefas previas para a elaboración das leis e o obxectivo é que sexa a EGAP a que se encargue desta actividade, aproveitando ao máximo a súa capacidade.

Os mecanismos elixidos son o de libros azuis, verdes e brancos, que colleron pulo no funcionamento da Unión Europea e que recollerán todas as actividades previas á elaboración dunha determinada norma, segundo se explica nun informe da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza elevado hoxe ao Consello da Xunta.

A iniciativa prevé que os distintos departamentos do Goberno galego interesados en poñer en marcha unha norma poderán encargar á EGAP que traballe sobre esa determinada área e a escola procederá a elaborar un libro azul no que se recolla toda a documentación básica desde o punto de vista xurídico.

Ese libro azul servirá de base para que un grupo de traballo, que estará presidido polo representante da consellería que pretende levar a cabo a norma, realice un informe xeral cunha análise de materias competenciais, consecuencias económicas da iniciativa, incidencia sectorial da norma e propostas xenéricas de actuación, entre outros elementos que formarán parte dun libro verde.

Coa base do libro verde e do azul, o último paso será a elaboración dun libro branco no cal participen tamén sectores alleos á Administración. O obxectivo final é aproveitar ao máximo as potencialidades da EGAP e facilitar ás consellerías o traballo de redacción normativa, enriquecendo ao tempo os proxectos de lei que saian do Goberno e dándolles maior calidade.


A XUNTA DE GALICIA DISPORÁ ESTE ANO DUNHA NOVA LEI DE AUGAS PARA MELLORAR A XESTIÓN DA ADMINISTRACIÓN HIDRÁULICA E ADAPTALA Á DIRECTIVA MARCO DA AUGA DA UNIÓN EUROPEA

§ Os obxectivos do texto lexislativo serán incrementar a eficacia e eficiencia da Administración hidráulica de Galicia; fomentar o uso racional da auga e conseguir o bo estado ecolóxico das augas no ano 2015, resolvendo os actuais problemas de xestión da depuración na Comunidade Autónoma galega
§ O cambio do modelo de xestión dos recursos hidráulicos realizarase a través dun novo órgano administrativo coa creación da Axencia Augas de Galicia
§ Con estas medidas, A Xunta pon as bases para asumir a xestión da bacía do Miño-Sil, unha demanda histórica que o actual Goberno galego seguirá solicitando ao Goberno central

A Xunta de Galicia disporá antes de finais de ano dunha nova Lei de augas co fin de mellorar a xestión da Administración hidráulica galega e adaptala á Directiva Marco da Auga (DMA) da Unión Europea. Os obxectivos principais deste texto lexislativo serán o de incrementar a eficacia e eficiencia da Administración hidráulica de Galicia; fomentar o uso racional da auga e conseguir o bo estado ecolóxico das augas no ano 2015, resolvendo os actuais problemas de xestión da depuración na comunidade autónoma galega.

O cambio do modelo de xestión dos recursos hidráulicos realizarase a través dun novo órgano administrativo coa creación da Axencia Augas de Galicia, que integrará o actual organismo autónomo do mesmo nome e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos. Con esta medida lograrase unha maior autonomía e flexibilidade organizativa, evitando duplicidades en materia de augas e obras hidráulicas.

O cambio de modelo de xestión incidirá de xeito especial no fomento do uso racional dos recursos hídricos a través da creación do canon da auga, que substituirá o actual canon de saneamento. Esta medida constitúe a materialización dun dos obxectivos básicos para os cales está elaborándose esta lei: incentivar o aforro da auga e o consumo responsable.

Así mesmo tamén é novidade a creación dunha “tarifa social”, dado que quedará minorizado do canon da auga os cidadáns que non superen un determinado consumo mensual mínimo que establecerá a propia lei.

Tamén se dará cumprimento á planificación hidrolóxica exixida pola Directiva Marco da Auga a través da redacción do Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa, e incidindo na cobertura das necesidades de auga potable de calidade, o que implica así mesmo a depuración e saneamento das augas residuais que resulten do consumo urbano.

Coa nova normativa preténdese tamén declarar de interese da Comunidade Autónoma o servizo de depuración, que ten como obxectivo principal implantar un novo modelo de xestión máis eficaz e eficiente, tanto técnico como económico e financeiro, para resolver a actual problemática en materia de explotación de depuradoras de augas residuais. Prevese establecer a elaboración dun regulamento-marco para a depuración de augas residuais que implica o establecemento dos criterios para a implantación dun modelo de xestión para a explotación de EDAR.

