17 julio 2009

Presentan en Pontevedra la campaña "O Monte é a nosa Vida"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon Rego, asistiu á presentación, este mediodía en Pontevedra, da campaña “O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo”. Esta iniciativa, que conta co apoio da Consellería do Medio Rural, está promovida pola Federación de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga), a Asociación Galega Monte Industria e o Cluster da Madeira de Galicia, co obxectivo de preservar a riqueza natural de Galicia e aumentar o compromiso social en defensa do monte.

A presentación realizouse no Xardín das Palmeiras da cidade do Lérez, e nela estiveron tamén presentes o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o xerente da asociación Monte Industria, Juan Picos.

Durante a celebración do acto, leuse unha declaración a favor do monte galego, co obxectivo de preservar a riqueza natural da nosa Comunidade e aumentar o compromiso da sociedade na defensa do seu monte.

Esta campaña presentouse o pasado día 3 de xullo en Santiago, e ademais de en Pontevedra vaise facer pública tamén nas outras tres capitais de provincia de Galicia, coa finalidade de acadar o maior eco posible. Na iniciativa colaboran tamén Paradores, Audasa, Adif e Correos.

Entre as accións promocionais previstas para este ano, ademais do envío de material divulgativo a institucións, establecementos de turismo rural e outras entidades, poñerase de novo en marcha un concurso fotográfico que estará complementado coa exposición dos traballos premiados na edición anterior, que tivo unha boa resposta entre os participantes.