29 julio 2009

Buscan relanzar la Semana Verde

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos membros da Asociación de Empresarios do Deza, aos que pediu que lle fagan chegar suxerencias de proxectos e iniciativas que contribúan a sacar o máximo partido á Fundación Semana Verde.

En declaracións aos medios tras reunirse cos empresarios, o titular de Presidencia lembrou que o obxectivo do Goberno galego é facer da Semana Verde unha entidade que se acabe autofinanciando e trasladou á patronal do Deza que “todas as aportacións de recursos á fundación van a ser benvidas”. Nese sentido, insistiu en que “hai que darlle viabilidade e movemento” á Fundación Semana Verde porque “é moito máis aproveitable”. Así, incidiu en que escoitará todas as propostas de plans de negocio que lle fagan os empresarios, que xa manifestaron o seu desexo de dispoñer con maior facilidade das instalacións de Silleda.

“A todos nos interesa ter unha fundación potente, activa todo o ano e a disposición de todos os empresarios e veciños do Deza”, coincidiu Alfonso Rueda, que se amosou disposto a dar facilidades para que as “magníficas instalacións” da fundación en Silleda “se poidan usar moito máis do que se usan agora”.

Finalmente, o conselleiro lembrou o compromiso do Goberno galego co futuro da Fundación Semana Verde, á que se aportou case un millón de euros para evitar a súa quebra e cuxo obxectivo é que se financie por si mesma. Nese sentido, Rueda explicou que calquera posible cambio no Padroado da Fundación, que se tería que abordar na reunión que terá lugar en setembro, iría nesa liña de buscar a viabilidade económica do organismo.

Ademais da cuestión da Semana Verde, o titular de Presidencia tivo oportunidade na reunión cos empresarios de facer balance destes cen días de Goberno, centrándose sobre todo nas cuestións económicas. Así, recordou as medidas de austeridade postas en marcha pola Xunta e o plan de choque que permitirá adicar máis de 140 millóns de partidas non prioritarias a gasto social, execución de infraestructuras e para garantir a liquidez das empresas galegas.