Con estas medidas, A Xunta de Galicia pon ademais as bases para asumir a xestión da bacía do Miño-Sil, unha demanda histórica que o actual Goberno galego seguirá solicitando ao Goberno central.

NOVO MARCO XURÍDICO-NORMATIVO: LEI DE AUGAS DE GALICIA

Obxectivos:
· Dar cumprimento ao compromiso de austeridade, simplificando e unificando a actual Administración hidráulica de Galicia.
· Garantir a participación da cidadanía no ciclo integral da auga.
· Garantir e fomentar o uso racional e sostible da auga, coa creación do canon progresivo, ademais de contar cunha tarifa social.
· Mellorar o actual aparello organizativo da Administración hidráulica de Galicia creando a Axencia Augas de Galicia como ente que integrará o actual organismo autónomo e a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos, garantindo así unha maior eficacia e eficiencia na administración e xestión dos obras e recursos hidráulicos.
· Dar cumprimento á planificación aprobada co obxectivo de satisfacer os cidadáns nas súas necesidades de auga potable de calidade.
· Implantar un modelo de xestión en materia de depuración con criterios de xustiza tributaria e solidariedade territorial.

· Implantación dun modelo de Xestión Integrada dos Recursos Hídricos que consista en fórmulas de alianza entre os distintos organismos de bacía.



A CONSELLERÍA DE SANIDADE REGULARÁ O USO RACIONAL DAS BEBIDAS ALCOHÓLICAS

§ Promoverá estratexias de prevención, potenciando as políticas informativas e de concienciación
§ Reducirá a oferta de alcohol a menores, regulará a publicidade e o patrocinio destas bebidas e promocionará a participación social
§ Ademais, estimulará as actividades de ocio alternativo, establecerá limitacións horarias na venda de bebidas alcohólicas e limitará o seu consumo na vía pública

O Consello da Xunta de Galicia reunido no día de hoxe tratou un informe base da Consellería de Sanidade para a regulación do uso racional das bebidas alcohólicas. A estratexia normativa da Administración sanitaria galega ten por obxectivo, en primeiro lugar, protexer os menores de idade, limitando o acceso ás bebidas alcohólicas. Así, prohibirase a venda de alcohol a menores de 18 anos.

O segundo dos obxectivos de Sanidade será exercer o control administrativo desta restrición ao consumo de alcohol por menores, que aborde tanto a venda e subministración como o propio consumo dos menores en vías públicas ou establecementos. Neste senso, regularase a publicidade e o patrocinio de bebidas alcohólicas, prohibindo a aparición de menores, así como en programas ou publicacións destinados a eles, ou en horario infantil, e prohibirase a organización de actos ou comunicacións que inciten ao consumo abusivo.

Tamén se prohibirá o consumo na vía pública e establecementos públicos a menores de 18 anos. Ademais, estableceranse responsabilidades no control da restrición e promoveranse convenios de autorregulación con empresas produtoras e medios de comunicación.

O terceiro dos obxectivos da estratexia normativa de Sanidade será reforzar as políticas de prevención de consumo de alcohol por menores, potenciando a concienciación e a educación sanitaria das familias e da mocidade do grave problema xerado polo consumo abusivo e compulsivo desta substancia, tanto en menores como na mocidade. Neste senso, establecerase o uso racional como obxectivo prioritario da estratexia de promoción de estilos de vida saudables, e definiranse liñas de educación para a saúde na escola. Tamén se realizará unha cooperación entre departamentos e administracións con interese na materia.

Outro obxectivo será deseñar políticas de ocio alternativo, estimulando a oferta, por parte de entidades locais, de actividades alternativas de ocio nocturno para menores de 18 anos.

O quinto obxectivo será establecer limitacións horarias á venda nocturna de bebidas alcohólicas por establecementos distintos aos expresamente autorizados para o consumo in situ.

O sexto obxectivo céntrase na limitación de bebidas alcohólicas na vía pública, especialmente nos casos de alteración da convivencia cidadá, establecendo as responsabilidades no control desta restrición.

O sétimo será establecer un réxime sancionador, cualificando e cuantificando as sancións por incumprimento, e deseñando mecanismos de redución destas a través de traballos sociais en relación aos montantes sancionadores. Tamén se establecerán mecanismos de recuperación de montantes sancionadores para financiar programas de prevención.

