27 julio 2009

F-009 insiste en justificar las medallas para los anteriores presidentes de la Xunta

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na fin de semana a concesión das Medallas de Galicia aos catro ex presidentes da Xunta como a expresión dunha continuidade propia dos países de fonda raizame democrática, e que na nosa Comunidade foi tecida pola “materia prima ideolóxica” do galeguismo amable, “o fío que nunca se perdeu en Galicia”. “Foi tecida por unha maneira de entender Galicia que a fai máis forte, máis unida e máis cosmopolita”, asegurou o presidente galego na súa intervención no acto de entrega das Medallas de Galicia a Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, e Emilio Pérez Touriño.

O mandatario galego remarcou que esta cerimonia supón “a mellor proba” de que na Comunidade “existen valores compartidos e un camiño que é o mesmo para todos”. “Velaí a diferencia que separa os países de raizame democrática, daqueloutros nos que as normas de convivencia en democracia son epidérmicas. Nuns, existen valores compartidos e o sentimento patriótico non é privativo de ninguén. Noutros, o mesmo país está parcelado por minifundios irreconciliables que se miran con hostilidade”, asegurou.

Nesta liña, afirmou que parte do “milagre laico” que supón a andaina autonómica galega “sen vencedores nin vencidos, sen vítimas nin verdugos, sen romper vencellos con pobos irmáns, abríndose ao mundo, e recuperando unha personalidade que non precisa de inimigos para ser afirmar”, débese a teima de facer do galeguismo “unha casa común, e non unha divisa partidaria”. “Hai unha gran xenerosidade nesa concepción aberta que prefire abranguer no galeguismo a todo o país, por máis que iso requira renunciar a dogmas moito tempo cultivados”, destacou Feijóo. “Elaborar unha ideoloxía en función do pobo, e non pretender que o pobo se adapte a esa ideoloxía, é un principio tan fermoso como intelixente”, engadiu.

Así, o titular da Xunta asegurou que tanto os catro ex presidentes como os seus antecesores preautonómicos Antonio Rosón e Xosé Quiroga recoñeceron, na súa xestión ao fronte de Galicia, “que ademais do padroado apostólico do Noso Señor Santiago, había outro terreal e plural, exercido polo galeguismo amable”. “Por acción, devoción e convicción, os catro mandatarios simbolizan a galeguidade que rexeitou a resistencia estéril como solución as nosas inquedanzas”, remarcou Feijóo, quen engadiu que, para todos eles, “Galicia, España e Europa son círculos que teñen o home galego no seu centro”. Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe, Manuel Fraga Iribarne, e Emilio Pérez Touriño merecen por iso, explicou o mandatario galego, “a tripla distinción como presidentes de Galicia, como políticos españois que contribuíron a asentar unha idiosincrasia autonómica solidaria, e como figuras do europeísmo”.

“Todos eles son hoxe estandartes do heroísmo cívico definido por Castelao, o que transforma os desexos en realidades, e as ideas en feitos”, engadiu Núñez Feijóo, quen asegurou que, sendo Galicia peregrina polos camiños da historia, a eles correspondeulles unha etapa que percorreron con “honor e patriotismo”. “Presidentes, gracias por tantos desexos e ideas realizadas”, declarou.

Reivindicación da política e da historia da Autonomía
O presidente galego fixo, na súa intervención, unha reivindicación do político e lembrou que, “representados por estes catro galegos”, existen unha morea de servidores do ben común “que tiveron a sorte e o desafío de inventar unha Galicia que só existira no sentimento”. “A Galicia abondosa en pensadores que a imaxinaban, en poetas que a louvaban, en escritores que a narraban, en filósofos que intuían no pálpito do pobo, precisaba de políticos que a fixera. E tívoos”, destacou.

Así, o titular da Xunta afirmou que os catro ex presidentes son testemuñas do difícil que foi erguer “esa nova catedral civil na que ían habitar os galegos do futuro”. “Asombra ver o que se fixo –manifestou Feijóo- Admira que un sistema que aínda botaba a andar, superara situacións difíciles, e que a cidadanía vivira con naturalidade e grandeza as remudas ao fronte do Goberno galego. Digámolo: todo iso foi posible polo carácter da nosa xente, e polo acerto de políticos que se elevaron das súas siglas partidarias ata acadar o recoñecemento para sempre do pobo ao que serviron: Galicia”.

No transcurso da súa intervención, o presidente galego asegurou que o tempo sentencia que Galicia tivo excelentes guías. “Tivo e aínda ten. Porque segue habendo desexos que esperan ser realidades. Porque segue habendo ideas que agardan que alguén as esperte para tomar vida”, asegurou. Nesta liña, Núñez Feijóo afirmou que, aínda que non hai “unha escola de presidentes”, el síntese discípulo “destes homes que deixan un valioso maxisterio”, “Vexo en Xerardo Fernández Albor a quen soubo facer do sentido común o ingrediente necesario da política; valoro en Fernando González Laxe a cercanía a xente, lonxe de anacrónicas solemnidades; quixera aprender, don Manuel, da súa entrega total a un país de cuxa paisaxe xa forma parte para sempre; teño en Emilio Pérez Touriño o exemplo do que loita pola autonomía cando mesmo era arriscado soñala, para rexila despois con impecable dignidade”, destacou.

“Os pobos que reaccionaron con medo e os dirixentes que optaron polo inmobilismo, xa son estatuas de sal nos museos da historia. Galicia é o mellor exemplo de que un país non perece se é quen de utilizar os cambios no seu proveito, con ideas novas, con respostas audaces, con políticas que unan”, concluíu.