27 julio 2009

Reclamamos servizos dignos nas praias de Vigo

A Federación Veciñal de Vigo insta ao goberno municipal a que reaccione inmediatamente para poñer fin á carencia de servizos públicos nos arenais vigueses. É unha vergoña que o goberno local nin sequera se pronuncie logo das reiteradas queixas da veciñanza, turistas e hostaleiros por algo tan básico como ter servizos de hixiene nas praias.

Estamos xa mediando o verán e unha situación que era previsible estase convertindo en insostible, especialmente en eventos como o festival aéreo da fin de semana, que imaxe estamos a dar aos milleiros de turistas que se achegan a coñecer o litoral e gozar dos espectáculos? Como pretendemos estar nos grandes foros internacionais e organizar grandes eventos se non poñemos á disposición da cidadanía e visitantes uns servizos mínimos?

Este goberno ten que plantearse cal é a súa orde de prioridades cando está a investir millóns de euros en levantar as rúas da cidade mentres a veciñanza e turismo que acode ás praias non ten á súa disposición un equipamento tan básico e fundamental como son os servizos públicos. Tamén todos os anos xorde a preocupación por obter ou manter as bandeiras azuis nos arenais vigueses pero ninguén atende ás queixas polos servizos de hixiene.

Na actual coxuntura de crise e aumento do desemprego é unha irresponsabilidade ter parados os trámites para que podan abrir os kioscos nas praias. A pasividade municipal está a estragar unha fonte importante de emprego ao paralizar uns negocios que tamén prestan un servizo á cidadanía.

Xosé Couñago Ribeira / Elena González Sánchez, portavoces da FAVEC