O oitavo obxectivo será implantar un sistema de información cara a realizar un seguimento da efectividade das estratexias.

Causa directa de risco para a saúde
Sanidade é consciente de que o consumo de alcohol abusivo, especialmente polos menores de idade, é unha causa decisiva de risco para a saúde, que mantén relación directa con certas enfermidades neoplásicas, cardiovasculares, hepáticas, mentais e neurolóxicas. Ademais, deben considerarse os problemas de saúde ou incapacitación relacionados co consumo de alcohol, por lesións ou incapacidade permanente derivadas dos accidentes de tráfico, nos cales a inxesta desta substancia xoga un papel decisivo, o mesmo que ocorre nunha parte dos accidentes laborais.

Os datos da enquisa de consumo de alcohol en Galicia (2008) fai necesario seguir a traballar nesta liña, xa que a idade media de inicio do consumo de alcohol en menores de idade é de 14 anos, e a tendencia é que siga a baixar. O 98 por cento dos menores que consome alcohol de maneira abusiva faino durante as fins de semana. Así mesmo, máis da metade dos menores galegos consumiron alcohol nos últimos 12 meses. A causa máis habitual de consumo de alcohol en menores derívase, segunda a enquisa, de motivacións por mor da influencia social.

Para moitos grupos, especialmente os comprendidos en idades máis novas, o ocio en xeral e, especialmente, o ocio nocturno non só se produce maioritariamente asociado ao consumo abusivo de alcohol, senón que, ademais, se observa entre eles unha baixa percepción do risco asociado aos consumos. Cómpre sinalar que son os adolescentes e a mocidade quen máis participa nos denominados consumos recreativos.

En consecuencia, o chamado botellón pasou de ser un fenómeno social a un problema social, como fonte de conflitos de orixe diversa. Pero, ademais da colisión que supón contrapoñer os dereitos dos participantes nesta práctica e o dereito ao descanso dos veciños das zonas onde se practica, o problema máis acuciante e grave, desde o punto de vista da saúde pública, é o acceso a estas concentracións dun número crecente de menores de idade.

Por último, convén mencionar que, en ausencia de norma estatal, a práctica totalidade das comunidades autónomas xa teñen regulado o consumo de alcohol nas súas normas de drogas. Na situación actual, considérase necesaria a abordaxe diferenciada do consumo abusivo, cunha entidade propia respecto doutras abordaxes, posto que se axusta máis ao obxectivo de saúde de prevención de alcoholismo en menores e na mocidade.

A XUNTA PON EN MARCHA UN PROGRAMA DE CONTENCIÓN DO GASTO FARMACÉUTICO BASEADO NA PRESCRICIÓN DE MEDICAMENTOS XENÉRICOS

§ Promocionaranse certos medicamentos xenéricos fronte aos de marca, con actualizacións trimestrais
§ O cambio de marca a xenérico nun 15% dos casos nos tres primeiros medicamentos seleccionados na campaña implicaría un aforro para o Sergas de máis dun millón de euros nun ano

A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Pilar Farjas Abadía, informou hoxe no Consello da Xunta do plan de austeridade aplicado á mellora da prescrición e o uso racional do medicamento que levará a cabo o Executivo autonómico. O principal obxectivo desta iniciativa é converxer co Sistema Nacional de Saúde (SNS) en dous indicadores que sitúan neste momento a Galicia no peor dos escenarios en canto ao gasto xerado por receita oficial.

O primeiro destes indicadores é o gasto/receita, sobre o que os datos correspondentes ao pasado mes de maio reflicten que o custo de cada receita en Galicia ten o valor máis alto entre todas as comunidades autónomas. Así, o valor acumulado de gasto/receita entre xaneiro e maio de 2009 para o SNS é de 13,37 euros, fronte aos 14,61 euros de Galicia.

O segundo dos indicadores é o número de envases xenéricos facturados, que situou a Comunidade Autónoma no último lugar en 2008 cun 9,79% sobre o total. Neste sentido, o SNS pechou este mesmo período cunha porcentaxe do 21,81%.

Para alcanzar estes obxectivos, a Xunta poñerá en marcha de inmediato un plan de mellora da calidade de prescrición centrado na promoción de medicamentos xenéricos fronte aos de marca con actualizacións trimestrais que incorporarán novos medicamentos, xestionando de maneira eficiente os recursos farmacéuticos dispoñibles.

