27 julio 2009

Resaltan la importancia ecológica del Parque da Baixa Limia - Serra do Xurés

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, situado no extremo sur occidental da provincia de Ourense, conta cos circos glaciares (concas en forma de anfiteatro situadas na cabeceira dun val glaciar e producidas polo amoreamento do xeo) localizados a menor altitude de toda a Península Ibérica.

Este espazo protexido, que abarca unha superficie total dunhas 21.000 hectáreas, sitúase no extremo sur occidental da provincia de Ourense, facendo fronteira con Portugal e o Parque Natural luso Peneda Gerês, formando parte da comarca da Baixa Limia. Este conxunto natural localízase en territorios dos termos municipais de Entrimo, Lobios e Muíños.

A Baixa Limia e a Serra do Xurés convertéronse en Parque Natural o 11 de febreiro de 1993, entendéndose como espazo que ten unhas características biolóxicas ou paisaxísticas especiais, que o fan acadar este rango superior de protección. O modelo glaciar alcanza nestas serras a menor altitude coñecida na Península Ibérica, ofrecendo fermosos exemplos, como o val do río Vilameá ou o val glaciar que se remonta á época glaciar wurmiense.

A Baixa Limia e a Serra do Xurés constitúen un conxunto de serras de natureza granítica, na súa gran maioría, e conforman unha unidade xeomorfolóxica e ecolóxica en conxunto coas serras portuguesas limítrofes. As grandes montañas érguense ás beiras dos ríos Limia e Salas, que ofrecen abundantes corgos e cursos fluviais que se manifestan en fermosas fervenzas e encoros.

Paisaxe
A paisaxe destas serras caracterízase pola harmonía de solos profundos e ocupados por cultivos, pradarías e bosques, xunto con paisaxes rochosas que se perden no horizonte en forma de fortes pendentes, cunha altitude que oscila entre os 125 e os 1.540 metros sobre o nivel do mar. A área é moi orixinal, posto que se atopa nunha zona de transición entre as rexións eurosiberiana e mediterránea, que dan lugar ao clima oceánico occidental (no val do Limia) e oceánico de montaña, con precipitacións medias anuais de 1.000 a 2.500 mm (segundo a altitude) e temperaturas medias de 8 a 15 ºC. A neve é visitante habitual destes paraxes, alcanzando temperaturas especialmente baixas na parte oriental, que contrastan coa surxencia de augas termais no río Caldo.

O Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés conta con varias zonas de Reserva Integral, que abarcan áreas de valor natural moi alto en canto á botánica e fauna, onde prevalece a conservación sobre calquera outro tipo de actividade. Estas reservas son o Barranco de Olelas, os cumios e amesetamentos superiores da serra do Xurés, o Barranco da Cruz de Touro, no sector meridional da serra de Santa Eufemia, e o contorno da Barxa, no val do río Salas.

Flora
Arredor da metade da superficie está cuberta por hábitats seminaturais, constituída por diferentes tipos de matogueiras e pastizais, dando lugar a áreas boscosas de reducida extensión. Entre as especies dominantes destacan piñeiros, matogueiras, piornos, toxos, xestas, xaras e uces. Pero entre todas elas cómpre salientar o lirio do Xurés, unha fermosa iridácea endémica galaico-portuguesa que está catalogada como especie en perigo de extinción.

En consonancia coa altitude destas serras, pódense atopar carballos cerquiño, bidueiras, acivros, cancereixos, abeleiras, loureiros ou sobreiras, entre outras moitas especies. Nestes conxuntos montañosos tamén están presentes dúas especies de armerias, unhas xoias botánicas exclusivas destas serras e das súas veciñas portuguesas.

Fauna
Entre as especies de invertebrados localizados neste Parque Natural atopamos animais tan propios da paisaxe galega como a lesma, a vacaloura e o odonato. En canto aos animais acuáticos, tense constancia do barbo, o cacho, a bermejuela ou vermella, a boga do Douro e o espiñento. Pero son destacables as poboacións da píntela rabilonga, a lagarta rabuda, a cobra rateira, a cobra riscada e a víbora fociñuda, presente en moi poucos puntos da provincia de Ourense.

A avifauna tamén é moi variada, destacando as aves rapaces como a aguia real, a aguia perdigueira, o bufo real, a aguia cobreira e o falcón peregrino.

Entre os mamíferos destaca a existencia de varias das especies máis emblemáticas da nosa fauna, como é o caso do gato bravo, a lontra, a marta e o lobo. En canto a herbívoros, cabe mencionar o corzo e o xabarín, aínda que é preciso resaltar que dende o ano 1997 estase levando a cabo unha reintrodución da cabra montesa.