23 julio 2009

Homenaxe a Ramón Cabanillas no seu Cambados de sempre

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, afirmou durante a inauguración da mostra “Cabanillas e os artistas do seu tempo” que gracias ao poeta de Cambados “as grandes figuras do noso Rexurdimento como Pondal, Curros e Rosalía conectaron coas correntes máis innovadoras do seu tempo, o Modernismo e mailo Realismo”. O titular de Educación subliñou ademais que “arredor de Cabanillas, figuras como as de Castelao, Asorey, Palacios, Seoane, Cebreiro, Camilo Díaz e mailo seu fillo, o noso amigo Isaac Díaz Pardo, entre outros, forman unha constelación de estrelas que iluminan e dignifican a xeografía humana da nosa terra.”
Vázquez Abad fixo estas declaracións durante a inauguración da exposición “Cabanillas e os artistas do seu tempo” organizada polo Museo de Pontevedra e o Concello de Cambados. Na inauguración tamén estiveron presentes o Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Barxas e o alcalde de Cambados, Luis Aragunde.

Esta exposición realízase con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta, natural do concello pontevedrés. Nela, analízanse as relacións de Cabanillas cun numeroso grupo de artistas galegos, como Castelao, Lloréns, Asorey, Díaz Pardo, Seoane, Maside, entre outros, o que tamén nos permite coñecer a evolución creativa do poeta.

O titular de Educación destacou tamén a intención “pedagóxica e reivindicativa” que posúe a exposición e espera que sexa “o inicio dun exercicio de memoria histórica que moitos coma nós agardamos se repita noutros concellos” Pola súa parte, o Director Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Barxas, afirmou que esta iniciativa “permítenos dar un paso definitivo cara o reencontro con don Ramón, coa súa mirada e coa súa escrita”.
López Barxas declarou, tamén, que se “abraia de encontrar reunidos ao redor de Cabanillas a aqueles artistas galegos que lle deron a Galicia un paso máis como sociedade, un chanzo máis elevado nos diálogos do pensamento, da sensibilidade estética e da identificación colectiva que comezara nun Rexurdimento do que aínda somos herdeiros e debedores”.
Por último, o alcalde de Cambados, Luis Aragunde, subliñou no acto inaugural que “Don Ramón foi un dos cambadeses máis ilustres, un gran poeta que se inspirou nas paisaxes cotiás e inmemoriais da comarca, no duro traballo dos mariñeiros e dos labregos, a xente do mar e a do agro tan presente nos seus poemas”. A mostra “Cabanillas e os artistas do seu tempo” permanecerá aberta ata o vindeiro 20 de setembro no Pazo de Torrado de Cambados.