Como punto de partida seleccionáronse tres medicamentos segundo criterios de uso en Atención Primaria e a diferenza de prezo entre o medicamento de marca e o xenérico: amlodipino, venlafaxina retard e paracetamol 1 gr en comprimidos efervescentes. As estimacións realizadas sobre os envases facturados no período comprendido entre xaneiro e abril de 2009 indican que para estes tres medicamentos o cambio de marca a xenérico nun 15% dos casos implicaría un aforro para o Sergas de máis dun millón de euros en total nun ano.

O obxectivo da Xunta é fomentar a cultura do xenérico desde a prescrición e, polo tanto, que sexa a participación, a información e a comunicación cos facultativos a clave do éxito do programa. Así, a consellería ten previsto realizar campañas de actualización trimestral para promover a colaboración no programa dos facultativos; divulgar a campaña a través da súa intranet; ofrecer información periódica e actualizada aos profesionais prescritores e á poboación e facer o seguimento desde os equipos de xestión da evolución das prescricións e do cumprimento do programa.

Así mesmo, na actualidade estanse a estudar as posibles melloras que se poden realizar no módulo de prescrición da historia clínica IANUS co fin de facilitar aos facultativos a prescrición de medicamentos xenéricos, principalmente aqueles incluídos nas devanditas campañas.
A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 25 MILLÓNS DE EUROS A ACTUACIÓNS RELACIONADAS COA GRIPE A(H1N1)

A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, deu conta hoxe aos membros do Consello da Xunta dun informe sobre as actuacións de preparación para a pandemia da gripe A que está a realizar o departamento que dirixe. Nel recóllese que a Xunta prevé destinar 25.706.333 euros para actuacións relacionadas con medidas de preparación ante a pandemia.

Así, a conselleira indicou que, nun primeiro momento, as medidas adoptadas pola Administración sanitaria tiñan como obxectivo principal a contención da enfermidade, mediante a vixilancia epidemiolóxica para a identificación rápida dos casos e o establecemento e utilización de protocolos de manexo de casos sospeitosos e confirmados -así como dos seus contactos- e de uso de antivirais.

A evolución da pandemia fixo que as iniciativas impulsadas pola Xunta pasasen a orientarse principalmente na mitigación, nunha nova fase na cal os obxectivos son establecer unha vixilancia para detectar a transmisión comunitaria sostida, minimizar a transmisión e reducir a afectación na saúde dos galegos, proseguir coa preparación para unha onda de magnitude superior á habitual e impulsar un plan de comunicación axeitado para manter a poboación informada sobre os distintos aspectos da nova gripe.

Neste sentido, para combater a nova gripe, a Xunta creou o Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe, que ten por obxectivos reducir o impacto da pandemia na saúde da poboación de Galicia e manter nela o funcionamento dos servizos esencias para a sociedade; tomar medidas que reduzan a difusión do virus en Galicia; e garantir que a resposta e as medidas adoptadas en Galicia se correspondan coas recomendacións da OMS en cada fase de progresión da pandemia.

En relación con el, constituíronse tamén unha comisión asesora do plan como órgano de seguimento, coordinación e, se é o caso, proposta de actuacións oportunas, para levar a cabo a súa execución; e o comité científico do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe, un grupo de traballo que actuará baixo a coordinación da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación e composto por profesionais con demostrada experiencia en aspectos relacionados coa epidemioloxía, manexo, diagnóstico, tratamento e seguimento de enfermidades transmisibles producidas por virus.

Principais liñas de actuación
As principais liñas de actuación que se están a desenvolver desde a Consellería de Sanidade céntranse en diversos aspectos relacionados coa gripe A(H1N1), como a comunicación á poboación, que se está a realizar tanto de maneira xenérica como específica, acerca de como deben actuar os cidadáns se pensan que eles ou algún achegado están afectados polo virus, e na cal se incide nas medidas de hixiene que se deben adoptar.

Ademais, estase a levar a cabo unha vixilancia epidemiolóxica que permita identificar unha transmisión comunitaria sostida, monitorizar a difusión e evolución da onda pandémica e caracterizar a evolución da afectación da gripe A na saúde.

No que se refire á asistencia sanitaria, establecéronse protocolos tanto nos centros de saúde –organizando o traballo asistencial e a comunicación entre centros, a atención domiciliaria e os recursos humanos e materiais- coma nos hospitais –no que atinxe ás urxencias, aos ingresos e ás altas, ao control da infección, á UCI, á comunicación e aos recursos humanos e materiais-.

