27 julio 2009

Medio Ambiente no dejará solos a los Concellos con los resíduos voluminosos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comezou hoxe a enviar unha carta a todos os concellos da Comunidade Autónoma para brindarlles a súa colaboración na xestión dos residuos sólidos voluminosos e informarlles da necesidade de tratar este tipo de refugallos. Lembra que Galicia conta, dende o ano 2005, cunha planta de titularidade pública (da propia Xunta de Galicia), especializada na valorización de lixo voluminosos, situada no Concello de Cerceda. Esta instalación ten a misión de dar unha resposta axeitada ao tratamento deste tipo de residuos (colchóns, mobles, etc.), que polas súas características non poden ser xestionados coma o resto dos refugallos urbanos que se recollen nos contedores.

Ata o de agora, moitos concellos viñan entregando este tipo de residuos a Sogama, que os eliminaba no vertedoiro de Areosa, tamén no Concello de Cerceda. Na actualidade, sucede que esta práctica non é hoxe ambientalmente axeitada, nin legalmente asumible, xa que, de acordo coa normativa europea, estatal e autonómica vixente sobre a materia, a autorización ambiental integrada outorgada a Sogama o 30 de abril de 2008 non lle permite xestionar estes residuos.

Ademais, a recente Lei 10/2008, do 3 de novembro, de Residuos de Galicia, tampouco o permite. Por estas razóns, a Sociedade Galega do Medio Ambiente deixará de admitir os devanditos residuos dende o vindeiro día 1 de setembro.

Na carta asinada polo secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, e enviada hoxe a todos os concellos galegos infórmaselles da alternativa proposta pola Consellería de Medio Ambiente para dar un tratamento axeitado aos residuos sólidos. Nese senso, na Comunidade Autónoma existen xestores debidamente autorizados que, dependendo do tipo concreto de residuo de que se trate, están especializados na súa recollida, almacenamento e tratamento.

Cómpre sinalar que os concellos galegos poden obter información sobre a identificación e localización destes xestores na páxina web do Sistema de Información de Residuos de Galicia (http://sirga.medioambiente.xunta.es).

O secretario xeral de Medio Ambiente manifesta na súa misiva o máximo interese da Consellería para que este proceso, que está motivado pola necesidade de dar cumprimento á legalidade vixente e de avanzar na mellora da protección ambiental, implique para os concellos as menores molestias posibles na xestión deste servizo público. Por último, Justo de Benito subliña á enteira disposición e colaboración para facilitarlles aos responsables municipais toda a información e o apoio que puideran precisar.