17 julio 2009

O Colexio de Xornalistas divulga un estudo sobre a precaria situación dos e das xornalistas en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) presentou esta mañá no Club Internacional de Prensa de Santiago o ‘Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia’, proxecto que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia. A rolda de prensa contou coa presenza do decano do
CPXG, Xosé Manuel Pereiro, e de Jorge Fente como representante da consultora
Cidadanía.
Na presentación do estudo, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, sinalou que
“agora o xornalismo é noticia, e cando é noticia é porque é mala noticia”. Neste
sentido, quixo aclarar que os datos do informe están recollidos “en época de vacas
gordas, cando aínda non fixera aparición a crise económica”. Con todo, salientou
certos datos relevantes sobre a precariedade laboral, como o feito de que un
27,6% declare traballar máis de oito horas, un 40,3% traballe máis de 22 días ao
mes, ou que o salario medio estea moi por baixo da media dos licenciados de
segundo grao.
Tamén estivo presente o representante de Cidadanía Jorge Fente, quen detallou as
cuestións técnicas de realización do informe e presentou un resumo dos datos
recollidos no mesmo. Fente destacou que os e as profesionais vían a precariedade
como a problemática máis preocupante e que o horario e o salario eran os factores
que suscitaban un maior grao de insatisfacción. Neste sentido, o estudo recolle que
un de cada dous xornalistas ten pensado cambiar de profesión.
O informe ven de ser elaborado con datos de xornalistas inscritos e inscritas no
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e no Sindicato de Xornalistas de
Galicia quen autocumprimentaron unha enquisa vía web e telefónica. Ademais,
tamén se realizaron entrevistas en profundidade a representantes de distintos
medios e organizacións do sector, así como unha consulta das bases de datos do
Servizo Público de Emprego Galego para pulsar as tendencias sociolaborais nas
persoas recén licenciadas. Os datos foron recollidos no segundo semestre do ano
2008, encargándose do traballo de campo a empresa Cidadanía.
O estudo recolle tamén datos sobre características demográficas, disponibilidade de
medios, uso do galego, satisfacción co posto, pluriemprego, ou presenza de
discriminación de xénero e de presións externas e internas na profesión
xornalística. O informe preliminar, así como o resumo técnico, pódese consultar na
web do CPXG xornalistas.com. Nos vindeiros días subirase a versión definitiva.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de
Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas
que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora
das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa
profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade
informativa en beneficio da sociedade galega