Establecéronse, así mesmo, liñas de actuación relacionadas coa indicación e o uso dos antivirais, así como co control da súa prescrición e dispensación e da súa distribución; e relacionadas cos protocolos de derivación dos afectados desde a asistencia primaria –ou do 061- á especializada.

Ademais, a Xunta presentou ás organizacións empresariais e sindicais a situación; elaborou un esquema cos puntos básicos dun plan de continuidade empresarial; e está a establecer un plan de traballo por sectores de actividade. Ademais, os obxectivos relacionados co conntorno social están centrados nas residencias sociosanitarias, a atención a persoas vulnerables, as empresas de servizos esenciais, e a colaboración con educación, a asistencia social –residencias, campamentos, etc- e o turismo.

No que se refire á loxística, a Xunta destinará 25.706.333 euros para actuacións relacionadas con medidas de preparación ante a pandemia, como a adquisición de material de prevención –mascarillas, respiradores, xiringas, desinfectante, etc.- ou os gastos relacionados co laboratorio, entre outros.

Política de información sobre a gripe A
O informe recolle que a política de comunicación da Xunta en relación coa gripe A(H1N1) réxese pola transparencia, a veracidade e a inmediatez, e que os seus criterios e contidos están en coordinación co Ministerio de Sanidade e Política Social e as demais comunidades autónomas. Así, creouse un espazo web con dominio independente para información aos cidadáns, profesionais e colectivos sobre a nova gripe (http://www.galiciasaude.es/gripeAH1N1); déuselle unha maior visibilidade na web do Sergas á documentación relacionada coa enfermidade; e ofreceuse información a todas as entidades e colectivos desde o primeiro momento.

Así, desde o primeiro momento realizouse unha produción sistemática de comunicados, declaracións a medios e roldas de prensa para manter informada á poboación, e estanse a elaborar convenios de colaboración cos principais medios de comunicación de Galicia para arbitrar unha fórmula que facilite a divulgación da información e a publicidade que sexa precisa.

Ademais, a comunicación a colectivos estruturouse a través dos colexios profesionais, as xuntanzas da Mesa Sectorial, os Consellos da Xunta e o Consello Galego de Saúde, entre outros.

Virus novo, aínda en estudo
O informe presentado hoxe por Pilar Farjas lembra que o da gripe A é un virus novo, de fácil transmisión entre persoas, e que segundo indican os estudos realizados gran parte da poboación é susceptible a el, mentres que na gripe estacional só unha fracción da poboación o é. Aínda que é similar á gripe normal en clínica e gravidade, os primeiros datos apuntan a que afecta máis a poboación nova e con factores de risco.

Así mesmo, a conselleira lembrou que a fase seis da pandemia –na cal nos atopamos- indica que a difusión do virus xa é mundial, pero non presupón nada acerca da súa gravidade clínica; así, a Organización Mundial da Saúde (OMS) defínea como unha pandemia de gravidade moderada, na cal a maioría das persoas se recupera sen necesidade mesmo de atención médica.

Na actualidade estase a traballar para saber se o virus pode mutar, cando vai aparecer a onda maior da pandemia, cales son os grupos de risco e cal é a posibilidade de aparición de resistencias aos antivirais.

Para combater a pandemia cóntase con medidas sociais e sanitarias. Nestas últimas están a vixilancia epidemiolóxica, as vacinas e os antivirais, e a correcta preparación do sistema sanitario, que se consegue por medio de protocolos e circuítos claramente establecidos, da acumulación do material necesario e dunha axeitada xestión dos recursos humanos dos que se dispón. Pola súa banda, a preparación social inclúe establecer barreiras de contención contra o virus e difundir medidas hixiénicas entre a poboación para evitar contaxiarse e contaxiar.



O CONSELLO DA XUNTA APROBA A PRIMEIRA FASE DO PLAN CORRECTOR DOS CAMIÑOS DE SANTIAGO

§ Investirase unha contía total próxima aos 5.800.000 euros nesta primeira parte do Plan Corrector que afecta os Camiños Francés, Portugués e Fisterra-Muxía
§ O plan implica tarefas de roza e limpeza, de sinalización, obras de mantemento e conservación dos camiños e nos albergues

O Consello da Xunta aprobou hoxe a primeira fase do Plan Corrector dos Camiños de Santiago elaborado pola Consellería de Cultura e Turismo a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo adscrita á Secretaría Xeral para o Turismo. O plan elaborouse en colaboración cos concellos polos que discorren as rutas, coas asociacións de amigos do Camiño e con outros axentes implicados nas rutas xacobeas e pretende corrixir, ao longo deste 2009 e no 2010, os problemas máis urxentes do Camiño de Santiago. Para isto o plan resume unha serie de actuacións específicas como a recuperación e conservación do medio físico, sinalización ou rehabilitación e ampliación da rede de albergues.

