27 julio 2009

Crearán un grupo de trabajo sobre las mujeres gitanas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).A secretaria xeral de Igualdade, Marta González, analizou a creación en 2010 dun grupo de traballo sobre as mulleres xitanas no transcurso da súa reunión desta mañá con Santiago González Avión, o responsable da Fundación Secretariado Xitano en Galicia. Deste grupo formarán parte esta e outras entidades que traballen co pobo xitano, organizacións que funcionarían como interlocutoras da administración para o deseño e posta en marcha de políticas de igualdade destinadas a este colectivo.

A constitución do grupo representa un paso máis na colaboración de Igualdade cos colectivos de etnia xitana, baseada nas políticas de sensibilización e formación da muller. O grupo contará cunha implicación directa e persoal do colectivo xitano, pois máis dun 40% do persoal da Fundación Secretariado Xitano procede desta etnia.

A Fundación, que leva funcionando desde 2001 en Galicia, ven desenvolvendo importantes labores sociais entre o colectivo de 9000 persoas de etnia xitana, entre eles programas de hábitos de vida saudable, educación de menores, promoción da muller e formación. Os programas de formación para estas mulleres, que polo xeral carecen de acceso a ela -por diversos factores culturais- son especialmente importantes para Igualdade e para a Fundación, que ten desenvolto cursos para mulleres de etnia xitana en Lugo, Pontevedra ou Santiago.

Auxiliares de congresos
Outro programa da Fundación Secretariado Xitano está destinado á formación de mulleres desta etnia como auxiliares de congresos e a súa inserción laboral a través dunha empresa de iniciativa social, potenciando a súa capacidade de proxección. A secretaria xeral Marta González mostrou interese por este proxecto e comprometeuse á contratación de auxiliares proporcionadas pola empresa nos congresos e xornadas que se organicen dende o Servizo Galego de Igualdade.