En total, o investimento desta primeira fase do Plan Corrector dos Camiños alcanza unha cantidade próxima aos 5.800.000 euros. Porcentualmente, o invesitmento no Camiño Francés suporá o 58,7 % da contía total, ao de Fisterra-Muxía destinarase un 20,8 % e ao Camiño Portugués un 20,5 %.

A organización para este proxecto é dirixida desde a Secretaría Xeral para o Turismo e a Xerencia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo contando con catro fontes de información: os servizos técnicos da Sociedade, a consultoría externa de apoio para o traballo de campo e a cartografía, os concellos e as asociacións de amigos do Camiño. O estudo céntrase fundamentalmente en cinco aspectos recollidos a través dunha consulta escrita: os albergues, as rutas, a sinalización e o patrimonio arquitectónico.

Trazado físico
Como resultado desta recollida de información, deseñáronse unha serie de accións e intervencións sobre o trazado físico dos camiños de Fisterra-Muxía, Francés e Portugués nas cales se investirán máis de 2.700.000 euros

Para reforzar a sinalización colocaranse 83 mouteiras, 72 cunchas e 180 placas quilométricas na ruta a Fisterra; 43 mouteiras e 85 cunchas cerámicas no Camiño Francés, e 106 mouteiras, 156 cunchas cerámicas e 15 cunchas de bronce no Portugués.

Novos albergues e paneis informativos
De cara a proporcionar aos peregrinos e camiñantes os servizos adecuados ás súas necesidades máis inmediatas de acollida e hospedaxe, está previsto que en 2010 abra un novo albergue en Dumbría, e entrará en funcionamento outro novo albergue no Camiño Francés, a Casa Grande de Lusío en Samos.

Como novidade, por primeira vez instalaranse nos albergues paneis informativos para os peregrinos con información detallada sobre os elementos patrimoniais de interese que se encontrarán no seguinte tramo da ruta. Os paneis incluirán un mapa coa senda, monumentos, distancia que hai que percorrer así como os lugares de interese paisaxístico. Doutra banda, renovarase a imaxe corporativa do Xacobeo en todos os puntos onde estea presente.


BENESTAR ELABORARÁ UN NOVO DECRETO POLO QUE REDUCIRÁ A TRAMITACIÓN DA LEI DE DEPENDENCIA DE DOCE A SEIS MESES

§ Na actualidade o proceso prolongábase máis dun ano mentres que coa nova normativa acúrtanse as fases de tramitación
§ Ábrese a posibilidade de establecer convenios con outras administracións públicas para que outros profesionais da rama sanitaria poidan valorar os solicitantes
§ Establécese o uso das novas tecnoloxías ou sistemas telemáticos co fin de garantir unha mellora do procedemento administrativo

Os trámites da lei de dependencia reduciranse de doce a seis meses, segundo se reflicte no borrador do decreto polo que se establecerán os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia, presentado hoxe no Consello da Xunta. Unha vez entre en vigor este decreto, derrogarase a anterior normativa.

O obxectivo fundamental deste novo decreto é axilizar a tramitación e avanzar na prevención da situación de dependencia e garantir a axilidade e eficacia no procedemento de valoración de dependencia e da elaboración do Programa individual de atención (PIA).

Para acadar este fin proponse un procedemento máis áxil, sempre tendo en conta os requisitos legais establecidos, pero tentando evitar a excesiva burocratización actual. Co desenvolvemento do novo proceso non só se quere acadar unha maior calidade na atención ao usuario, senón tamén no acceso á información, é dicir aos expedientes.

Con esta finalidade ábrese a posibilidade de utilizar as novas tecnoloxías e os medios telemáticos que garantan unha mellora continua na tramitación.

Do mesmo xeito, no que se refire ao propio proceso de valoración, estudarase o establecemento de convenios con outras administracións públicas para que outros profesionais da rama sanitaria poidan valorar os interesados, sempre aplicando os baremos de dependencia establecidos (BVD/EVE). Esta é unha posibilidade que se poderá estudar no seo da comisión sociosanitaria da Xunta que xa está constituída.

Outra das novidades que terá repercusión nunha mellora da tramitación é o papel que se lles dá aos concellos. Enténdese, tal e como se argumenta no borrador deste decreto, que as administracións locais son a principal porta de entrada dos servizos sociais e aos que primeiro acoden as persoas para solicitalos.

Con esta nova fórmula, o informe social incorporarase xa no inicio do expediente, o que significa que, coa propia petición ou solicitude de prestacións, se inclúa tamén a valoración dos recursos idóneos realizada polo traballador ou traballadora dos servizos sociais de referencia.

Así mesmo, recoñecerase o dereito á atención á persoa falecida durante o proceso que poderá ser solicitado pola comunidade hereditaria, sempre e cando houbese resolución de grao e nivel de dependencia e se acrediten as condicións que recolle a nova norma.

Tamén, e seguindo o cronograma de aplicación recollido na norma estatal, se regula a orde de atención dos expedientes, establecendo como prioridade, despois do recoñecemento de grao e nivel, non a orde de entrada, senón o grao de dependencia, de xeito que se atenda en primeiro lugar aos casos que teñan unha dependencia máis elevada.

Polo que respecta ao catálogo de servizos, inclúese un programa para a súa asignación nos supostos de que non exista dispoñibilidade na modalidade de servizo elixido polo usuario ou usuaria. Neste sentido, resólvese que o acceso ao servizo debe darse nun prazo máximo de tres meses posteriores á resolución de PIA. No caso de non estar dispoñible o recurso seleccionado nese período, poderase solicitar unha modificación do seu PIA para obter unha prestación económica.

Por último, regúlase o réxime transitorio dalgún dos programas de servizos sociais existentes con anterioridade aos sistemas integrados na Lei de dependencia como por exemplo o cheque asistencial.

O PLAN ESTRATÉXICO LÁCTEO DE GALICIA 2009-2015 DEFINE MEDIDAS A CURTO E MEDIO PRAZO, PARA BUSCAR SOLUCIÓNS ESTRUCTURAIS AO SECTOR

§ Prevé actuacións de mellora da competitividade das explotacións e da industria láctea, así como de regulación dos mercados, sempre en plena colaboración con todos os axentes implicados

O Plan Estratéxico Lácteo de Galicia 2009-2015 define medidas a curto e medio prazo, para buscar solucións estructurais ao sector. O documento parte da constatación de que o sector lácteo en xeral, e o galego en particular, están vivindo unha das situacións máis delicadas das últimas décadas. Para facerlle fronte, deséñase e detállase unha estratexia integral, a curto e a medio prazo, definindo e priorizando un paquete de medidas. Esta planificación farase en plena colaboración con todos os axentes implicados (produtores, fabricantes, distribuidores e consumidores), de forma que se garanta a plena viabilidade do sector de forma corresponsable.

Análise DAFO
En primeiro lugar, o Plan Estratéxico inclúe os resultados da análise DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades) do contorno xeral e específico do sector lácteo, levada a cabo pola Consellería do Medio Rural.

As principais conclusións deste estudo debuxan un sector que presenta unha escasa dimensión das explotacións, dispersión xeográfica e elevados custos de produción; un limitado potencial de xeración de rendas, a causa dos elevados custos de produción e a deficiente revalorización comercial doutros produtos das explotacións (máis aló do leite líquido de longa duración); unha falta de adecuación ás necesidades do sector da estrutura industrial instalada en Galicia; a excesiva rixidez da cadea de valor do sector do leite líquido envasado; a inevitable dependencia de factores e decisións que non dependen do propio sector lácteo galego e a insuficiente vertebración sectorial, cunha situación en que os criterios da distribución prevalecen de xeito case exclusivo.

A partir destas conclusións, o documento elaborado por Medio Rural deseña unhas liñas de actuación, tanto a curto prazo (medidas de choque), como a medio prazo (medidas estratéxicas).

Medidas de choque
En canto ás medidas de choque, establécese unha premisa política básica: en todos os casos, sempre se garantirá que os fondos aplicados servirán para saír da crise ou para paliar os seus efectos, pero tamén se establecerán as necesarias garantías para os que ditos fondos non sexan “soterrados” na propia crise ou absorbidos por esta, sen poder cumprir os seus cometidos.

Como actuacións concretas a curto prazo, o plan define, entre outras, as seguintes:

Adianto do pagamento das axudas directas da PAC (Política Agraria Común), para explotacións lácteas por importe de 70 millóns de euros, mediante formalización de préstamos sen custo con entidades financeiras. Tal e como se establecía na Orde da Consellería do Medio Rural do pasado 1 de xuño, estes préstamos poden solicitarse ata o vindeiro día 31 de xullo e son polo importe do 90% das axudas de pagamento único e pagamento adicional lácteo do 2009. Os custos financeiros das operacións asúmeos a Consellería do Medio Rural por un prazo máximo de nove meses.

Programa de apoio ao circulante para explotacións leiteiras mediante convenio co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), destinado a titulares de explotacións produtoras de leite en proceso de reestruturación e cooperativas.

Xestión do anticipo de determinadas axudas que inciden de forma directa sobre explotacións lácteas, de acordo coa orde publicada no DOG o pasado 10 de xuño.

Publicación inmediata no Diario Oficial de Galicia dunha nova convocatoria de axudas para incentivar a redución dos custos de produción nas explotacións, establecendo como prioridades a maximización do uso de recursos propios da explotación; a redución de gastos de enerxía e a substitución das enerxías tradicionais por renovables. Esta liña, cuxa dotación require a modificación do Programa de desenvolvemento rural (PDR), estará dotada con 6,1 millóns de euros e fará posible financiar entre o 50 e o 70 por cento dos gastos.

Axuda directa para aquelas explotacións que soportan un maior esforzo financeiro e que polo tanto están atravesando peores momentos. A dotación inicial desta axuda será de 12 millóns de euros, prevéndose a súa posible ampliación en función das necesidades. En todo caso, a aplicación concreta desta medida definirase previamente coas organizacións agrarias.

Medidas a medio prazo
A medio prazo, o Plan Estratéxico contén tres liñas básicas de actuación: mellora da competitividade das explotacións; mellora da competitividade da industria láctea, e regulación dos mercados.

En canto á primeira, defínese unha política para aumentar a base territorial das explotacións, así como para a súa diversificación. Neste sentido, revisaranse as ferramentas legais e administrativas en materia de arrendamento rústico, buscando unha normativa máis flexible e áxil, e con accións como a creación dun rexistro de arrendamentos rústicos, medidas fiscais para terreos abandonados en zonas de produción de leite e a divulgación da seguridade xurídica nos arrendamentos.

Con respecto á mellora da competitividade da industria, promoverase o seu redimensionamento, a través de liñas que permitan a redución de custos, a diversificación das producións e o acceso a novos mercados. No eido da diversificación, apostarase de xeito decidido polo investimento en I+D+i cara a novos produtos, cun orzamento global de 40 millóns de euros para o período 2009-2015, e darase apoio, de maneira prioritaria, aos proxectos industriais baseados na diversificación da produción.

A través deste plan deseñado por Medio Rural tamén se impulsará a reordenación dos sistemas loxísticos de recollida do leite, con vistas a reducir o número de compradores comercializadores ou a integración destes nunha estrutura loxística superior, de maneira que, sen limitar a competencia no mercado do leite, se racionalice a recollida e se supriman custos de transporte innecesarios.

Regulación dos mercados
No eido da regulación dos mercados, potenciaranse as relacións interprofesionais e a imaxe do leite e dos produtores lácteos de Galicia.

Así, vaise apoiar o funcionamento da Interprofesional láctea (INLAC) como ferramenta fundamental para ordenar o sector. Desde Galicia traballarase a prol da consolidación dos seus acordos, e en particular a implantación do contrato homologado. Entre as accións que se consideran prioritarias neste eido están a creación dun Sistema Integral de Información Sectorial Láctea (de acordo co actual observatorio do sector); o establecemento dun sistema de vixilancia de prezos en lineais de venda; a análise comparada de calidades de marcas de produtos lácteos significativos; a elaboración dunha guía de boas prácticas produción/industria/distribución; a revisión das cadeas de valor dos produtos lácteos; a etiquetaxe “Letra Q” obrigatoria e o desenvolvemento dun programa de información ao consumidor.

Sobre o pulo que se lle quere dar á imaxe do leite, considérase fundamental identificar as producións galegas e informar o usuario final de que, cando merca un brik ou un queixo fabricado a partir de leite galego, está adquirindo calidade e seguridade alimentaria garantida. Neste sentido, considérase prioritario establecer, con este fin, un programa de identificación de explotacións galegas con producións de calidade.